cámara

cámara

(< lat v camăra < lat camĕra < gr καμάρα ‘bóveda’)

  1. Liñaxe galega, oriúnda de Portugal, que se estendeu a Santander, Burgos, Araba, Guadalajara, Soria, Murcia, Logroño e Valladolid. A esta caste pertenceu a heroína coruñesa Mayor Fernández de la Cámara Pita, coñecida popularmente como María Pita. Os de Galicia e Castela levan como armas: en campo de ouro, un corazón de goles atravesado por unha frecha de prata e cantonado de catro ventás de azul, cargadas con cadansúa flor de lis de ouro. Algúns recollen, en campo de sable, un castelo de prata cunha soa torre e dous lobos de ouro empinados aos seus muros. Outra variante trae escudo partido: primeira partición, en campo de prata, catro faixas de azul; segunda partición, en campo de prata, cun león rampante da súa cor.

  2. s f
    1. Compartimento ou estancia principal dunha casa, en especial o cuarto onde se dorme.

      Confrontacións: apousento, peza.
    2. Sala ou conxunto de salas dunha residencia reservada ao soberano, aos seus familiares ou á corte, accesible só a determinados oficiais e servidores, aos embaixadores e persoas de rango elevado.

      Confrontacións: apousento.
    3. [MAR]

      Departamento dun navío destinado ao aloxamento e á estadía dos pasaxeiros, do capitán e dos oficiais. En moitos casos localízase na parte central do barco e constitúe o compartimento principal, e con frecuencia, o único.

      Sinónimos: cabina, camarote.
    4. [MAR]

      Cada un dos departamentos do casco dun navío separados por tabiques ou pranchas, como a cámara de máquinas, a cámara de caldeiras ou a cámara de aloxamento.

    5. [ARQUIT]

      Teito abovedado ou estancia cuberta por unha bóveda.

    1. s f

      Recinto ou oco que realiza unha función determinada.

    2. cámara acoirazada

      Local revestido de pranchas de aceiro e provista de elementos de seguridade, que substitúen, nun establecemento bancario, á caixa forte cando a súa capacidade é insuficiente.

    3. cámara de aire

      Espacio oco no interior dos muros que serve de illamento.

    4. cámara de armas arc

      Sala onde se gardan armas.

    5. cámara de gas

      Local hermeticamente fechado onde se inxectan gases tóxicos para asfixiar persoas ou animais. Empregada por primeira vez en 1924 no estado de Nevada, en EE UU, despois utilizouse nos campos de concentración nazis.

    6. cámara de mestura

      Local no que se almacena o algodón ao saír dos abridores de balas, para que recupere a elasticidade e perda o exceso de auga que poida ter.

    7. cámara frigorífica

      Compartimento de paredes termicamente illadas, mantido a baixa temperatura por medio dunha máquina frigorífica.

    8. cámara hiperbárica

      Compartimento hermético, xeralmente metálico, que permite resistir no seu interior presións superiores á atmosférica. A cámara hiperbárica terapéutica utilízase para o tratamento dos accidentes derivados da descompresión e a sobrepresión que se producen na práctica do submarinismo; tamén se tratan doenzas como a gangrena gasosa, as intoxicacións por monóxido de carbono, as embolias gasosas e outras enfermidades.

    9. cámara mortuoria

      Sala na que se vela o corpo dun defunto antes do enterro.

  3. [TECNOL]
    1. cámara de combustión

      Recinto dun motor onde se efectúa a combustión. Nos motores alternativos ocupa o volume do cilindro comprendido entre a culata e o pistón, situado no punto morto superior. Nos de acendido por chispa, a súa forma está determinada pola necesidade de obter unha boa turbulencia e de evitar ao máximo o perigo de detonación; tamén depende da disposición das válvulas laterais ou da culata. Nos motores de acendido por compresión, a combustión pódese producir nunha única cámara, denominada de inxección directa, ou en dúas cámaras, denominadas principal e cámara de precombustión, tamén coñecidas como antecámara ou cámara de acumulación de aire, segundo os casos. A cámara de combustión das turbinas de gas está situada entre o compresor e a turbina. A dos turborreactores pode ser única, de tipo anular, ou ben múltiple, de tipo tubular; o tubo interior destas últimas chámase tubo de chama. A cámara de combustión do motor foguete está unida directamente á tobeira; a relación entre o volume e a sección da cámara denomínase lonxitude característica.

