"América" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 105.

  • Organización de carácter internacional xurdida despois da Revolución Sandinista de Nicaragua (1979). Entre as actividades que desenvolveu están a divulgación da situación dos países centroamericanos e a busca de apoios para as organizacións políticas ou sociais de Nicaragua, El Salvador e Guatemala, que procuraban a transformación das súas sociedades. Implicáronse posteriormente na denuncia das ditaduras chilena e arxentina e do bloqueo estadounidense sobre Cuba, ao tempo que enviaron grupos a Centroamérica para coñecer a súa realidade e colaborar materialmente en proxectos de cooperación desenvolvidos nas súas comunidades. Dende finais dos oitenta, emprenderon campañas de denuncia e mobilización sobre a inxusta orde mundial, e de apoio ás demandas de organizacións populares brasileiras, chiapanecas, timorenses, kurdas e saharauis, entre outras. No 1998 refundáronse como Comités de Solidariedade de Galiza-COSAL. Editan a revista Outrasvozes.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Organización sindical latinoamericana fundada en México en 1938 baixo a presidencia do mexicano Lombardo Toledano e do brasileiro Luis Prestes. O seu programa propuña unha reforma agraria, a defensa dos réximes democráticos e a independencia económica latinoamericana. Asistiron delegacións sindicais de Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Paraguay, Venezuela, Nicaragua, Costa Rica, Perú, Ecuador, Cuba, EE UU e México. Ao pouco tempo, os comunistas acadaron o seu control e vinculárona aos intereses soviéticos. A CTAL conseguiu a adhesión dos máis importantes sindicatos continentais, favoreceu a creación doutros novos e participou na conformación da Federación Sindical Mundial. A súa estratexia prosoviética fíxolle perder os principais afiliados a partir de 1951. A Confederación de Trabajadores de Cuba, fundada en 1939, escindiuse en dúas seccións, a comunista e a partidaria do presidente Batista. Trala vitoria castrista unificouse de novo na Central de Trabajadores de la Cuba Revolucionaria...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Organización que agrupa as conferencias episcopais católicas dos países de Hispanoamérica. Fundada en 1955, as súas oficinas centrais están en Bogotá. Celebra unha asemblea xeral anual de carácter ordinario, ademais doutras sesións extraordinarias; as máis importantes foron as de Mar del Plata (1966), Medellín (1968), Puebla de los Ángeles (1979) e Santo Domingo (1992).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Revista bimestral editada en México a partir do 1 de xaneiro de 1942. Difusora da cultura e da literatura en lingua castelá, contou coa colaboración de, entre outros, Américo Castro, Jorge Guillén, Vicente Huidobro, Juan Ramón Jiménez, Gabriela Mistral, Pedro Salinas, Pablo Neruda, Alfonso Reyes e Juan Larrea.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Reunión de xefes de estado e de goberno de 21 países de fala castelá e portuguesa de América e Europa, constituída como un mecanismo político de coordinación no que se tratan temas específicos de interese común dende a solidariedade, a cooperación e o diálogo. No ano 2001 os países membros eran: Arxentina, Bolivia, Brasil, Colombia, Costa Rica, Cuba, Chile, Ecuador, El Salvador, España, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Panamá, Paraguay, Perú, Portugal, República Dominicana, Uruguay e Venezuela. A primeira reunión tivo lugar en Guadalajara (México) en 1991, despois celebráronse en Madrid (1992), San Salvador de Baía (Brasil, 1993), Cartagena de Indias (Colombia, 1994), San Carlos de Bariloche (Arxentina, 1995), Santiago e Viña del Mar (Chile, 1996), Isla Margarita (Venezuela, 1997), Porto (1998), La Habana (1999), Panamá (2000) e Lima (2001).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • REPUBLICAS

    República independente formada polos once estados do S que se afastaron da Unión, a raíz da elección en 1860 de Abrahan Lincoln como presidente dos EE UU. O primeiro estado en proclamar a secesión foi Carolina do Sur (1860); a este uníronse en 1861 Mississippi, Florida, Alabama, Georgia, Louisiana e Texas. Os seus representantes, reunidos en Montgomery (Alabama), capital provisional, constituíron a Confederación (4.2.1861), elixiron presidente a Jefferson Davis e redactaron unha constitución provisional. Cando comezou a Guerra de Secesión, en abril de 1861 adheríronse á Confederación os estados de Carolina do Norte, Arkansas, Tennessee e Virginia (agás un sector occidental, que se separou e formou o novo estado de West Virginia, fiel á Unión). A capital trasladouse a Richmond (Virginia). No eido institucional caracterizouse por un ríxido federalismo que defendía a autonomía e a soberanía dos estados individuais, pero debilitaba a capacidade de cohesión política. O seu illamento internacional...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • ENTRADA LARGA

