"PL" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 1539.

  • Xénero de platihelmintos turbelarios, da orde dos tricládidos, que inclúe especies pequenas (de 1 a 2 cm), de corpo aplanado, con lixeiros relevos na rexión da farinxe e do órgano copulador, e coa extremidade caudal obtusa e a cefálica redondeada ou triangular. Teñen dous ollos na rexión anterior dorsal e a boca sitúase na parte do ventre, na metade inferior. Reprodúcense asexualmente por escisión e teñen unha gran capacidade de rexeneración. Son moi frecuentes en auga doce, onde habitan entre a vexetación e os lugares máis escuros.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Alga parda, de ata 15 cm de lonxitude, que presenta un talo laminar de aspecto ríxido en forma de abano, formado ás veces por varias láminas superpostas. A superficie da lámina caracterízase pola presenza de pequenos pelos escuros formando liñas horizontais e concéntricas, que destacan sobre a cor abrancazada da fronde que se debe á acumulación de carbonato cálcico. Habita sobre substratos rochosos no nivel mesolitoral e infralitoral das costas protexidas e ben iluminadas.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Botánico francés. Profesor do Institute of Horticulture de Gand, da Escola de Farmacia de Montpellier (1851-1881), da que foi director, e da Facultade de Medicina de Montpellier, dirixiu o Xardín Botánico de Montpellier (1881-1888). Foi o primeiro en determinar e describir a filoxera e en preconizar a introdución das variedades americanas de vide resistentes a este insecto (1875), sobre as que publicou unha monografía. Tamén estudou a mera da vide.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Director, actor e autor dramático francés. En 1952 fundou en Lyon o Théâtre de la Comédie, que dirixiu ata 1957. En 1972, con R. Gilbert e P. Chéreau, tomou a dirección do Théâtre Nacional Populaire. Conseguiu un estilo persoal a partir das propostas de B. Brecht sobre o teatro épico, que amosou en Tartuffe, de Molière; e Bleu, blanc et rouge sobre texto propio. No apartado cinematográfico destaca a súa interpretación en Molière (1978); e como actor, guionista e director en Louis, enfant-roi (1993) e Toulouse-Lautrec (1998).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Constante fundamental que caracteriza os fenómenos de dominio cuántico e que vale 6,626176×10-34 Js. A miúdo emprégase a constante de Planck normalizada Ao = h/2ð.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Distribución de probabilidade de atopar os fotóns dunha radiación electromagnética nos seus diversos estados cuánticos. É a aplicación da estatística de Bose-Einstein aos fotóns.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • ENTRADA LARGA

    Expresión formal que dá a densidade de enerxía dunha radiación por unidade de volume e de intervalo de frecuencias, a partir da teoría de Planck. Exprésase por

    FORMULA

    en que h é a constante de Planck, v a frecuencia da radiación, c a velocidade da luz no baleiro, k a constante de Boltzmann e T a temperatura absoluta. OBS: Tamén se denomina fórmula de Planck.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Físico alemán. Alumno de H. Helmholtz e G. Kirchhoff, ensinou física teórica nas Universidades de Múnic, Kiel e Berlín. En 1930 foi nomeado presidente do Kaiser Wilhelm Institut de Berlín, rebautizado despois en honor seu como Max Planck Gesellschaft. Estudou a distribución espectral de enerxía na radiación do corpo negro e traballou sobre a hipótese dunha descontinuidade nos procesos de absorción e de emisión de enerxía, onde introduciu a hipótese dos cuantos de enerxía. En 1900 atopou a fórmula que leva o seu nome, considerada unha das fundamentais do Universo. Escribiu Die Entstehung und Entwicklung der Quantertheorie (1920). Recibiu o Premio Nobel de Física (1918), polo descubrimento dos cuantos de enerxía.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Teoría enunciada por M. Planck (1900) co fin de atopar unha formulación que dese satisfacción á experiencia na radiación dun corpo negro, despois de fracasada a teoría clásica coa fórmula de Rayleigh-Jeans, e segundo a que calquera sistema físico en que a coordenada que o caracteriza efectúe oscilacións harmónicas simples, soamente pode ter unha enerxía total E que satisfaga a relación E=nhv, onde n é un enteiro (dito número cuántico), h a constante de Planck e v a frecuencia de oscilación. Tamén se denomina teoría dos cuantos.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Comunidade biótica formada por todos aqueles organismos que se atopan en suspensión no seo de augas doces ou salgadas. A suspensión dos organismos planctónicos conséguese mediante o movemento ou ben reducindo a densidade por medio de cámaras ou burbullas de gas, aumentando as superficies de contacto coa auga, pero, sobre todo realízase grazas á multiplicación das especies, que ademais axuda á perda suplementaria e constante de biomasa por sedimentación. Ten características de comunidade pouco madura: organismos de vida curta, moi prolíficos e pouco especializados, e formas de alimentación automáticas. A estratificación vertical do plancto relaciónase cunha distribución non uniforme da intensidade de luz, concentración de elementos nutritivos, turbulencia e existencia de descontinuidades de tipos da termoclina e da superficie da auga. O fitoplancto, ou plancto vexetal, proporciona enerxía solar ao ecosistema e concentra nos seus tecidos materia orgánica (fotosíntese), que é a forza...

