bravú, movemento
Movemento literario e musical xurdido en Galicia nos anos 90. A literatura bravú ten a súa orixe no eido da música, no chamado rock bravú. Preséntase como unha análise da modernidade dende posturas ruralistas, por oposición ao urbano, á capital, ao centro. A literatura bravú busca ser un signo de identidade, unha forma de comunicación para a cultura rural ou semiurbana que oscila entre o apego á tradición popular (as verbenas, as feiras, as tascas, etc) e as contribucións da vida moderna. Baixo a etiqueta bravú, o sentimento de marxinalidade transfórmase nunha afirmación de orgullo popular: “Vivimos no cu do mundo pero temos bravura para tronza-lo Universo”. Este modo de sentir, que se proclama coa forza e a paixón do que está sen domesticar, do indómito, maniféstase xa na palabra escollida para denominar a tendencia, que alude ao bravío da carne. A tralla e a arroutada (1995), de Xurxo Souto, constitúe un feito fundacional na medida en que se compón dun conxunto de textos ou tokes que recollen os presupostos básicos desta estética. Fumareu (1997), do mesmo autor, Fridom Spik (1995) e Todo a Cen (1995) de Santiago Jaureguízar, xunto a algunhas pezas de Manuel Rivas, tamén se encadran baixo a bandeira bravú. En canto á música, este movemento aglutina unha serie de bandas que, sen seguir unha liña de actuación común, coinciden nunha concepción da música que mestura as raíces populares co rock. Tendo como precedente o rock galego que facían na década dos 80 Siniestro Total e Os Resentidos, e como referente inmediato a Mano Negra e Negu Gorriak, entre outros, cultivan unha estética baseada no espírito de festa e no folclore popular (na memoria teñen a orquestra Los Satélites, a charanga do Cuco de Velle ou a voz de Pucho Boedo), que se transmite mediante ritmos e instrumentos propios da música moderna, isto é, unha estética que mantén a identidade tradicional galega, expresada en primeiro lugar no idioma e producida a través das novas formas artísticas. A esta corrente adscríbense grupos como Os Diplomáticos de Monte Alto, Papaqueixos, Bochechiñas, Pinto de Herbón, Skornabois, Impresentables, Ruxe-Ruxe e O Caimán do Río Tea, entre outros. O afán destes grupos por darse a coñecer deu pé a unha serie de actos colectivos que se sucederon en Chantada entre os anos 1993-1996. Na segunda xuntanza, celebrada o 31.10.94, asentáronse as bases do posterior Manifesto de Viana, onde se recolleu a declaración de principios do rock bravú. Tamén hai que mencionar o disco Unión Bravú, primeira antoloxía deste tipo de manifestación musical, e o programa da Televisión de Galicia, Xabarín Club, empregado como canle de difusión. Dende 1997 o movemento bravú conta cunha nova vía de expresión na revista Bravú.