bocio

bocio

(< lat v bocĭu)

s m [PAT]

Aumento de volume da glándula tiroide. Pode estar provocado por diversas causas: por inxestión escasa de iodo (bocio endémico ou simple), no que ás veces predominan nódulos ou quistes (bocio multinodular); por inflamacións ou por infeccións (tiroidite aguda, subaguda, autoinmune ou de Hashimoto, fibrosa ou de Riedel, etc); por hiperfunción da glándula tiroide, de causa inmunolóxica (bocio difuso tóxico) ou enfermidade de Graves-Basedow; por tumores benignos hiperfuncionantes (bocio nodular tóxico) ou non funcionantes (bocio nodular non tóxico); e por tumores malignos. O bocio aberrante é o que se desenvolve a costa dunha tiroide accesoria. O bocio pendular é moi voluminoso e colga diante do pescozo. O bocio endémico, que tivo unha grande incidencia en Galicia, pode levar a un hipotiroidismo grave con afectación da actividade física e mental (ananismo, xordeira, retraso mental, etc). O ser humano ten unhas necesidades diarias de iodo duns 100-150 microgramos/día; desta cantidade, máis do 75% requírese para a síntese de hormonas tiroideas. Unha inxestión inferior aos 20 microgramos/día provoca unha carencia de iodo; isto orixina unha diminución da produción de hormonas tiroideas, que comporta un aumento da hormona estimulante do tiroides (tirotrofina), que causa a hiperplasia dos folículos tiroideos. A falta de iodo pódese valorar co índice de ioduria, xa que este elemento se elimina nun 90% nos ouriños. En Galicia apareceu este tipo de bocio debido ao baixo contido en iodo das augas e, xa que logo, das terras e dos cereais, legumes, verduras e carne dos animais que as pastan, e tamén ao pobre consumo de peixe, factores que aumentan nas áreas de montaña. Por outra banda, a dieta galega é abundante en grelos, repolos, verzas e outras plantas do xénero Brassica, que conteñen substancias que dificultan a absorción de iodo, como os tiocianatos, ou que interfiren na síntese de hormonas tiroideas, como a tioxazolidona ou a progoitrina. A prevención deste tipo de bocio baséase nunha dieta variada e equilibrada e na utilización de sal iodado, segundo o Informe da OMS do 1980.

Sinónimos

Palabras veciñas

bochorno | bochudo -da | Bochum | bocio | bock* | Bock, Hieronymus | Böcklin, Arnold