cerámica

cerámica

(

    1. s f [ARTESAN]

      Arte de fabricar obxectos, recipientes, elementos de construción, etc, con materiais terrosos cocidos. En contraposición coa olería, que fabrica obxectos que na súa maior parte teñen ou tiveron un uso cotián, a cerámica engloba a fabricación de diferentes obxectos que teñen aplicación no campo da artesanía, deseño, arte e industria.
      Materiais e proceso de elaboración
      Empréganse basicamente arxila ou caolín como materiais fundamentais, grazas ás súas calidades plásticas e refractarias. Tamén se utilizan aditivos con finalidade desengraxante como area, cuarzo e feldespatos, que suavizan as contraccións durante a cocción; materiais fundentes que rebaixan o carácter refractario como feldespatos e álcali; e outros que a aumentan, como corindón, bauxita e metálicos. Emprégase como materia base unha mestura de materiais terrosos desprovistos de calidades plásticas, pero transformables por cocción. Nunha primeira fase do proceso de fabricación amásanse os materiais terrosos, previamente moídos, con auga, agás nalgúns casos nos que a humectación é previa á moenda, ata conseguir unha masa plástica. O exceso de auga elimínase mediante filtros prensa, decantación ou evaporación. A pasta obtida modélase, despois séguese un proceso seco ou semiseco se a pasta non contén máis dun 10% de auga, ou un proceso húmido se a pasta contén dun 15 a un 25% de auga. Posto que as arxilas son capaces de formar suspensións coloidais con auga (barbotinas), mediante a adición dun defloculante, como carbonato sódico ou silicato sódico, pódense obter tamén pastas moi fluídas con porcentaxes relativamente baixas de auga, entre un 15 e un 20%, que poden ser moldeadas directamente. Polo procedemento corrente, sen embargo, cómpre darlle forma á masa manualmente, con instrumentos ou, en determinados casos de fabricación industrial seriada, con tarraxas que, por extrusión, fan un prisma continuo que pode ser cortado en unidades elementais. Na elaboración manual recórrese habitualmente á roda. O secado, conseguido mediante secadores de aire quente, entre 100 e 120°, con raios infravermellos, elimina a auga que enche os poros da peza elaborada, mesmo a retida por capilaridade. A peza, unha vez seca, sométese a cocción en fornos continuos ou discontinuos. Nesta etapa, a máis complexa do proceso, prodúcense moitos cambios físicos e químicos como expansións, cambios de fase, reaccións en estado sólido, solucións sólidas, oxidacións, reducións, sinterizacións e vitrificacións, que fan da peza un corpo endurecido e inalterable. A vitrificación, en particular, é a principal responsable da alta resistencia mecánica das pezas en frío, así como da súa fraxilidade. Para conseguir que a peza presente unha superficie moi lisa, decorativa e non demasiado porosa, recóbrese de vernices vitrificables que se funden nunha nova cocción e se combinan intimamente coa peza. A decoración das pezas pode facerse antes ou despois da primeira cocción; entre os procedementos decorativos empregados na cerámica artística destacan a corda seca, os relevos, as incisións e o uso de óxidos metálicos e esmaltes, que se poden aplicar con pinceis, cisqueros ou aerógrafos, ou ben bañando a peza. A decoración pódese facer antes ou despois da aplicación dunha cuberta de fundente ou verniz (baixo ou sobre cuberta) ou ben coloreando directamente a pasta (engobe). Os compostos metálicos máis empregados son os de cobre, cos que se obteñen verdes, azuis, turquesa e vermellos; os de manganeso para os morados e os violetas; os de cromo para os verdes e os rosas; os de antimonio para os amarelos; os de ferro para os marróns e os siena; os do estaño para os brancos e o do cobalto para os azuis. Novas coccións determinan a estabilización e a adaptación das tonalidades definitivas, difíciles de predicir antes da cocción. Tamén se poden cocer as pezas sen ningunha clase de esmalte ou verniz (biscoito).
      Clasificación dos produtos cerámicos
      Os produtos cerámicos clasifícanse segundo a temperatura de cocción en: cerámicas de baixa temperatura (900-1100°) e cerámicas de alta temperatura (1110-1300°). As cerámicas cocidas a baixa temperatura caracterízanse pola porosidade; a este grupo pertencen as arxilas roxas, coloreadas con óxido de ferro con maior ou menor intensidade, coas que se fabrican ladrillos, tellas, azulexos e a olería tradicional; e a louza fina ou arxila branca, empregada na industria na fabricación de obxectos de uso cotián. As cerámicas cocidas a alta temperatura caracterízanse pola súa pouca ou nula porosidade; neste grupo inclúese o gres; a porcelana, única arxila traslúcida; e o refractario, arxila moi resistente ás abrasións e aos ácidos.
