ciencia
(< lat scientia‘coñecemento’)
- 
    
    
    
            
    
    
    
    
            - 
                                            
                                s                              
                    
                                            
                                f                              
                    
                    
                    
                                                                    
                                Sistema ou conxunto de coñecementos obxectivos sobre a natureza e os seus fenómenos, elaborados a partir da observación, experimentación e utilización de teorías. Aspira a formular, se é posible coa linguaxe matemática, as leis que rexen os fenómenos. Nun sentido amplo, tamén estudia a sociedade, o ser humano e o seu pensamento. En xeral, asóciase a un tipo singular de saber profundo, que é rigoroso e metódico, teórico pero susceptible de aplicación práctica e de axuda ás necesidades humanas. Caracterízase, formalmente, pola capacidade de facer previsións (exactas) sobre unha parte da realidade. É unha actividade complexa que inclúe labores de investigación, actividades institucionais, proxectos gobernamentais, unha tradición acumulativa de coñecementos, unha notable participación no mantemento e desenvolvemento da produción, un material de uso divulgativo, publicitario, etc. A actividade científica ocupa un lugar básico e cotián na estrutura económica e cultural da sociedade, influíndo nas concepcións, expectativas e modo de vida. Contrastando con esa presencia, a sociedade permanece distante do labor científico. Isto maniféstase no limitado tratamento que os medios lle dedican, no peso social das pseudociencias, na escaseza de publicacións de divulgación, na reducida atención que existe no mundo da investigación, do estudo e do pensamento con respecto á difusión das novidades, no tratamento artificioso que se lle dá no sistema educativo formal e na falta de recoñecemento social de relevantes científicos; un afastamento que favorece que a ciencia apareza, ás veces, como un mito da modernidade, prestixiosa pero afastada e allea, dificultando un debate crítico e control democrático. A ciencia, entendida como actividade ou como profesión formalizada, sobre todo na derradeira metade do s XIX, posúe un ethos, un ideal de conduta, unhas normas teóricas de comportamento. Robert Merton resumiunas en catro regras ou principios: 1) universalismo, as pretensións de veracidade deben ser sometidas a criterios impersoais preestablecidos, en consonancia coas observacións e co coñecemento previamente confirmado. Na valoración dos achados científicos non deben terse en conta cuestións como a raza, nacionalidade, relixión, clase e calidades persoais do autor; 2) comunismo, entendido como que os achados substantivos da ciencia son un produto da colaboración social e pertencen á comunidade, o dereito do produtor individual está severamente limitado; 3) desinterese ou altruísmo; 4) escepticismo organizado, metodolóxico e institucional. A idea de que a verdade científica é invariable respecto aos seus portadores e de que a actividade dos científicos se centra na busca da verdade, constitúe a quintaesencia desta concepción ideal e, mesmo, idealista. En base aos estudios de Derek J. De Solla Price, sábese que a ciencia sobresae como actividade que acadou un crecemento destacable, exponencial, dun ritmo maior ca moitos fenómenos sociais. Así, mentres que a poboación se duplica cada cincuenta anos e a renda dos países desenvolvidos cada vinte, o tamaño da ciencia -e, en concreto, o da literatura científica- convértese no dobre en só 10 ou 15 anos. Este feito implica que o número de científicos actuais equivale ao 87,5% do total de todos os tempos e a súa peculiar contemporaneidade. De aí que Price fale de Big Science para refirse á ciencia actual, fronte á Little Science, a ciencia do pasado. A concepción tradicional da ciencia entende que o coñecemento se adquire por un proceso de indución, un camiño que vai da observación á teoría pasando pola experimentación, que a ciencia é obxectiva e neutral e que avanza linealmente, debido aos achados individuais de grandes figuras. É certo que o investigador científico estudia a natureza de xeito diferente a como o fai un pintor ou un literato; o seu método é distinto, pero o simplista fluxo unidireccional desde a observación á teoría está a ser moi cuestionado. Os científicos non son máquinas de indución robótica que infiren estruturas de explicación exclusivamente a partir das constantes observadas no fenómeno natural. Son seres humanos, inmersos nunha cultura e nun tempo e loitan con todos os instrumentos de dedución que permite a mente, desde a metáfora e a analoxía, ata os voos da imaxinación. Realmente, a indución é inadecuada como descrición absoluta do método científico, aínda que apareza exposta en moitas ocasións como modelo ideal deste. Fronte a el, o método hipotético--dedutivo está proposto como o método científico real por algúns adversarios filosóficos da indución. Baséase na idea de que as hipóteses non poden derivarse da observación, aínda que, unha vez formuladas (como resultado dun proceso imaxinativo), son susceptibles de ser comprobadas por medio da observación. Para esta proposta, o fundamental son as teorías fronte á énfase no papel do experimento no método científico convencional. A ciencia está condicionada porque o científico posúe ideas previas, prexuízos e afectada pola influencia social e é provisoria polo