cabaré

cabaré

(< fr cabaret)

s m [ESPECT]

Espacio teatral onde se combina a presentación de números musicais, pequenas escenas, sátiras e parodias co servizo de bar. Un dos primeiros establecementos foi Le Chat Noir de París, aberto en novembro de 1881. A principios do século XX, Max Reinhardt e un grupo de actores do Deutsches Theater crearon un local similar en Berlín, Schall und Rauch, mentres en Múnic abrían as súas portas o Elf Scharfrichter e o Simplicissimus. En Barcelona hai que destacar Els Quatre Gats e en Moscova o célebre Letuchaya Mysh (O Morcego), creado por Nikita Baliev ao abeiro do Teatro da Arte. Mentres en Francia ou España os espectáculos de cabaré se asociaban ao que se coñece como “revista” ou “music-hall”, en Alemaña produciuse unha estraña combinación entre tradición e vangarda e as salas pasaban a ser un lugar onde se xuntaban grupos vangardistas e activistas políticos da esquerda máis radical, que terán un rol importante na resistencia inicial contra o nacismo. Esa mesma orientación transgresora e vangardista tiñan algúns dos cafés literarios que se abren en Rusia, particularmente os de San Pestersburgo, o Krivoe Zerkalo (O espello torcido), creado en 1908 e o Brodyachaya Sobaka (O can de palleiro), aberto entre 1913 e 1915. En México o cabaré gozou dun gran desenvolvemento ata a década dos corenta e foi a partir deses espectáculos como Mario Moreno Cantinflas deu forma ao seu personaxe máis universal: o pelandrán. Frank Wedekind, Vesevolod Meyerhold, Vladimir Mayakovsky, Yves Montand, Edith Piaff, Bertolt Brecht ou Karl Valentin son algúns dos moitos artistas que nalgún momento da súa carreira estiveron vinculados á vida do cabaré.