Chapa

Chapa

Nome do concello de Silleda dende a súa constitución oficial o 24 de decembro de 1836 ata o 2 de maio de 1853, data na que o mudou polo actual. Tomou esta denominación porque, na súa orixe, a capital municipal era o lugar de Chapa, na parroquia homónima. Por petición do alcalde, o 9 de abril de 1838, o gobernador civil autorizou o traslado da capitalidade ao núcleo de Silleda. Isto provocou unha disputa entre veciños das distintas parroquias do municipio, que defendían os seus respectivos intereses tomando partido por unha ou outra localidade. Finalmente, o traslado da capitalidade rematou por significar tamén, quince anos despois, o cambio da denominación do concello.