Banco Pastor
Entidade bancaria xurdida en xaneiro de 1925, cando a Casa de Banca José Pastor da Coruña, fundada en 1776, se converteu en sociedade anónima. No mesmo ano de 1925 absorbeu o Banco de Vigo. Ricardo Rodríguez Pastor e Pedro Barrié de la Maza foron os artífices da conversión da sociedade familiar en banco. O primeiro deles presidiuno ata 1939, ano no que Barrié accedeu ao posto, que ocupou ata o seu pasamento en 1971. Dende aquela, a súa dona, Carmela Arias e Díaz de Rábago, ostenta a presidencia. Durante toda a súa traxectoria, pero moi especialmente dende o mandato de Barrié, o Banco Pastor proporcionou, ben mediante o investimento directo, ben mediante a concesión de préstamos, o respaldo financeiro para a constitución de numerosas sociedades industriais do país, entre as que cómpre salientar: ASTANO, FENOSA, INGASA, MZOV e PEBSA. A entidade é unha das máis solventes do estado español e un dos piares básicos do sistema bancario galego. Galicia constitúe o mercado sobre o que proxecta a práctica totalidade das súas actividades bancarias e tamén dos seus investimentos. Entre os produtos e servicios que oferta cómpre salientar os seguintes: contas e depósitos, préstamos, fondos de investimento, plans de pensións, seguros, United Linked, tarxetas 4B e de crédito e algúns servicios internacionais. Ademais, desenvolveu a banca electrónica con servicios como a Oficina Directa, Línea Pastor, PastorNet, PastorNet empresas e Efectivo 98. O Banco Pastor participa, directa ou indirectamente, nunha porcentaxe superior ao 10%, en 54 sociedades, das cales 13 pertencen ao grupo financeiro e 41 ao empresarial. Participa, ademais, noutras 113 sociedades nunha porcentaxe inferior ao 10%. Entre as empresas do grupo cómpre salientar as seguintes: Fingalicia, que participa en proxectos empresariais de elevado interese estratéxico; Sermática, de tecnoloxía e servicios informáticos; Gepasa, dedicada á promoción e xestión inmobiliaria; Saite, promoción inmobiliaria; Inmobiliaria La Toja, que desenvolveu a promoción inmobiliaria e a urbanización da Illa da Toxa; Finisterre e La Toja SA, do sector hostaleiro; e Hullas del Coto Cortés, que se dedica á explotación de xacementos carboníferos en Asturias e León. Os orzamentos da Fundación Pedro Barrié de la Maza proceden dos beneficios que obtén o Banco Pastor.