carácter continxente das teorías que afirman a actividade científica como un proceso. Adóitase, por simplificación e costume, identificar o avance da actividade científica co labor de grandes figuras, os descubrimentos e as iniciativas xurdidas no seo das primeiras potencias económicas mundiais. Mais a ciencia moderna é o resultado dun traballo de equipo, habitualmente no seo de institucións específicas de certa complexidade e é fundamental a comunidade de especialistas que valoran os resultados. Ademais da vangarda da ciencia, xeralmente localizada nuns poucos centros de investigación, existe un labor científico menos coñecido pero fundamental. De entre as grandes figuras científicas (Lavoisier, Darwin, Bernard, Newton, Lyell, Einstein, Hutton, Haeckel, Koch, Pasteur) só Cajal desenvolveu a súa actividade en España. Se se considera a ciencia dun xeito moderno, na súa globalidade e diversidade, non restrinxida á sucesión de grandes acontecementos e sabios, o pasado científico galego, como o doutros países e comunidades similares, é rico e complexo abondo. O espectacular crecemento da actividade científica nos derradeiros séculos favorece a impresión de que a ciencia avanza linealmente, como resultado de cambios graduais, por acumulación e superación razoada de teorías. Pero o camiño histórico da ciencia amosa un percorrido irregular, resultado de cambios de diferentes ritmos, con polémicas e debates, lonxe da simplificación do ascenso progresivo pola escala do saber. 
 Tipos e clasificación
 En sentido estricto, a clasificación das ciencias xorde, fundamentalmente, a raíz do seu afastamento da filosofía. Existe, realmente, unha diversidade de disciplinas científicas, ciencias, con marcadas diferencias e múltiples relacións, feito que esixe a súa clasificación. Unha primeira ordenación poderíase establecer entre ciencias da natureza e ciencias do espírito ou da cultura, aínda que hai autores que restrinxen o propio concepto de ciencia aos límites das ciencias naturais. Aristóteles diferenciou entre as ciencias da natureza (que denominaba física) e as ciencias do espírito (metafísica). A clasificación máis coñecida nos comezos da época moderna é a de Francis Bacon, que ordenou a ciencia en teoloxía natural, ciencias da natureza e ciencias humanas. Comte estableceu unha xerarquía cunha serie que comeza coas matemáticas e segue coa astronomía, física, química, bioloxía, socioloxía e filosofía. Tamén se propuxo a distinción entre ciencias descritivas ou narrativas (xeografía, botánica, zooloxía, historia, etc) e as ciencias dedutivas (matemáticas, física, bioloxía..) e, polo método, ciencias de observación, de experimentación e de razoamento. As clasificacións deben ter en conta que o grao de desenvolvemento das diferentes disciplinas científicas non é o mesmo. Todas coinciden na súa caducidade; feito lóxico se se considera que as ciencias están en desenvolvemento, interactuando e sometidas a diferentes concepcións. Na medida en que a ciencia se institucionalizou, factores sociais e administrativos influíron na súa división; incluso houbo ciencias que deixaron de selo, como o caso da frenoloxía, moi recoñecida a principios do s XIX. En calquera caso, existen unha serie de denominacións usadas: ciencias experimentais, as que teñen como criterio fundamental o uso do experimento; ciencias naturais, as que estudian a natureza nun sentido amplo (física, química, bioloxía, xeoloxía, etc); ciencias exactas, que son as matemáticas e as ciencias que unen a utilización destas coa experimentación; ciencias humanas, as que teñen como obxectivo o estudo dos seres humanos e da sociedade desde ámbitos diferentes ao resto das ciencias (filosofía, socioloxía, psicoloxía, historia, etc); ciencias sociais, que atenden ao estudo das sociedades humanas; ciencias aplicadas, as dirixidas á utilización dos achados científicos en actividades técnicas; ciencias ocultas, as actividades que, como a astroloxía, non teñen relación coa ciencia pero que reciben esa inaxeitada denominación. Nas primeiras décadas do s XX, desde pensadores do denominado Círculo de Viena, especialmente Otto Neurath e Rudolf Carnap, impulsouse o proxecto dunha ciencia unificada. Partindo do modelo das ciencias naturais, e en concreto da física, tentaban acadar unha unidade lóxico-epistemolóxica.
 Relación coa filosofía
 Existen diferentes posicións sobre a conexión existente, desde as que postulan a ausencia de relación ata as que afirman a identidade ou, mesmo, a existencia de relacións moi complexas. En calquera caso, durante moitos séculos non se diferenciou a ciencia da filosofía. Mais, segundo se foron organizando as chamadas ciencias particulares e intensificando a súa autonomía, fíxose necesario establecer unha distinción clara. Ademais desa relación histórica, a ciencia constitúe un dos obxectos da filosofía. Modernamente, enténdese que a filosofía é, fundamentalmente, a teoría do coñecemento das ciencias. Algunhas teorías fan fincapé na análise da linguaxe da ciencia, outras no estudo dos cambios conceptuais que esta sofre ao longo da historia. Se a filosofía e a ciencia formaban unha certa unidade no mundo grego, a cultura latina recepcionou moito mellor o compoñente filosófico que o científico desa contribución. Pero, a ciencia afástase realmente cando inicia o seu desenvolvemento moderno.
 Relación coas técnicas