    Estado de América do Norte que limita ao L co Océano Atlántico, ao S con México, ao O co Océano Pacífico e ao N con Canadá (9.372.614 km2; 298.444.220 h [2008]). Tamén forman parte dos EE UU os estados de Alasca, ao NO do continente, e Hawaii, arquipélago no Océano Pacífico (ambos os dous plenamente integrados na Unión), o estado libre asociado de Puerto Rico, os territorios das Illas Virxes Americanas (nas Pequenas Antillas), Guam e a Samoa Americana (en Oceanía), e as dependencias da Baía de Guantánamo e illa de Navassa (no Caribe), e varias illas do Pacífico (Illas Midway, Marianas Setentrionais, Baker, Howland, Jarvis, Johnston e Kingman Reef, Palmyra e Wake). Tamén ten soberanía sobre un sector do Territorio Antártico. O seu territorio continental esténdese entre os 49° e 25° de latitude N e os 125° e 67° de lonxitude O. A súa capital é Washington-Distrit of Columbia (Washington D C ou simplemente Washington), cidade que non forma parte de ningún estado.
    Xeografía...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Aplícase aos canadenses de fala francesa que no s XIX se estableceron nos EE UU, fundamentalmente en Nova Inglaterra. Unha parte dos seus descendentes conservan actualmente a lingua francesa e teñen unha literatura propia.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Periódico editado en Bos Aires a partir de 1901.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • SEMANARIOS

    Semanario aparecido en La Habana en 1904. Fundado e dirixido por Eduardo Núñez de Sarmiento, tentou converterse no voceiro das distintas colectividades galegas asentadas en todo o continente.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Fundación sen ánimo de lucro constituída o 3 de setembro de 1976 baixo a presidencia do conselleiro de Cultura e Comunicación Social e coa vicepresidencia dun representante do Centro de Galicia en Bos Aires. Os sete vocais repártense entre os catro que designa o Centro de Galicia de Bos Aires, e os que nomean o conselleiro de Presidencia, o conselleiro de Economía e Facenda e o secretario xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas. Entre os seus obxectivos inclúense o achegamento da realidade galega a todos os países americanos nos que exista unha comunidade galega vertebrada.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Institución fundada por Archer Milton Huntington en Nova York (1904) coa finalidade de promover o estudo e o coñecemento da cultura hispánica en EE UU. Publica a Revue Hispanique e editou estudios e reimpresións de obras. Ten unha biblioteca con 200.000 manuscritos e 18.000 libros editados antes de 1701, entre outras obras. O seu museo ten unha importante colección de obras de arte da Península Ibérica, principalmente pinturas do s XIII ao s XX, de artistas como El Greco, Francisco de Zurbarán ou Joaquim Sorolla.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Conflito bélico entre EE UU e España (abril-agosto 1898). EE UU estaba interesado en dominar as rutas comerciais do Caribe e aproveitou a oportunidade da Guerra de Independencia Cubana contra España para intervir nela. O conflito iniciouse coa voadura do acoirazado Maine, que EE UU imputou a España, e polo que declararon a guerra o 25 de abril. A flota española foi aniquilada no conflito e, polo Tratado de París, España aceptou a entrega a EE UU das posesións das Antillas, Filipinas e a illa de Guam. A derrota representou para os españois un desastre moral que evidenciou a crise dun sistema político.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Conxunto de países americanos de fala hispana.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Doutrina que predica a unión espiritual dos pobos hispanoamericanos.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Relativo ou pertencente a Hispanoamérica ou aos seus habitantes.

    2. Natural ou habitante de Hispanoamérica.

    3. Relativo ou pertencente aos españois e americanos.

    4. Literatura cultivada nos países de América Latina, escrita principalmente en lingua castelá, portuguesa, francesa, quechua, guaraní e náhuatl. A literatura hispanoamericana nas diversas linguas románicas naceu como tal na época colonial, e adquiriu personalidade como consecuencia dos movementos independentistas. As literaturas mexicana e arxentina son as pioneiras entre as de lingua castelá. A primeira corrente destacada foi a do romanticismo, que reaccionou contra o neoclasicismo, e na última parte do s XIX manifestouse a influencia do realismo e do naturalismo. No s XX continuou a chegada a Hispanoamérica dos ismos europeos e os movementos de vangarda, ás veces contrapostos a tendencias indixenistas e rexionalistas, baixo o signo da loita social, e desenvolveuse o “realismo máxico”. Das literaturas de orixe precolombiana destacan a indíxena mexicana, a quechua e a guaraní.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Países de América colonizados por España e Portugal.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Relativo ou pertencente a Iberoamérica ou aos seus habitantes.

    2. Natural ou habitante de Iberoamérica.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Institución española creada en 1979, dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores, que se ocupa de tarefas de cooperación entre España e os países iberoamericanos. Funciona a través de comisións mixtas que traballan con programas derivados dos Cumios Iberoamericanos.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Institución patrocinada pola Xunta de Galicia, as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, e o ICI, que ten por obxecto a intensificación dos intercambios culturais, científicos e empresariais entre Galicia e os países iberamericanos. Publica a Revista Galega de Cooperación Científica Iberoamericana. Foi declarado de interese galego en 1991.

    VER O DETALLE DO TERMO