ciclón
(< grκυκλῶν, p activo de pres deκυκλόω ‘arremuiñarse’)
-
s
m
Sistema de vento en rotación de carácter tempestuoso.
Sinónimos: tifón. Antónimos: anticiclón. Confrontacións: furacán, tempestade, tormenta, vendaval. -
s
m
[METEOR]
Grande área de baixa presión na atmosfera. Os ciclóns evolucionan seguindo un ciclo de vida. Nacen como consecuencia do sistema de ondas que se orixinan na converxencia das masas de aire, e propáganse ao longo dunha superficie de discontinuidade dunha fronte principal preexistente, xeralmente a fronte polar. Están formados, inicialmente, por unha masa de aire cálida e por unha masa de aire fría, separadas por unha fronte quente e por unha fronte fría que se reúnen no cume da ondulación (centro do ciclón). Ao mesmo tempo que se comeza a propagar a ondulación, aparece un mínimo de presión na cima do sector cálido, ao que corresponde un movemento ciclónico dos ventos. O sector cálido, pouco a pouco, estrangúlase, e a fronte fría posterior acábao atrapando, co que se produce a oclusión. A miúdo, a fronte pechada da perturbación enrólase en espiral arredor do eixe do remuíño ciclónico, co que se forma unha liña chamada retrógrada. Os ciclóns poden ser tropicais e extratropicais. O centro de formación dos ciclóns tropicais é a rexión dos altiplanos ecuatoriais; son pouco frecuentes, pero moi violentos e de efectos catastróficos. Os ciclóns extratropicais (depresións) móvense xeralmente de O a L e producen grandes áreas de precipitación e ventos fortes. As áreas de baixa presión ou ciclónicas aparecen nos mapas do tempo como sistemas de isobaras que contrastan coas áreas de alta presión (anticiclón). Hai centros ciclónicos permanentes no Atlántico Norte e no Océano Pacífico. Na linguaxe meteorolóxica común coñécese tamén como baixa.
Sinónimos: borrasca. Confrontacións: furacán, tempestade, tifón, tormenta, vendaval. -
s
m
[TECNOL]
Separador de partículas sólidas suspendidas nun fluído, que consiste nun recipiente cilíndrico, coa parte inferior cónica, onde se introduce tanxencialmente, pola parte superior e a unha velocidade elevada, a corrente de alimentación. Esta, co rozamento coas paredes, crea un movemento descendente helicoidal que deposita as partículas sólidas no fondo, mentres o fluído clarificado sae ao recipiente pola parte superior a través dun tubo coaxial. Cando se traballa con suspensións en líquidos, aliméntase o ciclón pola parte inferior. O rendemento deste aparato é máximo para partículas superiores a 30 μm.