 As ciencias están moi relacionadas coas técnicas (ou tecnoloxía) e os seus límites non sempre son doados de establecer. En moitas ocasións, a distinción é semellante á que diferenza as ciencias puras e aplicadas, destacando o carácter aplicado das técnicas. No terreo da investigación, pode existir unha certa diferenza no feito de que o científico está “obrigado” a dar a coñecer os seus resultados e facer partícipe deles, de xeito altruísta, á comunidade.
 Desenvolvemento histórico
 O estudo histórico das ciencias require un notable esforzo de contextualización, pois cómpre ter en conta que a creación científica se dá nun contexto social e intelectual. Como sinala E. Rabier, o maior erro que se pode cometer cos descubrimentos científicos é arrincalos das súas orixes e ver neles a única verdade. O asentamento estable das comunidades agrarias nas concas fluviais (Tigris-Éufrates, Nilo, Indus, río Amarelo, Iang-Tsé, etc), onde o réxime de crecidas e as posibilidades de irrigación e bonificación favorecían a fertilidade da terra, permite o alcance dun alto nivel de organización social e un rápido desenvolvemento das técnicas agrícolas e industriais que fixo progresar, consecuentemente, algunhas ramas científcas ligadas ás necesidades da produción e da administración (aritmética, astronomía, xeometría, medicina). De carácter eminentemente práctico, sen unhas explícitas aspiracións teóricas ou cosmolóxicas, estes desenvolvementos científicos coexistiron, subordinándose, coas diversas concepcións mitolóxicas do universo que actuaban como ideoloxías dominantes. Entre estas civilizacións da Idade do Bronce, a exipcia e a asirio-babilónica influíron considerablemente na xénese da ciencia grega. Fixérono mediante contactos directos e tamén a través de culturas intermedias (minoica, fenicia, lidia). Cara ao 3000 a C, as civilizacións exipcia e mesopotámica progresaron tecnicamente e posuían literatura escrita. Os mesopotámicos destacaron sobre todo en astronomía e os exipcios en medicina; uns e outros fixeron unha ciencia acumulativa, analítica, basicamente utilitarista. A astronomía tivo, tanto en Mesopotamia coma en Exipto, un uso relixioso e, así mesmo, aplicouse ao cálculo do tempo e na invención do calendario. Foi non só unha esmeradísima ciencia de observación, senón tamén, especialmente en Mesopotamia, unha disciplina cun certo grao de desenvolvemento teórico, baseada no establecemento de relacións aritméticas constantes entre os fenómenos observados. Quizais por esta causa o desenvolvemento da aritmética foi particularmente notable entre os asirio-babilonios: as súas táboas de problemas revelan o uso dunha arte combinatoria moi complexa, con solucións a problemas que implican ecuacións de primeiro e segundo grao, cunha ou varias incógnitas. Os exipcios desenvolveron máis a xeometría, probablemente influídos pola necesidade de controlar os seus cultivos; pero foi empiricamente, por ensaios sucesivos buscando a solución máis satisfactoria e non por un esforzo de abstracción, como formularon eficazmente superficies (triángulo, rectángulo, círculo) e volumes (pirámide, tronco de pirámide, cilindro, etc). Onde os exipcios sobresaíron notablemente foi en medicina; os seus textos médicos testemuñan un saber empírico, sensato e enxeñoso que influíu decisivamente na medicina grega e, polo tanto, en toda a medicina occidental ata o s XVII. A medicina asirio-babilónica é moi pouco coñecida, non obstante, sábese que, ademais dunha práctica puramente exorcista, hai unha práctica médica máis obxectiva. O movemento científico orixinado coa aparición das civilizacións fluviais da Idade de Bronce na India esténdese amplamente. A ciencia india desenvolveu principalmente a astronomía, a fisioloxía e a psicoloxía en detrimento da física, a xeografía, a xeoloxía e a zooloxía. Sobresae no coñecemento dos vexetais e establece listas das súas propiedades alimentarias, medicinais ou técnicas, aínda que a súa comprensión non era o obxectivo deste coñecemento. Pese a que a ciencia india especula racionalmente, pretende acadar coñecementos detallados e observa e crea hipóteses explicativas, raramente fixo uso da experimentación, agás en psicoloxía, na que o progreso conseguido foi posible grazas ás súas técnicas de control do corpo e da mente. Noutros campos, as teorías fundamentábanse nun número insuficiente de feitos, a causa da súa orientación exclusivamente práctica e utilitarista, esquecendo a investigación exacta e sistemática. A ciencia india tivera relación coa ciencia grega nos ss V-III a C. A Colección Hipocrática menciona medicamentos indios e tamén contén o tratado Sobre o vento, que explica as ideas clásicas da ciencia india. En astronomía, a duración do calendario tríade por Heráclito I Berosus corresponde aos valores adoptados correntemente na India. A ciencia hindú estendeuse principalmente cara ao Tibet, China, Xapón, Indochina e Indonesia. Nos seus inicios, a ciencia china e a ciencia grega avanzan paralelamente, mais a chinesa desenvolveuse ben pronto polas súas concepcións características de correlación, asociación e interconexión intuitiva dos elementos do cosmos. De acordo co principio do neoconfucianismo, o Li (lei, razón), todos os fenómenos e todos os obxectos existentes teñen interese como produtos acabados, non como elementos individuais. A harmonía do universo resulta da correcta interrelación das súas partes. Polo tanto, calquera que coñeza o mundo (macrocosmos), coñece o home por analoxía. A idea da ordenación xerárquica dos elementos daba lugar a unha construción que era completamente arbitraria, mais de tal valor ético, estético e cultural que o proceso científico era practicamente inconcibible. A ciencia chinesa non se estende, como a