Carmina Burana
Cantata composta polo músico alemán Carl Orff en 1937, baseada na colección de poemas Carmina Burana. É unha obra pensada para cantantes solistas, coro e orquestra. O coro disponse en tres grupos, un coro grande, outro pequeno e un terceiro formado por nenos. A parte instrumental corresponde a unha orquestra aumentada por dous pianos, cinco timbais e unha ampla sección de percusión. Existe tamén unha versión escénica con baile e pantomima. As melodías que acompañan a métrica latina dos poemas consisten en estrofas claramente delineadas, que se repiten a miúdo cun crescendo. Sostéñenas ritmos impulsivos, co emprego frecuente de figuras ostinatas. Finalmente, os vinte e tres poemas escollidos organízanse en tres partes: “En primavera”, “Na taberna” e “A corte do amor”, aos que precede unha invocación á “Fortuna, Emperatriz do mundo”, que se repite ao final, dándolle un carácter circular á composición. Existe unha tradución ao galego dos textos seleccionados por Carl Orff para a súa cantata do ano 1999, feita polos alumnos, profesores e persoal non docente do instituto de educación secundaria de Sabón en Arteixo.