Cantiga nova que se chama riveira
Un dos primeiros libros poéticos de Álvaro Cunqueiro (1911-1981) editado, xunto con Poemas do sí e non, en Santiago de Compostela en Ronsel polo alacantino Arturo Cuadrado en 1933. Neste poemario recolle vinte cantigas que o autor declarou ter escrito “en Compostela por Páscoa Frolida do mil novecentos trinta e tres” cando ademais estreaba “nunha primavera feliz, un corazón novo do trinque”. Ao parecer os poemas foron polo menos soñados nunha mesma xornada e levados ao papel en poucos días. O autor sentiuse influenciado polo que denominou “aquel fermosísimo vento da nosa literatura medieval”, un vento que mobilizou a outros escritores da súa época e que estaba en sintonía con importantes edicións dos anos 20 e 30 das cantigas de amor e de amigo, e tamén coas aulas que impartía o catedrático Armando Cotarelo Valledor. A pesar disto, o propio autor renegaba de ser reducido como poeta á categoría de neotrobadoresco, aínda que a súa poesía sempre se considerou fresca e lixeira, desprovista da carga culturalista doutros autores. Coa suma de cinco novos poemas de máis clara filiación medievalizante, o libro chegou aos vinte e cinco textos na segunda e definitiva edición que apareceu en Edicións Monterrey de Vigo en 1957, e que coincidiu co nacemento do Cunqueiro fabulador en lingua galega (Merlín e familia, 1955, e As crónicas do Sochantre, 1956) e cun novo ciclo da súa poesía (Dona do corpo delgado, 1950), que coincide cunha certa volta ao neotrobadorismo. Os poemas primitivos e as novas incorporacións están dedicados a importantes figuras de preguerra e de posguerra da nosa cultura cos que o autor se relacionou. É o caso de Maside, Seoane, Castelao, Colmeiro, Pimentel, Bouza-Brey, Emilio Álvarez Blázquez, González Garcés ou o mesmo Arturo Cuadrado. O libro supón a xustaposición de dúas tendencias moi presentes na súa literatura: a vocación vangardista e a adhesión ao neotrobadorismo, nunha liña diferente á cultivada por Fermín Bouza-Brey na súa obra Nao senlleira (1933). Nesta obra, o autor escapa á simple mímese do noso lirismo medieval, altera e distorsiona elementos formais (como o refrán) e temáticos que recordan a cantiga de amigo, evita calquera signo de erudición e aposta por unha poesía atrevida, lingüisticamente novidosa, lúdica e testemuño dun alento vangardista imperante na poesía cunqueiriana anterior a 1936. Este estilo cativou os lectores dende o primeiro texto nominativo que xira ao redor de dúas palabras relevantes, amor e auga, e posúe acusadas rimas en -eira ou -iga, ata os últimos versos que tamén predican o amor (“No vento porei este meu lume novo / porque andan as rulas, as cerdeiras e todo! / Amiga, namorado vou!”). En medio, un grupo de textos que falan do primeiro amor e de todas as cores que o sentimento leva consigo, cando lle pintan laranxas ás fiestras, cando evocan o mar das rías (Arousa) e illas (Cortegada), o pútrido rostro da morte ou cando inventan incribles refráns (“ailalálo, ai sí!/ai non!”). Esta obra conecta cun certo neopopularismo cultivado por escritores galegos e tamén por poetas españois da Xeración do 27, aos que Cunqueiro xa lía e coñecía.