Chicago, Escola de
Escola económica fundada en 1930 ao redor da Universidade de Chicago, fundada por Frank H. Knigh e Henry Simons, que partiu das mesmas bases analíticas que Hayek. Na década dos sesenta os principais representantes foron Milton Friedman, Gary Becker e George Stigler. As teorías desta corrente desmarcáronse dos postulados macroeconómicos de Keynes e das formulacións próximas ao liberalismo, e reinterpretaron a teoría cuantitativa do diñeiro defendendo unha liña monetarista. Sostiñan que o mercado e a liberdade de empresa, bases da actividade económica, actúan como elementos organizadores da economía e rexeitaban as intervencións do Estado fóra do manexo na oferta de diñeiro. Esta corrente recibiu numerosas críticas polo excesivo rigor teórico á hora de afrontar cunha metodoloxía exclusivamente económica problemas que implican a varias disciplinas.