Carmina Burana
Conxunto de 228 poemas escritos na Idade Media, fundamentalmente en latín vulgar, con algúns fragmentos en alemán e francés antigo. Apareceron nun manuscrito de 112 folios en pergamiño, descuberto por Christoph Von Aretin na abadía beneditina de Benediktbeuern en 1803. A composición dos textos atribúese aos chamados goliardos, estudiantes errabundos, trobadores ou clérigos anónimos, que mantiñan unha actitude crítica con respecto á Igrexa oficial e ao poder establecido do seu tempo. Constitúen unha exaltación da natureza, do amor, das alegrías da taberna e da vida libre, que propón unha concepción epicúrea da existencia, na liña do tópico do carpe diem. Ademais, conteñen unha crítica burlesca dos costumes do clero, acompañada dunha corrente subxacente de protesta contra o destino aciago que agarda a quen non se adapta aos ditados da sociedade. Os poemas pódense clasificar en tres grandes grupos: poemas satírico-morais, concibidos como unha crítica contra a autoridade e os seus representantes civís e eclesiásticos; poemas amatorios, que cantan o amor, a miúdo vinculado á exhortación da primavera, a estación do xúbilo e das flores, ou lamentan a ausencia do amigo ou da amiga; e poemas onde o tema dos praceres carnais se combina co da gula e nos que a taberna se converte nun lugar de culto, escenario de atrevidas parodias da liturxia e dos oficios divinos. A primeira edición completa da colección correu a cargo de John Andreas Schmeller, quen lle deu o título de Carmina Burana. Lieder ans Benediktbeuern (1847). Non obstante , ata 1901 non se logrou establecer a orde orixinaria que deberon seguir os textos, compostos en Baviera por tres mans diferentes na primeira metade do século XIII. O manuscrito consérvase na Biblioteca Nacional de Múnic.