      A cerámica e a construción
      A cerámica ten unha aplicación importante na construción, aínda que nalgúns casos a desprazou o formigón. Para levantar paredes empréganse diversas clases de ladrillo macizo ou de ladrillo oco; na construción de teitos empréganse as bovedillas, feitas para descansar sobre trabes de cemento, e os artesoados que, postos en ringleira e armados con ferro, forman as trabes; as ensamblaxes e os ladrillos utilízanse para facer lousas e soleiras; como recubrimento úsanse as tellas para protexer da chuvia; os ladrillos, o adobe e as baldosas como materiais para pavimentar; e os azulexos como recubrimentos de paredes. Caeron en desuso as baixantes de desaugue de terra cocida esmalatada. Forman grupo á parte os ladrillos refractarios e as plaquetas de gres empregadas como revestimento antiácido. Antigamente a telleira, lugar onde se facían as tellas, estaba situada, debido á dificultade dos transportes, a carón do lugar que proporcionaba a materia prima e ás veces só funcionaba cando había demanda. Posteriormente, as telleiras modernizáronse, os procesos de produción son continuos e totalmente mecanizados e os grandes centros produtores adoitan estar preto dos centros de edificación masiva e de materias primas, como arxilas e margas.
      Evolución histórica
      Aínda que a cerámica é un dos aspectos que caracteriza a civilización neolítica, os descubrimentos arqueolóxicos testemuñan que houbo comunidades que, localizadas en diversos lugares do Oriente Próximo como sucede nas fases máis antigas da poboación de Xericó, xa coñecían a agricultura e a gandería e que non fabricaban barro. En Grecia constatouse o mesmo feito nos períodos do Neolítico coñecidos como acerámico ou precerámico. A posibilidade de ter recipientes de barro provocou unha revolución do sistema alimentario xa que permitiu quentar líquidos e representou unha maior posibilidade de supervivencia e unha contribución ao crecemento da poboación ao modificar a dieta humana xeral. A partir de entón, cada grupo social tendeu a crear ou a seguir formas e sistemas de decoración peculiares, que conformaron un elemento de clasificación importante para os estudios de prehistoria e de arqueoloxía, debido á perdurabilidade do barro. Desde o seu descubrimento e durante varios milenios, a cerámica fabricouse á man, amodo de traballo caseiro, realizado sobre todo polas mulleres. A partir do invento da roda de oleiro converteuse nunha industria artesanal, feita en talleres por grupos de homes especializados, e pasou a ser un oficio. Esta nova etapa coincidiu coa mellora dos métodos de cocción, realizada en fornos que permitían temperaturas moito máis altas. As pezas eran máis regulares, máis perfectas e máis sólidas. Sen perder nunca o carácter funcional, a cerámica prehistórica e antiga manifesta tendencias artísticas que se reflicten nas formas e, sobre todo, na decoración. As pezas máis primitivas decorábanse fundamentalmente a base de debuxos abstractos, de tendencia xeométrica, feitos por incisión ou presión sobre o barro fresco usando os dedos ou instrumentos diversos, como punzóns de madeira ou de óso, ou outros elementos, como as cunchas tipo cardium que deron nome á cerámica cardial, unha das variantes da cerámica impresa do primeiro Neolítico do Mediterráneo. Dende o V milenio, a pintura comezou a ser utilizada en Oriente Próximo na decoración da cerámica e as cerámicas de roda, con superficies máis lisas, favoreceron o seu emprego. Unha das máximas representacións son as cerámicas do mundo prehelénico de Creta, a cultura minoica, e posteriormente a micénica e as da Grecia clásica, ata chegar ás extraordinarias pinturas da cerámica ática dos ss VI ao IV a C. O mundo romano alcanzou unha industrialización sen precedentes, sobre todo dende o comezo do Imperio nas últimas décadas do s I a C ata o s V, coa terra sigillata, feita con molde e exportada desde grandes centros produtores. Durante o Imperio Romano, naceu en Siria a técnica da cerámica esmaltada de tradición exipcio-fenicia, que tivo unha grande expansión na época medieval grazas aos musulmáns. En Asia Oriental, o gran centro creador de cerámica foi China; a partir das orixes do Neolítico chinés, e desde este foco, xurdiron outras cerámicas do Extremo Oriente (xaponesa e coreana). A orixe da cerámica dos pobos americanos anteriores á descuberta de Colón presenta certas dificultades, pois todas as culturas desenvolvidas coñecían a fabricación e o uso da cerámica, e cada grupo tiña tradicións decorativas propias. O proceso de produción das pezas foi totalmente manual, xa que estas culturas descoñecían o uso da roda de oleiro. O Imperio Bizantino conservou