    2. cámara de gases

      Cámara tubular das armas automáticas de recollida de gases, base do funcionamento no mecanismo de automatismo.

    3. cámara de recuperación

      Cámara de instalación dun forno, dunha caldeira, etc, pola que pasan os gases e os fumes co fin de recuperar a calor.

    4. cámara de vapor

      Espacio que ocupa o vapor nunha caldeira, comprendido entre a superficie da auga e a parte superior daquela.

    5. s f

      Compartimento ou recinto dun instrumento ou dunha máquina no que ten lugar algún proceso químico, eléctrico ou doutro tipo, ou no que se gardan gases ou circuítos.

    6. cámara de aire

      Recipiente tórico de caucho que contén aire a presión no interior dun pneumático ou dun balón.

    7. cámara de carga

      Depósito construído ao final dunha canle dunha central hidroeléctrica do que saen os tubos que conducen a auga ás turbinas.

    8. cámara de combustión

      Parte central dun fogón, onde se poñen primeiramente en contacto o combustible e o comburente.

  4. [TECNOL]
    1. s f

      Aparato capaz de rexistrar imaxes fixas ou en movemento, que emitan ou reflictan luz ou outra radiación electromagnética, para logo ser reproducidas.

    2. cámara balística

      Cámara fotográfica deseñada para seguir o movemento de máquinas satelizadas co fin de determinar a súa órbita e, se esta xa se coñece, de precisar a posición xeodésica do centro terrestre de seguimento.

    3. cámara clara/cámara lúcida

      Aparato que permite proxectar a imaxe óptica dun obxecto sobre unha pantalla para poder debuxala. Ideada por W. H. Wollaston en 1812, está constituída esencialmente por un prisma de reflexión total colocado de tal xeito que permite ver, ao mesmo tempo, a imaxe reflectida e a prancha de debuxo.

    4. cámara de formato medio

      Cámara en forma de caixa, con obxectivos intercambiables e cunha pantalla de enfoque na parte superior. Proporciona unha imaxe tres ou cinco veces maior ca a de 35 mm.

    5. cámara de televisión

      Aparato que converte as imaxes luminosas en sinais eléctricos co fin de podelas transmitir a distancia. A cámara efectúa a análise da imaxe e consta de tres partes fundamentais: o sistema óptico, o tubo analizador ou de conversión e os circuítos electrónicos. O sistema óptico, análogo ao das cámaras fotográficas, forma a imaxe de escena na superficie sensible do tubo de conversión. Este é un transdutor de sinal luminoso a eléctrico, con frecuencia un recinto pechado onde se fixo o baleiro, que ten no interior unha superficie recuberta dun material que cambia as súas características ao recibir a luz. Este cambio recólleo un feixe explorador de electróns moi fino que percorre toda a imaxe punto por punto. Empréganse diferentes tipos de tubos: o orticón, para tomas de imaxe en directo, o iconoscopio, o máis antigo e en desuso, e o vidicón, máis sinxelo ca os anteriores e empregado cando a calidade de imaxe non é primordial. Os circuítos electrónicos inclúen os amplificadores, os circuítos de deflexión que dirixen o feixe explorador, os dispositivos de sincronismo e os xeradores de tensión para o tubo de conversión, entre outros. As cámaras para televisión a cor constan de tres tubos de conversión; a cada un deles chega unha das tres cores fundamentais (vermello, azul e verde), separadas previamente polo sistema óptico.

    6. cámara de vídeo

      Cámara de televisión portátil e autónoma que leva incorporado un magnetoscopio. Consiste esencialmente nunha pequena cámara de televisión cunha óptica de obxectivo único de focal variable ou zoom, dotada dun tubo de imaxe de pequenas dimensións (1/2’’), de tipo vidicón ou dun dispositivo analizador de imaxe, de estado sólido, do tipo CCD. O sinal electrónico xerado polo tubo ou polo analizador grávao directamente o magnetoscopio miniaturizado sobre a cinta magnética dunha casete, ou videocasete, de 1/2’’ ou de 8 mm.