ciencia hindú, a grega ou a árabe-persa. Sempre pareceu que quedaba illada, pero constantemente se enriqueceu por contribucións foráneas, ao tempo que foi explorando cara ao oeste as súas técnicas (mais non as súas especulacións) desde o s II d C. Tralos avances do coñecemento nas civilizacións orientais, a etapa grecolatina foi un momento básico na evolución da ciencia. Nesa época xurdiu un pensamento científico e filosófico con certa autonomía das crenzas e hábitos relixiosos; unha ciencia limitada, pero que desenvolveu unha primeira formulación do método científico e obtivo achados notables en terreos como as matemáticas, a física e a historia natural. As matemáticas gregas acadaron un notable desenvolvemento. Pitágoras (582-494 a C) e a súa escola, no s VI a C, traballaron o concepto de número. Euclides, s III a C, expuxo unha valiosa síntese da xeometría nos seus famosos Elementos, obra de referencia obrigada durante séculos. Ptolomeo realizou a sistematización da astronomía no s II d C. En medicina débese destacar a figura de Hipócrates (460-377 a C) e a súa escola, que iniciaron un xeito propio e orixinal de estudiar a enfermidade, en base á observación. Aristóteles (384-322 a C) influíu decisivamente nos coñecementos biolóxicos da época e dos séculos posteriores. Un discípulo del, Teofrasto (380-287 a C) estudiou a botánica. Roma recollería o legado científico grego, aínda que os romanos prestaron especial atención aos estudios técnicos e descritivos, destacando as contribucións en medicina e ciencias naturais. En medicina sobresae a figura de Galeno (130-200), orixinario de Pérgamo (Grecia clásica), autor fundamental no desenvolvemento da anatomía. En ciencias naturais destacan o pensador Lucrecio, autor de De rerum natura, valioso poema filosófico de fondo contido científico, e Plinio, quen escribiu a Historia Natural, obra na que se recollen os coñecementos científico-naturais da época. O peso crecente do cristianismo na sociedade romana, da que se constituíu en relixión oficial, e a desfeita do Imperio deron lugar a un período de estancamento e/ou retroceso científico e intelectual. A ideoloxía e filosofía oficiais supuñan un atranco obxectivo para o estudo científico libre, feito que orixinou, en moitos casos, a persecución dos científicos. Na Idade Media a actividade científica limitouse en gran medida á simple recollida e tradución dos textos clásicos, a conservar parte do sabido sen desenvolver novas pescudas. A teoloxía pasou a ser a “ciencia” deste longo período de escuridade intelectual e o poder utilizou as súas principais institucións ideolóxicas, Igrexa e Universidade, contra as novas propostas científicas, feito que obrigou a que a ciencia e o pensamento progresista fosen compañeiros inseparables ata a segunda metade do s XIX. Sobre esa base histórica real, o avance da ciencia é presentado, ás veces, como unha batalla simbolizada no esquema da loita entre a luz (ciencia) e as sombras (supersticións e atraso). Unha luz que medra progresivamente polo esforzo dos desprendidos científicos que permitirían á humanidade acadar a liberación da ignorancia e o camiño da satisfacción material; nesta perspectiva a ciencia semella unha institución benéfica e os científicos uns “anxos”. Non obstante , desde que autores como Ricardo Mella defendían a devandita visión inxenua da ciencia, pasou moito tempo e aconteceron moitas cousas. Os científicos teñen participado en teorías e investigacións proxectadas para a destrución ou sufrimento da humanidade, polo que non se debe establecer unha identificación lineal da ciencia con progreso, coñecemento e bondade. Fronte á ausencia de continuidade científica no occidente cristián, o mundo árabe foi quen recolleu parte do legado científico clásico, integrándoo na denominada ciencia árabe co procedente de países como Siria, Persia e a India; por medio de textos árabes puideron chegar a Occidente algunhas das contribucións científicas do mundo clásico. Desenvolveu un notable movemento científico, con avances en medicina, astronomía, farmacoloxía e agronomía. Os científicos árabes foron os primeiros autores dun tratado de álxebra e elaboraron táboas astronómicas. Realizaron os estudios de diversas substancias químicas e, en medicina, contaron coa presencia de médicos tan notables como Avicena (979-1037) e Averroes (1126-1198), e construíron os primeiros xardíns experimentais. En medio da penuria científica occidental destacan Alberte Magno (1206-1280) e Roger Bacon (1214-1294). O primeiro parte de Aristóteles para realizar novas observacións naturalistas e o segundo acadou escasa influencia debido ás dificultades que debeu afrontar. O Renacemento, entre finais do s XIV e o XV, supuxo un cambio notable na cultura occidental e situou os alicerces da ciencia moderna. O proceso de transformación da sociedade rural, feudal, aristocrática e relixiosa medieval á sociedade renacentista, caracterizada polo predominio da cultura urbana e comercial, obedeceu a factores diversos relacionados coa evolución das prósperas cidades do Mediterráneo a partir do s XIII, e máis tarde do centro e norte de Europa. Tamén influíron notablemente as grandes catástrofes demográficas provocadas polas crises de fame e polas grandes epidemias, como a peste negra. A imprenta, inventada por Gutenberg en 1455, axudou á transformación cultural, pois permitiu unha maior difusión do coñecemento e facilitou unha certa autonomía do control relixioso. Tamén cómpre destacar a importancia das exploracións xeográficas e estudios naúticos, cuestións nas