Chicago, Escola de
Grupo de críticos relacionados coa Universidade de Chicago, activo dende a década de 1930, que estableceu a súa identidade coa publicación da colección de ensaios Critics and Criticism: Ancient and Modern (Críticos e criticismo. Antigo e moderno, 1952). Entre os seus integrantes cóntanse Ronald S. Crane, W. R. Keast, Norman Mclean, Elder Olson, Bernard Weinberg, Richard McKeon e Wayne C. Booth. Defenderon a necesidade dun vocabulario común e bases filosóficas válidas para a crítica literaria a partir da teoría aristotélica que recoñecía catro causas nunha obra literaria: a causa eficiente (o poeta), a causa resultante (o efecto no lector), a causa material (a lingua) e a causa formal (a mimese). Reconsideraron os conceptos de argumento e xénero para entender a obra literaria na súa totalidade e postularon que o obxecto de estudo propio da poética era a causa formal. Por consideraren a Poética de Aristóteles como fonte terminolóxica e metodolóxica, coñécense tamén como neoaristotélicos. Os seus postulados opuxéronse aos do New Criticism, que defendía o monismo crítico e a lingua como feito diferencial exclusivo do fenómeno literario.