Braganza
-
[ONOM]
Apelido que ten a súa orixe no topónimo portugués Bragança. Este nome de lugar deriva, á súa vez, de *brigantia, termo formado coa base celta briga ‘altura, elevación’. Este apelido documéntase en textos galegos desde o s XII: “Menendus Bregancia alferez regis” (doc ano 1158 en P. García de Loscertales Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes, 1976 p 439), “Menendus Bragancia alferiz” (doc ano 1158 en Manuel Lucas Álvarez El tumbo de san Julián de Samos: siglos VIII-XII, 1986, p 478).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe de orixe portuguesa que pasou a Galicia e emparentou con ilustres familias como Valcárcel, Losada, Balboa, Pimentel, Figueroa, etc. As súas armas levan, en campo de azul, unha flor de lis de ouro en abismo, acompañada de seis dados ou quinas de prata, cargadas de cadanseus cinco puntos de sable, postos en aspa. Tamén se recolle outra variante que trae, en campo de azul, cinco crecentes de prata, postos en aspa, con cadansúa estrela de ouro.