Chicago, Escola de
Corrente arquitectónica estadounidense do final do s XIX. En sentido estricto, fai referencia ao conxunto de construcións comerciais típicas de Chicago e do medio oeste, realizadas entre 1871, data do incendio da cidade, e os primeiros anos do s XX. O punto de partida foi a obra de Henri H. Richardson, que achegou desde 1872 o uso da planta libre e asimétrica para residencias e planificou, desde o punto de vista arquitectónico, construcións que ata entón realizaban enxeñeiros, como estacións ou bibliotecas. William Le Baron Jenney elaborou a estrutura metálica revestida da obra e o desenvolvemento das fiestras, solucións novidosas para combater o perigo do lume, etc. No 1833 construíuse o primeiro rañaceos do mundo, o Home Insurance Building. Richardson creou unha arquitectura moi pura e núa, mentres que Jenney adoptou un eclecticismo vitoriano. A síntese fíxoa o mesmo Jenney no Leiter Building (1899). Daniel H. Burnham construíu rañaceos nos que domina o emprego do vidro, como o Reliance Building (1890). Louis Henry Sullivan, con edificios como o Carson (1899), chegou a unha morfoloxía moi pura que influíu sobre Loos e o movemento europeo.