brechtiano, teatro

brechtiano, teatro
[ESPECT]

Teoría da posta en escena baseada, fundamentalmente, no principio de estrañamento ou distanciación, principio polo que Brecht propuña un teatro antiilusionista, capaz de provocar no espectador unha mirada e un posicionamento crítico diante da historia que contemplaba. Entre os elementos máis significativos dese teatro épico cómpre salientar a ruptura da estrutura dramática clásica para construír unha trama que se estrutura en pequenas escenas sen nexos de continuidade, o uso da música e de cancións para provocar rupturas ou presentar elementos e feitos que provoquen a recepción reflexiva do espectador, a escolla dunha estética realista marcadamente antinaturalista e a formulación práctica dunha teoría da interpretación que recolleu no seu Pequeno órganon para o teatro (1949). Cámbiase a dimensión espectacular pechada e pasiva do teatro aristotélico, burgués ou paternalista por outra especular que reenvía ao espectador a súa propia imaxe de xeito activo e aberto. Neste teatro épico, as persoas móstranse no proceso de producir as súas propias situacións procurando a toma de conciencia desde unha análise da perspectiva complexa da realidade, sen que sexa posible a identificación e a catarse. É moi frecuente o recurso dun narrador ou raisonneur para producir un distanciamento estético entre o espectáculo e o receptor que, desde a ollada épica da distancia, descobre a situación real da sociedade á que pertence, véndose obrigado a participar criticamente. Brecht intenta, ademais, superar a descrición aséptica das relacións interpersoais nun momento histórico para transformar efectivamente este tecido de relacións. Mediante a transposición da acción ao tempo pasado e a transposión á terceira persoa, fronte ao eu e o ti do teatro aristotélico, conséguese un distanciamento do realismo ilusorio e unha exploración máis profunda dos artificios da ficción no teatro. Nas obras épicas o destinatario acompaña ao autor no proceso de produción de sentido, non son obras rematadas, senón que precisan dunha complicidade de construción que ten como finalidade última transformar o mundo. A influencia de Brecht é, sen dúbida, a máis importante do teatro deste século. En Galicia é moi significativa, non só pola influencia que a súa escrita ou as súas formulacións teóricas poidan ter na obra de autores como Daniel Cortezón, Agustín Magán, Euloxio Ruibal, Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño ou Camilo Valdeorras, senón tamén polo número de espectáculos creados a partir dos seus textos, propostas entre as que cómpre subliñar: o fragmento “A feira dos criados” de O señor Puntilla e o seu criado Matti levada a cabo por Manuel Lourenzo e o grupo O Facho en 1966; O que dixo si e o que dixo non (1968), da Aula de Teatro do Liceo de Betanzos; O círculo de tiza caucasián (1976), do Grupo de Teatro do Círculo de Perlío; Antígona (1976), do grupo Histrión 70 e un número importante de espectáculos creados por grupos escolares como O proceso de Lucullus, que dirixiu Antonio Simón na Universidade da Coruña a mediados da década de 1960. En 1993 o grupo Teatro do Noroeste estreou Galileo Galilei (1993); en 1995 representouse A ópera de a patacón, adaptación de Roberto Vidal para Teatro do Aquí; en 1996 Terror e miserias da nación poderosa, da Aula de Teatro da Universidade de Vigo en Ourense e en 1998 Ascensión e caída da cidade de Mahagonny, coprodución de Teatro do Noroeste de Viana do Castelo e Teatro do Noroeste de Santiago de Compostela. En galego publicouse Dansen (1981), en versión de Miguel Pernas, O parable ascenso de Arturo Ui (1998), traducido por Sonsoles Cerviño, Pequeno órganon para o teatro (1998), traducido por María Monserrat Vázquez-Estévez e a adaptación de Roberto Vidal Bolaño, A ópera de a patacón (1998).

Palabras veciñas

brecha | brecha | Brecht,Bertolt | brechtiano, teatro | breco -ca | Breda | Breda