que a contribución ibérica foi salientable. Xustamente neste tema atópase un dos exemplos que serve para cuestionar o pretendido avance lineal da ciencia. Eratóstenes (276-195 a C) calculou a circunferencia terrestre nunha cantidade errada nun 15%, cálculo só superado en tempos modernos. Pero o seu xeito de calcular esqueceuse por moito tempo. Ptolomeo, xunto con grandes achados xeográficos, cometeu un erro fundamental, quizás o erro de cálculo máis importante da historia. Rexeitou a apreciación extraordinariamente exacta que Eratóstenes realizara sobre a circunferencia terrestre e aceptou que cada grao terrestre medía 80 km en lugar de 113. Iso supuxo que por moitos anos os mapas reducían enormemente a extensión das partes descoñecidas do mundo, cuestión que estivo na base do erro de Colón ao atribuír as costas americanas (as Indias) ao continente asiático. É a época dos pensadores renacentistas, atentos a múltiples áreas do coñecemento e simbolizados no xenial Leonardo da Vinci (1452-1519). Tamén destacan científicos como o matemático Tartaglia (1500-1557); o anatomista Vesalio (1514-1564), quen coa súa obra Humani Corporis Fabrica revolucionou a disciplina; Miguel Servet (1511-1553) e Harvey (1578-1657), descubridores da circulación do sangue; en física, Johannes Kepler (1571-1630) e Gilbert (1544-1603). E, especialmente, Nicolao Copérnico (1473-1543), quen propuxo o sistema xeocéntrico, co Sol no centro do Universo en vez do planeta Terra, contribución de notables consecuencias científicas e culturais. Noutros ámbitos, destaca a figura de Francis Bacon, sabio renacentista que introduciu a lóxica experimental e indutiva. Nesa época sobresaen dous irmáns galegos, Antón e Paulo López de Guadalupe, médicos nas Cortes de Isabel a Católica, Carlos V e o Papa Adriano VI. Se a orixe desta nova ciencia debe situarse no Renacemento, a súa implantación social desenvolveuse no s XVII. Con Galileo (1564-1642), comezou o que se chama período moderno da ciencia ou a ciencia entendida dun xeito actual, de carácter experimental; incorporou notables descubrimentos, pero, sobre todo, novos conceptos e metodoloxía, o razoamento experimental (análise dun fenómeno, descomposición do mesmo en elementos directamente mensurables, investigación dunha ecuación alxébrica funcional entre as cantidades atopadas e a verificación da hipótese por medio dunha experiencia concreta e exacta levada adiante con instrumentos axeitados). Empregou o telescopio e impulsou o desenvolvemento da física, sobre todo a mecánica. O galego Francisco Sánchez o Escéptico (Tui 1550 - Tolouse 1623), médico e filósofo, constitúe un exemplo de pensador e científico renacentista de nivel medio. En matemáticas o s XVII será o da creación da xeometría analítica, a análise diferencial, a xeometría proxectiva, o cálculo de probabilidades e a teoría dos números. Fálase de revolución científica para referirse aos cambios promovidos por autores como Isaac Newton (1642-1727) porque previamente houbo un certo estancamento (entre 1540 ata 1660). As novas academias impulsaron a nova filosofía, a nova ciencia. Cando rexurdiu a vida intelectual foi doutro xeito, nunha nova versión do clasicismo, laica, mundana, literaria e grega máis que latina. Autores como Platón, Arquímedes, Epicuro, Lucrecio, Celso, pouco lidos anteriormente, pasaron a ser admirados ao tempo que se cuestionaba o trío de mestres venerados na época anterior, Aristóteles, Ptolomeo e Galeno. O impacto de Newton implicou que se falase de “ciencia newtoniana” para referirse ao pensamento científico do s XVIII. Teoricamente, partiría dos Principia Mathematica (1687) e oporíase ao termo “cartesiano”. Outros autores importantes foron Leibniz (1646-1716), descubridor, con Newton, do cálculo infenitisimal, porta de acceso á matemática moderna. O cambio provocou unha profunda transformación cultural, co rexeitamento de Aristóteles, substitución da cosmoloxía teleolóxica por unha visión do mundo impersoal e mecánica. Tamén foi o período no que se descubriu o microscopio, que abriu novas posibilidades de coñecemento. Malpighi (1628-1694) realizou diversas observacións, como Leeuwenhock (1632-1723) e Hooke (1637-1703), quen en 1665 deu o nome de célula ás estruturas que observou nunha lámina de cortiza. Establecéronse as bases da historia natural moderna desde autores como Ray (1628-1705) e Tournefort (1656-1708), que facilitarían a notable contribución nomenclatural e clasificatoria de Linné (1707-1778). En física desenvólvense as primeiras investigacións sobre electricidade e o establecemento das escalas termométricas (Fahrenheit, 1724, Réaumur, 1730, Celsius, 1742). Tamén é a época do inicio da actividade societaria de tipo científico (Royal Society) e de creación de museos. España permaneceu á marxe desa fundamental revolución científica, feito que tivo unhas consecuencias moi negativas para o seu desenvolvemento científico. A Ilustración partiu destas novidades e supuxo, entre outras cousas, un intento de colocar o ser humano e a sociedade baixo principios científicos. A ciencia acadou unha notable presenza social; así, a Historia Natural de Buffon foi un dos textos máis lidos do s XVIII. A química segue o camiño da modernidade da man de autores como Fourcroy e, sobre todo, Lavoisier (1734-1794), quen desmontou a teoría do floxisto e estableceu a lei de conservación da materia e a nomenclatura química. A medicina avanzou coa incorporación dos saberes que achegaron as ciencias naturais. A actividade científica dos ss XIX e XX ten moito que ver cos cambios