Chanson de Roland

Chanson de Roland
[LIT]

Cantar épico francés que describe en verso a lendaria Batalla de Roncesvalles (778), desde a súa xestación ata as súas consecuencias, na que saíu derrotado Carlomagno, quen se proclamara defensor da cristiandade. Meses despois de que o emperador invadira Zaragoza, co fin de crear un protectorado que formase unha barreira contra os movementos expansionistas do emir de Córdoba ‘Abd al-Ra ḥ mān, tivo lugar este enfrontamento entre o exército francés e os reis mouros de Zaragoza ao seren atacados aqueles na súa retagarda por unha cuadrilla de vascos que pretendían saquealos. O texto máis antigo (pouco antes do 1100) que narra estes sucesos, docúmentase tres séculos despois do acontecido; de aí que o relato bélico se adornase con personaxes fiticios, que nada tiveron que ver coa acción histórica, ou con abondosos elementos novelescos, fantásticos e sobrenaturais. En definitiva, creouse unha intriga que converteu o desastre militar, causado por un erro estratéxico, no drama dunha paixón xurdida na pugna entre Roldán e o seu padrasto Ganelón. Como calquera cantar de xesta, esta epopea está concibida para ser divulgada por un xograr e ser escoitada por un público variado. Con respecto á métrica, consta de 4.002 versos distribuídos en 291 estrofas, denominadas series ou tiradas (laisses), cun número de versos variable entre 5 e 35 (a maioría son de 14). Cada serie vén marcada por unha rima diferente (asonante) e pola unidade temática (descrición dunha breve escena ou unha alocución); ás veces, péchase cun verso que recolle algún comentario dun personaxe da acción ou unha reflexión de carácter xeral. En canto ao estilo, domina a tendencia reiterativa, con abondosas repeticións, paralelismos, encadeamento de versos, etc; tamén son frecuentes, sobre todo cando a narración chega a episodios culminantes ou dun maior dramatismo, as series xemelgas (laisses similaires), recurso xograresco apropiado para a divulgación oral que consiste en variar a asonancia nunha mesma tirada de varios versos -normalmente nos primeiros ou últimos- coa repetición do feito narrado na anterior ou posterior mediante o emprego de expresións iguais ou similares da tirada.

Palabras veciñas

chanquear | chanqueiro -ra | Chans | Chanson de Roland | chanson* | chansonnier* | chanta