Catorce Puntos de Wilson
Propostas de paz, anunciadas o 8 de xaneiro de 1918 polo presidente dos EE UU Woodrow Wilson perante o Congreso. Tiñan como obxectivo establecer as bases dunha paz xusta e duradeira despois da Primeira Guerra Mundial. Sinteticamente, os catorce puntos pedían: a renuncia á diplomacia secreta mediante a firma de convenios abertos entre os países, que debían acadarse publicamente; a liberdade de navegación fóra das augas territoriais; a supresión das barreiras comerciais internacionais e o establecemento dun réxime de igualdade nas relacións comerciais das nacións defensoras da paz; unha redución do armamento ao mínimo necesario para a seguridade interior de cada estado; a solución das reivindicacións coloniais atendendo tamén á poboación colonial; a evacuación por parte de Alemaña do territorio ruso con garantía de autonomía; a restauración de Bélxica; a evacuación de Francia e a devolución da Alsacia e Lorena; o reaxuste da fronteira italiana seguindo liñas de nacionalidade claramente recoñecibles; o recoñecemento das aspiracións nacionalistas en Austria-Hungría; o abandono das forzas de ocupación de Serbia, Montenegro e Romanía, con libre acceso de Serbia ao mar e protección internacional ás pretensións nacionalistas dos estados balcánicos; a defensa internacional ao dereito de autodeterminación dos pobos non turcos do Imperio Otomano e ao dereito de libre paso polos Dardanelos; a creación dun estado polaco independente e con acceso ao mar; e a creación dunha sociedade xeral de nacións dirixida a proporcionar garantías mutuas de independencia política e integridade territorial.