políticos ocorridos no derradeiro terzo do s XVIII, sobre todo a Revolución Francesa. Por outra banda, a Revolución Industrial asentou unha estreita relación entre a ciencia e as técnicas e destas coa economía. O prestixio da ciencia foi enorme; mesmo o termo “científico” creouno en 1833 William Whewell. Os novos grupos sociais contemplaron a ciencia como un aliado ideolóxico fronte ao vello sistema e como ferramenta de modernización e cambio. As esperanzas depositadas foron enormes e atribuíronselle inxenuamente á ciencia unhas enormes posibilidades liberadoras, ligándoa á liberdade, como afirmou Thomas Jefferson (“liberdade, filla primoxénita da ciencia”); ou anos despois, expresou Manuel Curros Enríquez no seu poema “Na chegada a Ourense da primeira locomotora”, onde o tren, a ‘Nosa-señora de ferro’, simboliza o triunfo do progreso que, desde a ciencia e a técnica, traen “a fartura, a luz e o progreso”. Boa mostra desa atmosfera foron as exposicións universais, que acadaron ao longo do s XIX unha importante relevancia como expresión do progreso material da sociedade burguesa. Nese período a sociedade europea observaba con confianza e optimismo o futuro que lle deparaban os continuos avances científico-técnicos, novos elementos do poder, nunha expansión que parecía non ter fin. A Guerra de 1914 e a Revolución Bolxevique do 1917, entre outros motivos, esnaquizaron esa idílica suposición. O incremento da actividade científica provocou, no s XIX, unha maior especialización, coa aparición de novas disciplinas e sociedades. En 1831 fundouse a British Association for the Advancement of Science, á que seguiron outras; tamén foi a época de congresos de especialistas. As ciencias modernas pasaron a formar parte dos currículos universitarios, un proceso que corresponde á Francia napoleónica e que en Alemaña desenvolveu Wilhelm von Humboldt, mentres que en España non tivo lugar ata mediados de século cos planos Pidal e Moyano. A primeira metade do século contempla o labor interdisciplinar e enciclopédico de científicos como Alexander von Humboldt (1769-1859), impulsor da xeografía e a bioxeografía. O s XIX é o da creación e articulación da teoría celular. Desde a súa formulación inicial por Schwan (1810-1882) e Schleiden (1804-1881), ata o remate con Santiago Ramón y Cajal (1852-1934), pasando polas contribucións de Rudolf Virchow (1821-1902), estableceuse a unidade estrutural e funcional dos seres vivos. Tamén é o período histórico da teoría da evolución biolóxica que, despois da achega inicial de Lamarck (1744-1829), foi explicada por Charles Darwin (1809-1882) mediante o mecanismo da selección natural. Claude Bernard (1813-1878) expresou as novas concepcións e metodoloxías no terreo da fisioloxía e amosou, co estudio da función glicoxénica do fígado a capacidade de síntese do mundo animal. Estas descubertas favoreceron o xurdimento dunha nova ciencia, a bioloxía. A química moderna desenvolveuse a partir da obra de Lavoisier. Outras contribucións tiveron que ver coa articulación da teoría atómica. A ordenación dos elementos químicos foi realizada por Mendelejev, desde 1869. As matemáticas acadan notables especializacións, como reflicten as obras de Riemann (1822-1866), Poincaré (1854-1912) e Hilbert (1862-1943). Os avances en astronomía foron espectaculares, coa achega de Bessel (1784-1846) e a teoría da relatividade de Albert Einstein (1879-1955). A física avanzou co descubrimento do electrón en 1895 e da radiactividade en 1904, pero foi a teoría dos cuanta de Max Planck a que inaugurou unha nova etapa nesta disciplina. A ciencia do s XIX e, sobre todo, a do XX pasou a ser unha actividade que pola súa importancia necesitou de recursos económicos e do apoio do Estado. Creáronse organismos públicos encargados de dirixir e potenciar a investigación, como o Centre National de Recherche Scientifique en Francia, fundado en 1939. O s XX contemplou unha evolución extraordinaria das ciencias. A xeoloxía sufriu unha auténtica revolución, plasmada na tectónica de placas; na bioloxía apareceron novas disciplinas, como a ecoloxía e a xenética, que permitiron, xunto coa paleontoloxía, a revisión e actualización das propostas de Darwin expresadas na teoría sintética da evolución ou neodarwinismo. En bioquímica Watson e Crick en 1953 descubriron a estrutura do ADN, avance que abriu un amplo campo de traballo investigador, como aconteceu co estudo do xenoma humano. A astronáutica acadou un papel básico na investigación do Sistema Solar e do Universo. Lanzouse o primeiro satélite artificial, o Sputnik, en 1957; cinco anos despois tivo lugar o primeiro voo tripulado (por Gagarin) e en 1969 chegou á Lúa a primeira nave con seres humanos (Armstrong e Aldrin). Estas conquistas foron seguidas de diversas exploracións e programas científicos de vida irregular. A física nuclear e do estado sólido son características deste período. A Organización europea para a investigación nuclear (CERN, antigo Consello Europeo para a Investigación Nuclear), en Suíza, serviu para numerosas experiencias. O desenvolvemento de cada unha das ciencias mantén unha estreita relación con todas as demais, de xeito que calquera descubrimento transcendental nunha delas repercute inmediatamente nas outras. Este trazo maniféstase incluso nos obxectos materiais estudiados por cada unha. Téntase explicar, máis que obxectos concretos, sistemas que inclúan un gran número, sexan galaxias, partículas elementais, organismos vivos ou sociedades humanas, que teñan un grao de complexidade maior.
- 
                    
