Cantigas e Agarimos, Agrupación Folclórica

Cantigas e Agarimos, Agrupación Folclórica
[ESPECT/MÚS]

Agrupación cultural compostelá fundada en 1921 e impulsada por Salvador Cabeza de León, Camilo Díaz Baliño, Enrique S. Guerra e Bernardo del Río. Representou No quinteiro, de Xesús San Luís Romero, e O Alalá, de Francisco Porto Rey (1922); Axúdate, de Charlón Arias e Sánchez Hermida (1923); A lenda de Montelongo, de Rey Pose e Buhigas Alavarrieta, e Vaites...vaites!, de Frade Giráldez (1924); e Antón de Freixide de Manuel María González (1925). Despois dun parón na súa actividade, achegouse de novo ao teatro trala Guerra Civil. En 1959, R. López Veiga-Ponte asumiu a dirección do grupo, que puxo en escena, entre outras, Unha noite no muíño (1959) e O fidalgo (1967), ambas as dúas de San Luís Romero; Os vellos non deben de namorarse, de Castelao (1961); Catuxa de Houlihan, de W. B. Yeats (1966); A noite vai coma un río, de Cunqueiro (1966); As bágoas do demo, de Valenzuela (1967); A arbre, de Carvalho Calero (1970); e varias pezas de Mariñas del Valle ou baseadas nos seus textos (A obriga e A serpe en 1965, Pequena farsa dos amores desencontrados e As alforxas do vello copleiro en 1969), así como unha obra do propio director, Canto para un poeta malencónico (1971).

Palabras veciñas

cántiga | Cantiga nova que se chama riveira | Cántigas da Terra | Cantigas e Agarimos, Agrupación Folclórica | Cantigas e Aturuxos | cantil | cantilena