barrantes

barrantes

(< topónimo Barrantes)

s m

Denominación que recibe un tipo de viño que se produce no concello de Ribadumia e nalgunhas parroquias de Cambados, Meaño, Meis, Portas e Vilanova de Arousa, sempre dentro do val pontevedrés do Salnés. É un produto artesanal, aínda que de orixe recente, xa que está elaborado a base do froito de modernos híbridos da vide, fundamentalmente dos chamados popularmente folla redonda e americano (os cales, como todo híbrido da Vitis vinifera, non están autorizados para vinificación). O resultado é un caldo tinto moi cuberto e algo basto, que mancha vistosa e caracteristicamente as cuncas nas que se adoita servir, sendo o seu gusto suave, a mosto, lixeiramentte astrinxente e acedo, cunha moderada gradación alcohólica. Normalmante consómese no ano. Gozou dunha gran popularidade a nivel local a partir de mediados do s XX e na actualidade está facendo mermar o labor do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas a prol das castes de uva autóctonas e recoñecidas, aínda que conserva núcleos de consumo en relación sobre todo cos chopos das tabernas e as comidas graxas, como cocidos ou sardiñadas. Desde 1969 celébrase en Barrantes, cada primeira fin de semana de xuño, a Festa do Viño Tinto do Salnés, na que este produto comparte protagonismo cos viños feitos con castes autorizadas propias da zona, como o Caíño e o Espadeiro.

Palabras veciñas

Barranco León | Barranquete | Barranquilla | barrantes | Barrantes | Barrantes | Barrantes