    7. cámara dixital

      Aparato electrónico que toma imaxes fixas ou en movemento cun dispositivo dixital do tipo CCD e que, ben as transmite directamente a un ordenador ou ben as grava nun disco sen empregar película fotográfica. Está dotada dun sensor de imaxe electrónico e sensible á luz que pode conter un número determinado de fotografías. A especificación máis importante nunha cámara dixital é o número de pixels da imaxe. Para mostrar os mesmos detalles ca unha boa diapositiva de 35 mm, unha cámara dixital precisa obter imaxes de aproximadamente 2.000 por 3.000 pixels, malia que unha imaxe moito menos detallada de 200 por 300 pixels é satisfactoria para instantáneas pequenas. A imaxe dunha pantalla de televisión equivale a 400 por 600 pixels.

    8. cámara electronográfica/cámara electrónica

      Cámara fotográfica de imaxe electrónica colocada no foco dun telescopio, forma a imaxe óptica do obxecto estudiado sobre unha superficie fotoemisiva situada nun recinto sometido ao baleiro; os fotoelectróns emitidos aceléranse e focalízanse sobre unha placa fotográfica de material sensible aos electróns, que posteriormente se revela. Permite facer exposicións moi curtas e obter imaxes moi puras. Ideouse para obter imaxes ópticas de obxectos febles ou moi afastados.

    9. cámara escura

      Cámara totalmente fechada á luz que presenta nunha das paredes un pequeno buraco polo que entran os raios de luz procedentes dun obxecto exterior; estes raios de luz determinan unha imaxe que se recolle na superficie interior da parede oposta. A cámara escura compórtase opticamente como unha lente converxente e dá unha imaxe invertida. Foi descrita por al-Kindī (s IX) e Giambattista della Porta (s XVI), aínda que os exipcios, Aristóteles e Roger Bacon (s XIII), xa a coñecían. Usada por Niepce e Daguerre para imprimir unha placa sensible, é a antecesora da cámara fotográfica.

    10. cámara estenopeica

      Cámara fotográfica na que o obxectivo se substitúe por un pequeno buraco que fai as funcións de lente converxente, a fin de conseguir unha imaxe suave, con gran profundidade de campo.

    11. cámara estereoscópica

      Cámara fotográfica que capta dúas imaxes dun obxecto tomadas desde dous puntos de vista separados por unha distancia igual á distancia entre os ollos. O par estereoscópico así obtido pode ser visualizado mediante o estereoscopio.

    12. cámara fotográfica/cámara de fotos/ máquina de fotografías/máquina fotográfica

