Chanteiro, Nosa Señora da Mercé de
Ermida de estilo gótico, situada en San Pedro de Cervás (Ares), construída por Fernán Pérez de Andrade, señor de Ferrol e Pontedeume, no s XIV. En 1396 Juan García Manrique, arcebispo de Compostela, cedeuna ao mosteiro franciscano de Santa Catalina de Montefaro, que a rexeu ata a súa exclaustración. Trátase dun edificio de pequenas dimensións que presenta unha planta de nave única e ábsida rectangular cuberta con bóveda nervada. No exterior presenta unha fábrica austera na que destaca a espadana barroca do s XVII, a decoración de canzorros e a porta de acceso. No tímpano consérvanse as figuras da Virxe sedente co Neno, acompañada de san Francisco e dun frade da súa orde. No interior está a imaxe da Virxe da Mercé, unha talla policromada e procesional que segundo a tradición apareceu na praia de Chanteiro tras ser arrastrada polas ondas. No lugar do suposto achado, preto da capela, está a fonte da Virxe. Unha tradición de comezos do s XV relacionou a intercesión da Nosa Señora da Mercé coa desaparición dunha peste que afectaba á comarca ferrolá. Iniciouse entón o costume de peregrinar desde Ferrol ata a ermida de Chanteiro para ofrecer á Virxe flores e cera. Esta tradición, coñecida como voto de Chanteiro, perdeuse en 1839 despois do abandono dos franciscanos de Montefaro trala desamortización. Os habitantes de Ferrol conmutaron esta peregrinación por unha ofrenda na igrexa do Socorro. No ano 1933, a ermida sufriu un incendio do que só se salvou a imaxe da Mercé, polo que foi necesaria unha reconstrución do edificio ao que se lle engadiron a sancristía e o coro no ano 1943.