Calasanz, Xosé de
san (Peralta de la Sal, Huesca 11.9.1557 - Roma 1648) Eclesiástico e educador, fundador da orde dos Escolapios. Estudiou xurisprudencia e filosofía na Universitat de Lleida e teoloxía nas de València e Alcalá de Henares. Ordenado sacerdote o 17 de decembro de 1583, desempeñou diversas responsabilidades eclesiásticas en Aragón e Catalu-nya, ata que en 1592 se estableceu en Roma onde no 1597 fundou unha escola gratuíta, que máis tarde se converteu na Congregación Paulina de Nosa Señora da Escola Pía, elevada a orde relixiosa por Gregorio XV en 1621, e destinada á educación dos sectores populares. En 1638 enviou a Melchiorre Alacchi a Guissona para abrir o primeiro colexio da Escola Pía na Península Ibérica. Calasanz foi un dos primeiros que se preocupou por realizar por toda a Europa católica un labor eficaz de formación elemental establecendo unha organización escolar e preocupándose pola formación dos mestres. Ademais, apoiou a creación dun ensino popular e gratuíto que puidese atender as necesidades dos nenos máis pobres e abandonados. Entre as innovacións pedagóxicas estableceu o límite de alumnos en cada aula, introduciu o ensino do canto, combinou relixión e instrución e defendeu “a boa e cristiá educación para fomentar a virtude e a felicidade”. Empregou nas súas escolas o método intuitivo, cíclico e gradual e distribuíu a instrución en primaria, secundaria e superior, impartida en locais separados e con mestres diferentes. O Papa Benedicto XIV beatificouno o 18 de agosto de 1748 e o Papa Clemente XIII canonizouno o 16 de xullo de 1767. A súa festa celébrase o 25 de agosto. En España, está considerado como o patrón do profesorado de educación primaria, pero en Galicia, con todo, os escolapios teñen escasa presencia, agás nos casos de Celanova e Monforte de Lemos.