      Aparato que permite gravar a imaxe dun obxecto sobre un soporte sensible, que consiste esencialmente nunha cámara escura dotada dun sistema óptico, o obxectivo, que recolle os raios de luz que emite ou reflicte o obxecto que se quere fotografar e forma unha imaxe sobre a superficie plana na que está colocada a película fotosensible que, unha vez impresionada, rexistra esa imaxe. Xeralmente, as cámaras fotográficas constan tamén dos dispositivos seguintes: un obturador, accionado mediante un disparador, que regula o tempo de paso da luz exterior; un visor, constituído por un ocular, que permite ao fotógrafo encadrar o obxecto; un dispositivo de enfoque manual, chamado anel de enfoque e dotado xeralmente dun telémetro de imaxe partida ou similar, ou ben un sistema de enfoque automático ou autofoco; un diafragma regulable ou diafragma iris, que limita a cantidade de luz que atravesa o sistema óptico; un fotómetro ou un exposímetro, co que se determina a velocidade de obturación e a abertura do diafragma que son convenientes para unha exposición correcta; un chasis para almacenar a película e un mecanismo de avance desta; unha peza de contacto co flash que en ocasións pode estar incorporado á cámara e, finalmente, dispositivos accesorios, como o retardador ou temporizador, e o previsualizador da profundidade de campo. Os diferentes tipos de cámaras fotográficas distínguense pola forma en que o fotógrafo visualiza o obxecto, segundo sexa cámara réflex ou cámara de visor directo; polo sistema de enfoque que teñen, manual ou autofoco; polo sistema de axuste de exposición e de apertura, xa sexan cámaras manuais, semiautomáticas ou automáticas; polo formato da imaxe que rexistran; polo procedemento que se usa para gravar esta imaxe, segundo se efectúe por sensibilización dunha emulsión fotosensible, pola gravación sobre un soporte magnético ou polos sistemas de revelado instantáneo; e, por último, pola finalidade para a que foron deseñadas distínguense entre outras, a cámara aérea, a cartográfica, a fotogramétrica, a panorámica, a submarina ou a subacuática, de alta velocidade e termográfica. As cámaras SLR, cámaras réflex dun só obxectivo, presentan a prominencia do pentaprisma do visor de reflexión na parte superior do chasis, e adoitan empregar o formato de paso universal, cun negativo de 35 mm de largo, que dá imaxes de 24x36 mm; son as máis versátiles por mor da gran gama de obxectivos intercambiables e accesorios que posúen. As cámaras SLR para carretes traballan con formatos meirandes (4,5x6, 6x6 e 6x7 cm) e substitúen o pentaprisma por un visor pregable. As cámaras compactas de visor directo teñen, polo xeral, un obxectivo único e fixo, e empregan o formato de paso universal ou o 110 (película de 16 mm de ancho). As cámaras TLR, cámara réflex de dous obxectivos, empréganse á altura do van, xa que o obxectivo superior proporciona unha imaxe que pode ser encadrada nesta posición, mentres que o obxectivo inferior forma a imaxe sobre a película. As cámaras de estudio empregan películas en follas e realizan fotografías en gran formato (13x18 ou meirandes). As cámaras instantáneas poden ser SLR ou de visor directo, e proporcionan, segundos despois de realizar a exposición, unha fotografía xa revelada e fixada. Finalmente, existen cámaras que rexistran a imaxe sobre un soporte magnético, coñecidas como cámaras electrónicas ou videomagnéticas.

    13. cámara instantánea

      Cámara que permite ter unha copia da película exposta en breves minutos. Posúen un visor de visión directa e uns controis moi sinxelos. Algunhas contan con autofoco e outras con foco fixo. Por outra banda, as lecturas e o axuste de exposición adoitan ser automáticos. As fotografías resultantes acostuman perder cor coa luz.

    14. cámara ocular [ingl: ocular camera]

      Aparato que permite observar os puntos ou zonas onde se fixa a vista das persoas cando se proxectan as imaxes dun anuncio. Trátase dunha técnica que se emprega en psicoloxía experimental e na investigación publicitaria.

    15. cámara oculta [ingl: hidden camera]

      Aparato situado nun lugar de difícil localización e que rexistra en imaxes as accións das persoas que acoden a un sitio determinado. Emprégase en bancos, caixas de aforro, supermercados e edificios administrativos, entre outros, como medida de seguridade, e en investigación de mercados para o estudo dos comportamentos de compra.

    16. cámara panorámica

      Aparato que pode rotar 180° ou 360° sobre un trípode para conseguir escenas longas e estreitas. Estes modelos posúen visión directa e controis manuais de apertura e obturación, mesmo algunhas contan con burbullas de nivel.

    17. cámara ponte

      Modelo axustado á man humana que procura a comodidade para o usuario. Posúe un flash incorporado cunha ampla gama de velocidades de obturación e puntos de apertura. Todos os mandos da cámara como o disparo, o zoom, o arrastre da película, etc, se adaptan dun xeito doado aos dedos.

    18. cámara réflex

      Cámara provista dun visor de reflexión.

    19. cámara web

      Aparato electrónico conectado a un ordenador ou a unha rede informática que toma instantáneas cada certo tempo e que as transmite a unha páxina de Internet. Chámase tamén cam ou webcam e, dependendo da frecuencia coa que se capturen as imaxes, haberá unha maior ou menor impresión de movemento.

