Cabinda
Provincia de Angola (7.270 km2; 199.000 h [estim 1996]). Constitúe un enclave costeiro, ao N da desembocadura do río Congo. A súa capital é Cabinda (21.124 h [1996]). A produción de petróleo (600.000 barrís de cru diarios en 1997), o cacao e o aceite de palma son a base da súa economía. Cabinda é o escenario dun conflito armado dende 1975 entre as Forzas Armadas angolanas e as dúas guerrillas autóctonas: a Fronte de Libertação de Cabinda-Forças Armadas de Cabinda (FLC-FAC), liderada por Henrique Tiago Nzita, que opera na selva de Maiombe, e a Fronte de Libertação do Enclave de Cabinda-Renovado (FLEC-R), comandada por Josê Tiburcio Luemba, no norte do río Chiloango. Os antecedentes históricos deste conflito remóntanse ao Tratado de Simulambaco, asinado o 1 de febreiro de 1885 entre a monarquía cabindesa e Portugal, En virtude deste tratado, Cabinda quedaba baixo a protección de Portugal que se comprometía a manter a independencia e integridade territorial do país africano. Non obstante , en 1956 Portugal integrou o territorio como un enclave dentro da administración angolana nunha decisión non aceptada polos cabindeses nin polo comité descolonizador das Nacións Unidas. Cando en 1975 Angola acadou a súa independencia, Cabinda pasou a depender do novo goberno independente que, dende ese momento, considerou o enclave como unha parte do seu territorio e a cuestión da independencia de Cabinda como un asunto interno, non aceptando a mediación internacional. Ademais, as compañías petroleiras Cabinda Golf Oil Corporation e Chevron (EE UU) e Elf-Aguitaine (Francia), que controlan a produción de petróleo, presionan o goberno de Angola para que acabe coa guerra que afecta ao territorio. Descoñécese o número de mortos causados polo conflito, aínda que constan 50.000 desprazados internos e uns 350.000 refuxiados na República do Congo e na República Democrática do Congo.