a tradición cerámica dos romanos. As técnicas coñecidas aplicaron o uso do barro policromado e o sgraffiato. Durante a Idade Media, China continuou á vangarda da cerámica no Extremo Oriente e influíu sobre Xapón, Corea e Indochina, tanto na técnica como no deseño, coa elaboración dunhas pezas caracterizadas pola claridade, o refinamento e a vitalidade. Entre os ss VII e VIII os ceramistas chineses aprenderon a arte do gres vitrificado recuberto con capas de esmalte, un paso cara á manufactura da porcelana; o mundo islámico, que nun principio adoptou a tradición dos ceramistas do Oriente Próximo, recibiu desde o s IX as influencias de China. Non obstante, por mor da prohibición relixiosa de ornamentar con figuras, limitouse a súa decoración a formas xeométricas ou florais. Por outra parte, a prohibición do uso dos vasos feitos de metais preciosos fixo que se desenvolvese a manufactura de vasos de cerámica decorados con pigmentos metálicos. Na Península Ibérica, a produción cerámica estivo influenciada pola presencia musulmá e foron as súas formas e as súas técnicas as dominantes ata o s XV; así no s X producíronse pezas de cerámica vidrada e outras decoradas a corda seca. A partir do ano 1000 e a través de contactos con Bizancio e co Islam, adoptáronse en Italia as formas e técnicas destas culturas, que se espallaron pola conca mediterránea, ao tempo que se iniciaban as técnicas da maiólica e do esmalte de estaño con sgraffiato. En Francia durante este período existiu tamén a cerámica na súa forma europea de esmaltado de chumbo e destacan os azulexos de pavimentos de igrexa con esmaltado verde ou con ornamentación heráldica. En Inglaterra, na época anglosaxona, a cerámica entrou nun período de decadencia pero experimentou un rexurdimento unha vez avanzada a Idade Media, principalmente en Anglia do Leste, por mor das influencias do Rin, e tamén en Winchester e Stamford, onde se volveu empregar o esmaltado. Cara aos ss XIV e XV produciuse un tipo de cerámica moi estereotipado e en grandes cantidades, ao comezar a industrialización dos procesos de produción. En Alemaña, principalmente na rexión do Rin e a partir do s XIII, utilizouse o gres e a Liga Hanseática estendeu as técnicas alemanas polo Báltico. En España, a cerámica mantivo as características musulmanas e no s XII as pezas decorábanse con esgrafiados. Entre outros centros destacaron Córdoba, Granada, Sevilla, Toledo, València e Zaragoza. Durante o Renacemento italiano, a mezzamaiólica converteuse na forma típica de produción. No s XVI en Francia perfeccionouse a técnica da cerámica esmaltada, malia que a maiólica continuase a ser a forma tradicional. Os centros principais foron Beauvais, Savignies e Saintonge. España recibiu a influencia italiana e francesa; así naceu a cerámica de Talavera, que mantivo o seu esplendor ata o s XVIII, data na que destacou a producida en Alcora (Castelló de la Plana). No caso de Galicia, o illamento xeográfico contribuíu a unha situación de marxinalidade política, social e económica, deste xeito os ecos das novas técnicas aplicadas á olería, que noutros lugares da Península Ibérica foron de gran trascendencia, a penas chegaron. En Inglaterra, os efectos directos do Renacemento no uso de esmaltado de chumbo amosáronse na cerámica chamada verde Tudor. Ata o s XVII foi característica a cerámica engobada de Wsrotham, a cisterciense e a metropolitana de Londres e Staffordshire. No reinado de Carlos II chegouse a unha gran perfección na fabricación dos pratos denominados Toft. Nos ss XV e XVI en Alemaña adquiriu importancia a cerámica esmaltada de chumbo (cerámica de Hafner) grazas ao perfeccionamento das técnicas de forno de Nüremberg. A contribución máis importante, á parte do descubrimento da porcelana de pasta dura, foi a obtención de gres salgado, máis consistente no lume ca o verniz de chumbo. Os grandes centros de produción foron Hessen e o Rin. Desde o Renacemento ata o s XVIII a técnica cerámica que dominou Europa foi a maiólica ou de louza fina, coñecida xa no Oriente Próximo e importada a Europa a través da Península Ibérica coas conquistas árabes. A partir do s XV, as técnicas da maiólica comezaron a evolucionar e no s XVI este estilo recibiu influencias da combinación do azul e do branco e os estilos decorativos da porcelana de China. No s XVII, outra onda de influencia chinesa chegou a Europa, principalmente ao N e, en especial, a Delft. No s XVIII Francia adquiriu a supremacía da cerámica en Europa, e os centros de produción (Rouen e Moustiers) multiplicáronse. Cara a finais do s XVIII, a causa da crecente popularidade do barro inglés de louza ou de louza fina e grazas ao abaratamento da porcelana, a louza fina ou maiólica