cantidade

cantidade

(< lat quantĭtās-ātis)

  1. s f
    1. Medida ou número de unidades polo que se determina un conxunto de cousas da mesma clase.

      Ex: Temos que calcular a cantidade de semente que precisamos para botar a veiga enteira. Pediulle unha cantidade de libros superior á que vendeu.

    2. [FILOS]

      Propiedade das cousas que fai que sexan medibles. Aristóteles fixo da cantidade a terceira categoría, ademais da substancia e da calidade. Kant tomou a cantidade como un grupo de categorías, do mesmo xeito ca a unidade, a pluralidade e a totalidade, camiño que seguiu o idealismo dialéctico dos poskantianos.

  2. s f
    1. Porción grande dunha cousa ou número máis ou menos considerable de cousas ou de persoas. OBS: Emprégase sen determinante.

      Ex: Había cantidade de xente na romaría.

  3. s f

    Suma de diñeiro máis ou menos importante.

    Ex: Se prefire pagar a prazos, ten que pagar unha pequena cantidade mensual.

  4. s f [LING]

    Duración dun son consonántico ou vocálico, dun ditongo ou dunha sílaba. A cantidade posuía, en determinadas linguas como o sánscrito, o grego e o latín, pertinencia fonolóxica, xeralmente dentro da sílaba. Eran linguas cuantitativas que distinguían entre vocais e sílabas longas, por un lado, e vocais e sílabas breves, por outro (LĔVIS > leve/LĒVIS > liso), representadas graficamente cos símbolos (?) e (?), respectivamente, colocados sobre a vocal. En grego e latín, a sílaba longa é a que contén unha vogal longa ou un ditongo (longa por natureza: PŌPŬLUS > polo, CAELUM > ceo), ou ben unha vocal breve seguida de dúas ou máis consoantes, ou dunha consoante dobre (longa por posición). Se as dúas consoantes que seguen á vogal breve son muta cum liquida (DIES MĔRCURIS > mércores), a sílaba pode ser breve. É sílaba breve, tamén, a que remata en vogal breve (PŎPŬLUS > pobo). A métrica grecolatina e árabe tamén se determinaba pola cantidade, de xeito que o ritmo se baseaba na distribución cuantitativa das sílabas en longas e breves. Así, distinguíanse os seguintes tipos de sílabas: a sílaba longa, a sílaba breve e a sílaba anceps, que pode actuar como breve ou como longa. Cara ao s III, o latín que se falaba na Romania foi perdendo o trazo da cantidade como característica fonolóxica deixando paso ao trazo distintivo do timbre (vocal aberta vén/vocal pechada ven). As modificacións que se produciron deron orixe a un sistema proto-románico común, que aínda conserva o galego e outras linguas como o catalán, formado por un sistema vocálico tónico de sete elementos. O novo sistema vocálico baseado na intensidade opón as vocais, dentro da estrutura da palabra, pola súa tonicidade ou atonicidade. No galego, coma no resto das linguas románicas, a cantidade xa non é trazo distintivo, mais segue a desempeñar un papel fundamental; a duración dunha sílaba non depende xa da súa estrutura, senón do acento rítmico, do contexto fonético e da énfase coa que se pronuncia. Cómpre dicir en todo caso que a desfonoloxización non implica que a cantidade desaparecese como trazo fonético, xa que en xeral as vocais tónicas en calquera lingua románica adoitan ter un terzo máis de duración ca as vocais átonas.

  5. s f [FILOS]

    En lóxica, extensión dos termos dunha proposición e da proposición en si mesma. Pode ser universal, particular e singular. Así en “o home é mortal”, “home” é universal (todos os homes) e “mortal” é particular (entre todos os mortais, designa os que son homes).

  6. s f [MAT]

    Calquera expresión aritmética, alxébrica ou analítica á que se lle atribúe un valor. Unha cantidade é todo aquilo susceptible de aumento ou diminución e pode ser medido para expresarse mediante un número. Dúas cantidades son conmensurables se hai unha relación fraccionaria entre as súas medidas. Unha cantidade é infinitamente grande se supera unha cantidade de referencia, que dependerá en cada caso dunha eleccción arbitraria, e é infinitamente pequena se non chega a esta cantidade de referencia.

  7. [FÍS]
    1. cantidade de calor

      Enerxía térmica que absorbe ou cede un corpo ao elevarse ou diminuír, respectivamente, a súa temperatura.

    2. cantidade de electricidade

      carga eléctrica.

    3. cantidade de iluminación

      Magnitude fotométrica igual ao produto da iluminación polo tempo que se considera.

    4. cantidade de luz

      Magnitude fotométrica igual ao produto do fluxo luminoso polo tempo que se considera. Emprégase para a súa medición o lumen-segundo (lm-s) ou o lumen-hora (lm-h).

    5. cantidade de materia

      Magnitude física proporcional ao número de entidades elementais que forman a materia do sistema considerado. A unidade SI de cantidade de materia é o mol.

    6. cantidade de movemento

      Para un punto material de masa m, vector p definido por p =m v , onde v é a velocidade do punto material. Chámase tamén momento lineal do punto.

Refráns

  • Bens, os que vexas; e casa, na que caibas.
  • Casa onde caibas, diñeiro sen conto, terras que non saibas.
  • Casas, cantas vivas; terras cantas che dían.
  • Do moito, pouco; e do pouco, nada.
  • Do pouco vaise facendo o moito, pouco a pouco.
  • Do pouco, pouco; e do moito, nada.
  • Galgo que moitas lebres levanta, algunha mata.
  • Máis caga un boi que cen andoriñas.
  • Máis come un boi que cen andoriñas.
  • Máis vale pouco e bo, que moito e malo.
  • Máis vale unha de varón ca un cento de gorrión.
  • Máis valen poucos moitos que moitos poucos.
  • Mentres máis somos máis valemos.
  • Non hai pouco que non baste nin moito que non se gaste.
  • Non haí pouco que non chegue nin moito que non se acabe.
  • Nosos país a pulgadas e nós a brazadas.
  • O pouco agrada e o moito enfada.
  • O pouco nunca deu moito.
  • Pan, con fartura; e viño, con mesura.
  • Papas, ata a porta; coles, ata a horta; e fabas, para todo o ano.
  • Por unha presa de fariña, que as papas non queden moles.
  • Quen ten pouco, con media cazola ten de abondo.
  • Tanto é o máis coma o menos.
  • Tanto ten o máis como ten o menos.
  • Tódolos anos choveu o mesmo, canado máis, canado menos.
  • Tres poucos que valen máis que moitos moitos: pouco sol, pouca cea e pouca pena.
  • Un so demo non fai inferno.