                    
                                            
                                ciencias aplicadas                              
                    
                    
                                                                    
                                Ciencias que empregan os resultados científicos ao servizo das aplicacións técnicas. Utilizan o mesmo método xeral das ciencias puras e algúns métodos especiais. As ciencias aplicadas teñen como obxectivo resolver problemas prácticos e, polo tanto, céntranse máis nos problemas prácticos xerais no ámbito dunha sociedade en desenvolvemento ca nos propios dominios da ciencia. 
- 
                    
                    
                                            
                                ciencias exactas                              
                    
                    
                                                                    
                                matemática. 
- 
                    
                    
                                            
                                ciencias humanas                              
                    
                    
                                                                    
                                Expresión nacida e empregada principalmente dentro do ámbito cultural francés que designa aquelas disciplinas que teñen como obxecto de estudo o home tanto na súa dimensión individual coma social. Denominadas tamén ciencias do home, inclúen as ciencias sociais, a filosofía, a historia e tamén o dereito e a psicoloxía individual. 
- 
                    
                    
                                            
                                ciencias naturais                              
                    
                    
                                                                    
                                Denominación tradicional que reciben o conxunto de ciencias que teñen por obxecto o estudo da natureza nas súas distintas facetas e que engloba a física, a química, a bioloxía e a xeoloxía. 
- 
                    
                    
                                            
                                ciencias puras                              
                    
                    
                                                                    
                                Denominación que fai referencia á parte do saber científico que unicamente ten por obxecto o coñecemento da realidade, sen ter en conta a utilidade ou a aplicación práctica destes coñecementos. Engloba basicamente a lóxica e a matemática. 
- 
                    
                    
                                            
                                ciencias sociais                              
                    
                    
                                                                    
                                Conxunto de disciplinas que teñen como obxecto de estudo as estruturas e procesos sociais, económicos e políticos. Considéranse principalmente como ciencias sociais a economía, a demografía, a antropoloxía social e cultural, a etnoloxía, a socioloxía, a psicoloxía social, as ciencias políticas, a ciencia da educación e a sociolingüística. 
 