    2. cnefoplancto.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Que ou quen se nutre de plancto.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Relativo ou pertencente ao plancto.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Idear ou elaborar un plan.

      1. Facer o plano dunha obra.

      2. Trazar sobre o terreo ou sobre o plano os cimentos da planta dunha obra proxectada.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Médico e botánico. Foi catedrático de Historia Natural na Universidade de Santiago de Compostela (1849-1868) e na de Barcelona (1868-1888), onde foi reitor (1880). Escribiu o primeiro catálogo da flora de Galicia: Ensayo de una flora fanerogámica gallega: ampliada con indicaciones acerca los usos médicos de las especies que se describen (1852). Tamén publicou Programa de lecciones para la cátedra de Historia Natural (1851), Discurso leído en la solemne inauguración del curso académico de 1859 a 1860 en la Universidad Literaria de Santiago (1859), contra a teoría evolucionista, e Congreso agrícola gallego de 1864 (1864).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • MUNICIPIOS

    Municipio da provincia de Girona, Catalunya, situado no S da comarca da Garrotxa (1.722 h [2001]).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Produción cinematográfica dirixida en 1968 por Franklin J. Schaffner e interpretada por Charlton Heston, Roddy McDowall, Kim Hunter, Maurice Evas e James Whitmore. Baseada na novela La planète des singes, de Pierre Boulle, conta a historia dun grupo de astronautas que chegan a un planeta descoñecido onde os simios dominan os homes.

    VER O DETALLE DO TERMO
      1. Cada un dos corpos sólidos que describen órbitas elípticas ao redor do Sol ou, en xeral, dunha estrela. O termo foi utilizado na antiga astronomía para designar os sete astros visibles a simple vista e que se desprazan lentamente respecto ás estrelas (o Sol, a Lúa, Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno). Coa teoría heliocéntrica de Copérnico, a Terra pasou a considerarse un planeta, e o Sol e a Lúa deixaron de selo. En 1781 descubriuse Urano, Neptuno en 1846 e Plutón en 1930. Segundo as dimensións, clasifícanse en planetas pequenos, ou de tipo terrestre (Mercurio, Venus, Terra, Marte e Plutón), e planetas xigantes (Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno). Tamén se agrupan en planetas inferiores (ou interiores), que teñen a órbita situada entre a da Terra e a do Sol (Mercurio e Venus), e planetas superiores (ou exteriores), coa órbita máis alá da terrestre, que son todos os demais. Distínguense das estrelas porque os planetas non escintilan. O movemento...

      2. planeta dobre

        Planetas ou corpos de masas similares que orbitan xuntos ao redor do Sol ou dunha estrela. No sistema solar o único caso é o de Plutón e Caronte.

      3. planeta pequeno

        asteroide.

    1. Denominación xeral que recibe a Terra.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Casula coa folla dianteira máis curta ca as ordinarias.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Proxecto espacial desenvolvido a partir de 1991, coa participación da Axencia Espacial Europea, Arxentina, Brasil, China, EE UU, Paquistán, Rusia e Xapón. O seu obxectivo é estudar as relacións entre a atmosfera, o océano e a terra firme.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Empresa editorial fundada en Barcelona en 1950 por José M. Lara Hernández. Dedicada á novela en castelán, co tempo diversificou a súa produción para editar libros de consulta e enciclopedias, das que cómpre mencionar as versións en castelán da Grand Larousse Encyclopédique (1969-1972) e do Gran Ditionnaire Encyclopédique Larousse (1987-1990). En colaboración con De Agostini xestiona as editoras Espasa, Altaya, Seix Barral, Ariel, Destino, Minotauro, Booket e Crítica, así como as súas filiais en América Latina. Editor do xornal La Razón, participa en diversos medios de comunicación. Convoca anualmente o Premio Nadal (desde 1945), o Premio Planeta de novela en castelán (desde 1951) e o Premio Planeta Internacional para América Latina (desde 1991).

    VER O DETALLE DO TERMO