comezou a perder a superioridade económica, e cara ao 1880 a manufactura de louza fina practicamente se extinguiu. O principal produtor inglés de louza foi Wedwood, con delegados na maioría de países europeos. Os ceramistas de Leeds e Staffordshire crearon tamén diversas fábricas no continente e as formas inglesas impuxéronse. A porcelana chinesa introduciuse en Europa por Italia, onde inicialmente se fabricou na súa forma de porcelana fresca. As primeiras producións en Florencia tiveron carácter artístico e non comercial. A fundación da Compañía das Indias e a importación de produtos industriais impulsaron o gusto pola porcelana e en Francia (Rouen e Saint-Cloud) imitouse a súa delicada transparencia. En 1708 descubriuse en Meissen a fórmula chinesa de porcelana dura e esta localidade converteuse no centro da porcelana clásica; desde 1750 toda Europa tentou imitala. En Italia abríronse fábricas en Venecia, Cozzi, Doccia e Capodimonte. A escola italiana chegou a España na manufactura do palacio de El Buen Retiro, na época de Carlos II. En Francia adquiriu un gran predominio a fábrica de porcelana de Sèvres, protexida pola casa real, así como a de Limoges, onde se descubriu o elemento caolín na composición da porcelana. En Inglaterra, Chelsea fabricou a porcelana inglesa máis prestixiosa. A partir do s XVIII a porcelana e a louza substituíron á maiólica. Coa Revolución Industrial, a historia da cerámica volveuse moi complexa. Decorouse a cerámica con debuxos impresos, de inspiración clásica e naturalista, e introduciuse tamén un tipo de maiólica con verniz colorado que se produciu en cantidades industriais. Comezou a elaborarse cerámica en serie para un mercado de consumo popular, ao tempo que se perdía o sentido artístico, malia os intentos de renovación. As fábricas de porcelana continuaron co tipo de Meissen, no que introduciron o estilo imperio e rococó, e a partir de 1860 o estilo con elementos do período clásico e do Renacemento. En España, ademais da fábrica do palacio de El Buen Retiro, destacaron La Cartuja de Sevilla e Sargadelos en Cervo. Xapón comezou a ter importancia no desenvolvemento da art nouveau e dos estilos modernos da porcelana e do barro, e tamén no da cerámica artística moderna. Francia e posteriormente Copenhague foron os vangardistas desta influencia, exposta na exhibición de París de 1900. A riqueza e complexidade da cerámica moderna está causada pola interacción de dúas liñas de desenvolvemento. Por unha banda, as obras de barro doméstico pasaron, a través da influencia de Xapón a causa do funcionalismo, aos estándares do deseño industrial moderno; por outra, os artistas individuais, inspirados polas cerámicas do Extremo Oriente, usaron a cerámica como expresión dun sentido persoal da beleza. Malia os intentos de síntese, feitos especialmente polos países escandinavos, estas dúas tendencias mantivéronse basicamente afastadas e paralelas.
      A evolución da cerámica artística no s XX
      No primeiro cuarto do s XX o encontro de tres ceramistas, o inglés Bernard Leach, o xaponés Shoji Hamada e o catalán Josep Llorens i Artigas, marcou a evolución da cerámica artística. Aínda que as súas obras están estreitamente ligadas á cerámica tradicional, puxeron as bases da chamada cerámica de estudio ou cerámica artística. Nos anos trinta, a austríaca Lucie Rie e o alemán Hans Coper, que desenvolveron toda a súa obra en Reino Unido fuxindo da expansión nazi, deron un novo paso na evolución da cerámica artística. Os seus traballos só gardan un recordo da tradición utilitaria da cerámica e céntranse na análise da forma como medio de expresión. Nestes anos produciuse a colaboración entre ceramistas e artistas doutras disciplinas, foi o caso de Llorens i Artigas con Joan Miró e Raoul Dufy ou Picasso co taller Madoura en Vallauris (Francia). A finais dos anos cincuenta tiveron gran repercusión as propostas, xa netamente escultóricas, do Grupo Americano xurdido na costa oeste dos EE UU no que destacaron, entre outros, Peter Voulkos e os seus alumnos Paul Soldner e John Mason. Algúns dos membros deste grupo achegáronse ao expresionismo abstracto dominante naqueles anos. En España, ademais de Llorens i Artigas, destaca Antoni Cumella i Serret como peza clave na evolución da cerámica artística na primeira metade do s XX. O definitivo cambio na cerámica escultórica produciuse nos anos sesenta da man de Arcadi Blasco i Pastor, Enric Mestre e de Elena Colmeiro González. Xa nos anos oitenta destacaron Ángel Garraza, Claudi Casanovas e Xavier Toubes Vilariño, director do European Ceramics Work Centre (1992-2000) en ‘s-Hertogenbosch (Holanda), centro clave na normalización da cerámica co resto das artes plásticas.

