bambara

bambara
  1. adx

    Relativo ou pertencente aos bambara ou á súa lingua.

  2. s m

    Individuo do pobo bambara.

  3. s m [ETN]

    Poboación sudanesa, estimada nun millón de individuos, do grupo mandinga, concentrada principalmente en Mali, nas rexións de Bamako, Ségou (na marxe do Níxer medio) e Sikasso (na ribeira do Bagoé e do Bani), e espallados noutros grupos menos numerosos no Senegal (na conca do río Saloum). Os bambara posúen unha cultura de carácter tradicional negroafricano; sen embargo, está parcialmente influída polo Islam. Falan unha lingua do grupo mandinga. Posúen unha arte salientable, da que é particularmente coñecida a produción de máscaras. Establecéronse na rexión de Ségou cara ao s XIII e constituíron, na segunda metade do s XVII, os reinos de Ségou e de Kaarta, que substituíron o antigo Imperio de Mali. Estes reinos, que nunca conseguiron un grao de cohesión política comparable aos imperios de Ghana, Mali ou Songhai, persistiron ata finais do s XIX, cando foron ocupados polo francés Archinard (1890-1893).

  4. s m [LING]

    Lingua africana da familia mandinga noroccidental. Fálana aproximadamente un millón de bambaras de Mali, Burkina Faso, Senegal e outros países.

Palabras veciñas

bamalip | bambán | Bambán | bambara | Bambata | bambeante | bambear