Carmiña flor de Galicia
Produción cinematográfica rodada en 1926 por Hispánica Films, dirixida polo creador italiano Rino Lupo. O guión e os rótulos foron realizados polo escritor ourensán Antonio Rey Soto, cofundador da produtora galega Celta Films. Os exteriores rodáronse en diversos lugares de Galicia como Vigo, Redondela, Vilasobroso, Mondariz e Ribadavia, ademais do Porto e arredores. Para recrear interiores recorreuse aos estudios portugueses Invita Film. A protagonista é Carmiña, unha rapaza orfa que vive co seu padrasto nunha aldea galega onde a maior parte das terras pertencen a Armando, conde de Vindey. Carmiña namórase del e, tras numerosas dificultades e contratempos, consegue casar co conde. A película, anunciada na prensa como “un canto de amor á terra”, recibiu críticas diverxentes, acusada de oportunismo ao aproveitar as paisaxes galegas para ambientar un mediocre melodrama rural. Non obstante , algúns autores reivindican unha vontade por parte dos autores, sobre todo do guionista, por poñer en cuestión determinados aspectos da Galicia rural da época: o peso da relixión na vida cotiá, a situación do campesiñado que se ve obrigado a emigrar fuxindo da miseria, ou o poder das clases dominantes representadas por Armando e o seu contorno social.