    2. cerámica de bandas SAN/ [ARTESAN/ARQUEOL]

      Cerámica neolítica feita a man. Ten formas sinxelas, decoradas con liñas incisas de meandros e de espirais, que forman bandas. Deu nome á cultura de agricultores que se estendeu desde o S do lago Balaton e Hungría occidental, ao estuario do Oder e do Rin ata o Vístula. Comezou antes do ano 4000 a C e durou máis dun milenio. Suponse que se orixinou por unha serie de ondas de colonizadores chegados do Próximo Oriente e que seguiron en boa parte a ruta do Danubio. Tamén se denomina cerámica danubiana.

    3. cerámica de cordas SAN/ [ARTESAN/ARQUEOL]

      Tipo de cerámica prehistórica caracterizada por impresións de cordas ao redor do colo e da barriga dos vasos ou ben por incisións fondas imitando cordóns. É típica do Neolítico e do Eneolítico do N de Alemaña, en Xutlandia. Propagouse por gran parte de Europa central e oriental, e por Escandinavia. Influíu notablemente na evolución do vaso campaniforme.

    4. cerámica de corda seca SAN [ARTESAN]

      Técnica de decoración cerámica na que as cores, puras, planas e xustapostas se separan por liñas realizadas cunha mestura de manganeso e materia graxa. O recheo da impresión facíase con cores esmaltadas ou fundentes. Ideada polos árabes, empregouse en España ata o s XVI. Entre os centros produtores destacan Granada, Sevilla e Toledo.

    5. cerámica de figuras negras SAN/ [ARTESAN/ARQUEOL]

      Decoración da cerámica grega caracterizada pola representación de escenas con figuras pintadas en negro sobre fondo vermello. Empregouse dende os inicios do s VII a C e acadou grande esplendor en Atenas no s VI a C. Substituíuse, aproximadamente, no 530 a C pola cerámica de figuras vermellas.

    6. cerámica de figuras vermellas SAN/ [ARTESAN/ARQUEOL]

      Decoración da cerámica grega caracterizada pola representación de escenas con figuras pintadas en vermello sobre fondo negro. Comezou a empregarse en Atenas no 530 a C e sucedeu a cerámica de figuras negras. Acadou o seu apoxeo no s V a C e desapareceu no s III a C.

  1. s f

    Cada un dos obxectos elaborados mediante esta arte.

    Ex: Ten varias cerámicas decorando a parede do corredor da súa casa.

    Confrontacións: terracota.
  2. s f

    Conxunto de obxectos feitos de arxila, porcelana ou louza.

    Ex: Compreille o regalo nunha tenda de cerámica. Vimos unha exposición de cerámica na galería.

    Sinónimos: olería.

Palabras veciñas

cerambícido -da | Cerambyx | ceramial | cerámica | cerámico -ca | ceramista | Ceramium