    20. cámara cinematográfica/ filmadora/máquina filmadora

      Aparato que permite rexistrar as imaxes dun obxecto en movemento sobre un soporte sensible. Unha gravación cinematográfica consiste nunha serie de fotografías do obxecto en movemento que, ao ser proxectadas coa mesma cadencia coa que se obtiveron, dan unha aparencia de movemento: un motor eléctrico de precisión fai avanzar a película por diante da fiestra de toma ou de exposición; un mecanismo de intermitencia detén cada fotograma un breve período de tempo na fiestra para permitir a exposición emitida ou reflectida polo obxecto filmado; un obturador, sincronizado co mecanismo de intermitencia, posibilita que a fiestra de toma estea tapada mentres a película avanza e un selector de velocidades fai posible escoller o número de fotogramas que se teñen que expoñer por segundo, normalmente de 16 a 24 imaxes/segundo. Completan a cámara os seguintes elementos: o chasis, que contén o motor e o mecanismo de intermitencia e almacena as bobinas ou o cartucho de película; o sistema óptico, constituído xeralmente por un obxectivo de focal variable ou zoom que se acciona manualmente ou mediante un motor eléctrico, e un anel de enfoque, un fotómetro, que determina as condicións de apertura do diafragma e, por último, un visor, xeralmente réflex, un contador de metraxe e, nalgunhas cámaras, un marcador que sinala a posición exacta dun fotograma para localizalo ao facer posteriores exposicións múltiples. As cámaras sonoras han de ter un chasis insonorizado para que o son poida ser rexistrado directamente; neste caso é necesario un mecanismo que sincronice a gravación do son co avance da película. As cámaras clasifícanse de acordo co formato de película que utilicen; os máis correntes son os de 8 mm e super 8 mm na gama amateur, e 16, 35 e 70 mm na profesional.

  5. s

    Técnico de cine ou televisión que se ocupa do funcionamento da cámara. OBS: Tamén recibe o nome de segundo operador.

  6. [POLÍT]
    1. s f

      Órgano político deliberativo con facultades lexislativas ou consultivas, propio dos estados con sistema representativo. Nos sistemas bicamerais, o conxunto da cámara baixa, que representa directamente os cidadáns, e da cámara alta, que representa a aristocracia, as corporacións, os estados federados, etc, constitúe o parlamento. A cámara baixa recibe o nome, segundo os países, de cámara de deputados, cámara de representantes ou asemblea nacional; no Reino Unido denomínase Cámara dos Comúns e en España, Congreso dos Deputados. A cámara alta chámase, en xeral, Senado; no Reino Unido, Cámara dos Lores.

    2. s f

      Órganos deliberativos que se crearon como xuntas restritivas dos consellos supremos da monarquía hispánica dos Austrias e que, en parte, perduraron ata o s XIX, como a Cámara de Castela e a Cámara Eclesiástica, xurdidas do Consello de Castela, a Cámara de Aragón, a Cámara de Indias (1600-1834) e a Cámara de Guerra.

    3. s f

      Órgano administrativo encargado especialmente da revisión de contas e de resolver as controversias en materia de impostos e de préstamos públicos. A maior parte das cámaras creáronse a imitación da Cámara de Contas de París.

    4. s f

      Tribunais con xurisdición especial que comezaron a operar na Idade Moderna. Son exemplos destacados a Star Chamber inglesa (1540-1644), destinada a velar pola seguridade do estado, ou a Chambre Ardente francesa do Antigo Réxime (1547), para xulgar os criminais do estado.

    5. s f

      Na Idade Media, tesouro ou fisco do soberano.

    6. cámara municipal

      Órgano de goberno dun concello. É o termo empregado habitualmente nos países de lingua portuguesa para designar o organismo municipal.

  7. [DER/ECON]
    1. s f

      Entidade ou organismo, de carácter oficial ou privado, que agrupa individuos ou entidades dedicadas á mesma actividade económica e que ten como finalidade a prestación duns servicios determinados e defensa dos seus intereses.

    2. cámara agraria

      Corporacións de dereito público, creadas por unha lei do Parlamento de Galicia, que teñen como finalidade actuar como entidade de consulta e de colaboración coa administración autonómica en materias de interese agrario. Teñen carácter provincial.

