Cántigas da Terra
Agrupación cultural fundada na Coruña o 28 de decembro de 1916. A primeira formación, composta exclusivamente por homes, debutou no teatro Rosalía de Castro da Coruña en 1917 baixo a dirección de Mauricio Farto Parra. Pouco despois o grupo incorporou voces femininas. O seu primeiro presidente foi Eladio Rodríguez González. Composto por unhas 40 voces mixtas, posúe corpo de baile, grupo de gaitas e de percusión, e tamén grupo de teatro. Ao longo da súa historia traballou no labor de recoller, difundir e conservar a cultura galega, tanto no campo da música instrumental como no eido da canción, baile ou escenificación teatral. O seu repertorio musical componse de centos de alalás, foliadas, muiñeiras, alboradas, etc. O seu cadro dramático estivo estreitamente vinculado a Leandro Carré e Galo Salinas. O primeiro foi director do grupo e proporcionoulle pezas da súa autoría para o repertorio; eran pezas costumistas e maiormente cómicas entre as que destacaron Pra vivir ben de casados e A ruín materia (1917), A primeira conquista e Enredos (1919) ou Tolerías (1924). Tamén representaron pezas de Galo Salinas (Sabela, Bodas de Ouro e Feromar, en 1918, 1921 e 1924, respectivamente), Manuel Lugrís Freire (O pazo, 1918), Antón Villar Ponte (A patria do labrego, 1920), Xavier Prado Rodríguez, que utilizaba o pseudónimo Lameiro, (Almas sinxelas, 1923), Euxenio Charlón Arias e Manuel Sánchez Hermida (Trato a cegas, 1926 e O menciñeiro 1928), entre outros. Despois da Guerra Civil, entre 1953 e 1958, representou obras de G. Núñez e L. Álvarez. Realizaron numerosas actuacións por Galicia e polo resto de España, Portugal, Alemaña, Reino Unido, Arxentina e Brasil. A súa discografía abrangue 18 discos, o primeiro deles de 1920. Entre os galardóns acadados pola agrupación destacan a Medalla de Ouro ao mérito artístico da Coruña, a Medalla de Ouro da Federación de Coros Clavé, a Gravata de Honra da Generalitat de València, a Gravata de Honra da Generalitat de Catalunya e a Gravata de Honra da Deputación da Coruña.