    3. cámara da propiedade

      Asociación de propietarios que ten por función fomentar e defender os intereses da propiedade urbana. Xurdidas en España a finais do s XIX, adquiriron carácter oficial obrigatorio, uniforme e con xurisdición provincial a partir de 1919.

    4. cámara de agricultura/cámara agrícola

      Asociación, xeralmente voluntaria, que ten a función de reunir, elaborar e expresar as opinións das persoas ligadas coa agricultura sobre cuestións públicas referidas ao benestar deste sector. A primeira fundouse en Escocia en 1864. En xeral, estiveron restrinxidas en todo o mundo aos grandes propietarios e fixeron presión sobre a política agraria gobernamental. En España, as cámaras de agricultura reguláronse en 1890; agrupadas en cinco federacións formaban a Unión Agraria Española. En 1919 creáronse as cámaras agrícolas provinciais, de carácter obrigatorio, xunto ás de carácter local; unhas e outras desapareceron con motivo da Guerra Civil (1936-1939) e as súas funcións atribuíronselles ás cámaras oficiais sindicais agrarias. En xeral, ao comezo do s XX, as asociacións agrícolas tomaron o nome de sindicato agrícola ou ben o de asociación de propietarios, asociación agrícola ou unión agrícola, entre outros.

    5. cámara de comercio

      Asociación que agrupa os comerciantes e, eventualmente, os industriais e os navieiros para a defensa e promoción dos seus intereses. Modernamente, as cámaras de comercio cumpren un papel importante na configuración da política económica gobernamental. A denominación de cámara de comercio aplicada a este tipo de institución é de orixe francesa. Creada a de Marsella en 1599 e a de Dunkerque en 1700, Luís XIV dotou esta institución cun instituto nacional, creado en 1701, que promoveu a creación de cámaras de comercio por todo o estado. Durante o s XIX, espalláronse pola maior parte dos países do mundo. En España, en 1886 decretouse a súa constitución en cada unha das provincias. A partir de 1901, as cámaras de comercio denomináronse cámara de comercio e industria ou cámara de comercio, industria e navegación, segundo as súas características. Reguladas definitivamente en 1929, as cámaras de comercio están en estreita relación co ministerio responsable do comercio, agrupadas no Consejo Superior de Cámaras de Comercio, Industria y Navegación, con sede en Madrid, e distribuídas por diversas zonas. Para o comercio internacional xurdiron, dunha banda, as Cámaras de Comercio Nacionais no estranxeiro e, da outra, a Cámara de Comercio Internacional, fundada en 1919, que ten o seu secretariado internacional en París e reúne máis de 100 comités nacionais cun Tribunal de Arbitraxe Comercial Internacional.

    6. cámara de compensación

      Entidade pola que os organismos públicos e as empresas financeiras ou subministradoras de bens e servicios compensan as contas acredoras e debedoras existentes entre eles. As cámaras de compensación bancarias son asociacións de bancos destinadas a cancelar rapidamente os saldos recíprocos producidos pola actividade bancaria normal mediante liquidacións diarias, aumentan a eficiencia do sistema bancario e aceleran os pagamentos. A primeira cámara de compensación da historia creouse en Londres na década de 1770.

    7. cámara de industria

      Asociación que agrupa os industriais, con funcións similares ás das cámaras de comercio. As cámaras de industria creáronse en España en 1911 nas zonas máis industrializadas.

  8. [BIOL]
    1. s f

      Cavidade dun organismo animal ou vexetal onde ten lugar algún proceso fisiolóxico ou que contén algún fluído.

    2. cámara acuosa

      Cavidade anterior do ollo que contén o humor acuoso.

    3. cámara aerífera

      Cada un dos grandes espacios intercelulares existentes entre as células dalgunhas plantas, principalmente acuáticas.

    4. cá-mara aerífera

      Cada unha das celas que hai na superficie dalgunhas hepáticas talosas. Conteñen os filamentos asimiladores e comunícanse co exterior por un poro complexo.

    5. cámara de aire

      Zona clara situada na parte superior do estómago, que aparece ao facer unha exploración radiolóxica.

    6. cámara subestomática/ cámara pneumatófora

      Cavidade subepidérmica situada detrás do poro (ostíolo) do estoma, rodeada polas células do parénquima lacunar e que comunica cos seus espacios intercelulares.

    7. cámara vítrea

      Cavidade posterior do ollo que contén o humor vítreo.

  9. [FÍS]
    1. s f

      Detector de radiacións ionizantes, xa sexan partículas cargadas electricamente como electróns, protóns, ións, etc, ou neutras como fotóns, neutróns, etc. No caso das partículas cargadas, analiza directamente a ionización que produce o seu paso polo seo dun fluído; no caso de partículas neutras, detecta as partículas cargadas orixinadas pola reacción das partículas incidentes con algún material sensible. As cámaras úsanse para o estudo das radiacións cósmicas e constitúen unha das partes máis esenciais dun acelerador de partículas.

    2. cámara de burbullas

      Detector, ideado por D. A. Glaser en 1952, no que o paso dunha partícula cargada polo seo dun líquido sobrequentado, determina un rastro de ións sobre o que se forma un resto de burbullas que visualiza a traxectoria da partícula. A enerxía liberada en cada punto de ionización transfórmase rapidamente en enerxía cinética molecular e produce un aumento local da temperatura e da presión de vapor; ao superar así a tensión superficial, fórmanse as burbullas, cun diámetro duns 0,1 mm. O sobrequentamento do líquido conséguese mediante unha expansión elástica rápida (adiabática), que dura só algúns milisegundos, e por un imán supercondutor desvíanse as partículas. Funcionan a baixas temperaturas, que se conseguen con instalacións crioxénicas.

    3. cámara de chispas

      Detector de partículas cunha traxectoria que se visualiza grazas ao rastro de chispas que orixina o paso da propia partícula. Colócanse uns pares de electrodos planos e paralelos no seo dun gas inerte a baixa presión; establécense entre cada par de electrodos breves impulsos de alta tensión, duns microsegundos, insuficientes para producir unha descarga entre eles. A inxección dunha partícula cargada ocasiona un rastro de ións e a chispa salta entre os electrodos producindo un sinal que delata a súa traxectoria. Comezáronse a usar en 1959 e foron substituídas posteriormente polas cámaras de deriva.

    4. cámara de dardos/de streamers

      Detector de partículas de principio similar ao da cámara de chispas, da que se diferencia polo feito de que os impulsos de tensión aplicados entre os electrodos son moito máis breves, cunha duración duns nanosegundos. A brevidade destes impulsos fai que non chegue a saltar a chispa ao longo da traxectoria ionizante da partícula, e o gas ionizado toma a forma dun dardo. Os sinais luminosos filiformes producidos ou streamers, unha vez fotografados, permiten determinar a traxectoria da partícula.

    5. cámara de deriva

      Detector de partículas, desenvolvido desde 1969, derivado da cámara proporcional multifío. Consta de dúas distribucións planas de fíos condutores paralelos, mantidos a un potencial eléctrico que crece linealmente cara a un lado, no que se sitúa un ánodo detector. A consecuencia da uniformidade do campo eléctrico, os electróns migran cara ao ánodo detector cunha velocidade constante; o tempo que tardan en chegar permite determinar a distancia na que se produciu a ionización.

    6. cámara de fisión

      Detector de neutróns lentos. É unha cámara de ionización que contén un material fisionable co que reaccionan os neutróns que non son directamente ionizantes e nela prodúcese a liberación de partículas cargadas que son detectables.

    7. cámara de imaxe

      Detector de partículas cargadas que mide o tempo de migración nunha cámara de deriva e a carga conducida polo ánodo detector.

    8. cámara de ionización

      Detector de partículas cargadas. Está constituída, esencialmente, por dous electrodos sometidos a unha diferenza de potencial continua dunhas centenas de voltios, dispostos paralelamente, ou de maneira concéntrica, se o ánodo é filiforme e o cátodo, cilíndrico. O conxunto está inmerso no seo dun gas, ben aire ou ben un gas raro. O paso dunha partícula cargada ioniza o gas e establece unha corrente eléctrica. A diferencia de potencial é insuficiente para que se produza un alude electrónico, de xeito que a corrente é proporcional á tensión aplicada.

    9. cámara de ionización compensada

      Detector capaz de eliminar a influencia dunha radiación que está presente ao mesmo tempo ca outra que se quere medir. Basicamente consiste en dúas cámaras: unha sensible ás dúas radiacións e outra sensible só á que se quere estudiar.

    10. cámara de néboa

      Detector no que o paso dunha partícula cargada polo seo dun vapor sobresaturado determina un rastro de ións sobre os que se condensan pingas, formando un trazo que visualiza a traxectoria da partícula. As pingas fórmanse porque os ións actúan como núcleos de condensación. Completan a cámara de néboa unha cámara fotográfica estereoscópica, de tripla imaxe ou de imaxe múltiple, un sistema de iluminación, un xerador de campo electrostático e un imán deflector.

    11. cámara de Wilson

      Cámara de néboa que usa aire saturado de vapor de auga como gas ionizable.

    12. cámara proporcional multifío

      Detector de partículas, desenvolvido en 1968, que consta dun urdido de fíos condutores paralelos, moi delgados, dun diámetro duns 20 μm, e mantidos a un elevado potencial eléctrico positivo, que está disposto entre dous cátodos planos; o conxunto está inmerso no seo dun gas, mestura de argon e isobutano. O paso dunha partícula cargada ioniza o gas e libera electróns, que provocan unha reacción en cadea; unha serie de urdidos permite a determinación da traxectoria da partícula.

  10. [TECNOL]
    1. cámara CCD

      Detector de fontes emisoras febles, baseado nun dispositivo CCD. Os fotóns procedentes do obxecto estudado inciden sobre a placa de silicio ou doutros semicondutores dun dispositivo CCD; un ordenador memoriza o pixel incidido e reconstrúe unha imaxe enteira. Pola súa gran sensibilidade emprégase moito en astronomía.

    2. cámara contadora de fotóns

      Detector de fontes luminosas moi febles capaz de manifestar a chegada dun único fotón. Un fotón procedente do obxecto estudado incide sobre un fotocátodo e desprende un electrón; unha lente electrónica guíao cara a un dispositivo multiplicador de maneira que os electróns resultantes, ao incidir nunha pantalla fluorescente, producen unha mancha luminosa extensa. Coa axuda dunha cámara de televisión e dun ordenador cóntase o número de acontecementos unitarios por cada pixel da pantalla. O resultado é unha representación numérica ou dixitalizada da imaxe que pode ser tratada polo ordenador ou reproducida directamente. Modernamente se desenvolveu outro tipo de contador de fotóns denominado cámara contadora de fotóns CCD ou cámara CCD.

  11. cámara de capa e espada [RELIX]

    Cámara secreta ou de honor laico na corte Pontificia.

  12. cámara de reacción [QUÍM/TECNOL]

    reactor.

  13. cámara lenta [IMAX]

    Procedemento cinematográfico que consiste en alongar un movemento durante un tempo superior a aquel no que se produce. O efecto contrario é a aceleración.

  14. cámara xorda [FÍS/TECNOL]

    Cámara non reverberante destinada a efectuar medicións acústicas. O fenómeno da reverberación vai asociado á presenza de superficies reflectoras, polo tanto a cámara xorda ideal podería ser substituída polo chamado campo libre, que na práctica se consegue efectuando a medición dende unha torre de grande altura situada nun lugar moi tranquilo. Debido á dificultade deste procedemento, normalmente as medicións se efectúan en condicións de semicampo libre, no que a terra é o único campo reflector. A principal limitación dunha cámara xorda para comportarse como un campo libre é o feito de que as súas dimensións crecen rapidamente cando se pretende traballar a frecuencias baixas (a partir de 100 Hz).

Frases feitas

  • De cámara

  • 1 Aplícase ao persoal que se dedica ao servizo particular do rei na súa corte. Ex: Nesa época houbo varios pintores de cámara na Corte.

  • 2 p ext Aplícase aos espectáculos dedicados a un público minoritario. Ex: Organizou un concerto de música de cámara.