- 
                                            
                                s                              
                    
                                            
                                f                              
                    
                    
                    
                                                                    
                                
- 
            
                    s                  
    
            
                    f                  
    
    
            
        
                    Cada póla ou departamento de coñecementos sistematizados considerado como campo de investigación ou obxecto de estudio. Ex: A ciencia física incorpora coñecementos da ciencia matemática. Sinónimos: disciplina.
- 
            
                    s                  
    
            
                    f                  
    
    
            
        
                    Conxunto de coñecementos dunha persoa. Ex: Non estudiou, pero todos estes anos traballando coa fotografía déronlle moita ciencia no seu oficio. Ex: Non estudiou, pero todos estes anos traballando coa fotografía déronlle moita ciencia no seu oficio. 
- 
            
                    s                  
    
            
                    f pl                  
    
    
            
        
                    Conxunto das ciencias baseadas principalmente no cálculo e na observación, en oposición a letras. Ex: Construíron unha nova facultade de ciencias no campus. Ex: Construíron unha nova facultade de ciencias no campus. 
- 
    
    
            
                    árbore da ciencia do ben e do mal                  
    
                [RELIX]
        
        
                    Árbore do Paraíso que tiña os froitos que Deus prohibira comer a Adán e Eva. 
- 
    
    
            
                    ciencia fición                  
    
                [LIT/IMAX]
        
        
                    Xénero literario e cinematográfico baseado en ingredientes de carácter extraordinario razoables pola imaxinación e centrados xeralmente no desenvolvemento das posibilidades atribuídas á técnica e á ciencia. A expresión cuñouna Hugo Gernsback en 1923 para titular un número da revista Science and Invention, dedicado á publicación de relatos sobre feitos fantásticos que sucedían nun futuro imaxinado a partir das posibilidades de desenvolvemento previstas desde os avances científicos do momento. A medio camiño entre o relato de utopía e a novela de aventuras, reflexiona sobre as consecuencias da revolución tecnolóxica e científica considerada como a salvación das formas de vida do momento ou como o proceso que lle impide ao home pensar libremente, visión apocalíptica na que subxace a crítica fronte á organización da sociedade contemporánea. Os seus límites confúndense a miúdo coa literatura fantástica e, entre outros temas, trata a exploración do espacio, viaxes no tempo ou as invasións extraterrestres. Considéranse como antecedentes as obras Verae Historiae, de Luciano de Samosata (150 d C?); diversas utopías, dende Platón a Thomas More ou Gulliver’s Travels (As viaxes de Gulliver, 1726), de Jonathan Swif; e Frankenstein (1818), de Mary Shelley. O xénero estableceuse na segunda metade do s XIX, entre outros autores, con Jules Verne, Herbert George Wells e no s XX con Edgar Rice Burroughs e Abraham Merritt. Adquiriu gran popularidade, sobre todo despois da Segunda Guerra Mundial, coa proliferación de publicacións especializadas (Amazing Stories, 1926) e coa consolidación de autores como Ray Bradbury, Isaac Asimov, Aldous Huxley, Frederick Phol, A. C. Clarke, P. K. Dick ou J. Russ. A partir dos anos sesenta comezou a admitirse a súa categoría literaria. O mundo dos cómics empregou a miúdo esta temática ata facela un dos seus temas típicos e as posibilidades técnicas e mecánicas do cine parecían aptas para traducir as imaxinacións. En 1898 apareceu no cine a ciencia ficción como rama importante do cine fantástico con Le rêve d’un astronome (O soño dun astrónomo), de Georges Méliès (1861-1938). A finais dos anos setenta, G. Lucas e Steven Spielberg convertéronse nos abandeirados do xénero, que aumentou a súa popularidade a causa do crecente recurso a unha amplísima gama de efectos especiais. A tecnoloxía é tamén responsable de novas versións dos clásicos do xénero, como The Thing (A cousa, 1982) ou The Fly (A mosca, 1986), e tamén do traslado dos cómics á pantalla (Superman, Star Trek, Flash Gordon, Batman). De maneira xeral, o cine de ciencia fición tende a presentarse como un tipo de fábula moral, que nalgúns casos consegue unha categoría filosófica. No eido da literatura galega, hai mostras deste tipo como Soños eléctricos (1994), de Ramón Caride Ogando, ou Galaxia lonxana (1995), de Lois Fernández Marcos. 
- 
    
    
            
                    ciencias da educación                  
    
                [EDUC]
        
        
                    A ciencia da educación pode considerarse equivalente á pedagoxía en canto ciencia, pero non cando se refire á práctica pedagóxica. M. Röhrs (1969) entende por ciencia da educación a disciplina científica que, baseándose en resultados científicos comprobados e tomando en consideración os resultados e métodos das ciencias afíns, tenta clarificar a realidade educativa. Na medida en que existe unha relación de dependencia ou consideración dialéctica entre métodos filosóficos teóricos e mesmo empíricos, a base sobre a que se articula a pedagoxía medra en sintonía e mesmo dependencia con outras ciencias, constituíndo todas xuntas as ciencias da educación. As connotacións sociais e políticas, xunto co desenvolvemento dos estudios pedagóxicos e, sobre todo, o crecente interese pola educación, determinaron que desde moitos ámbitos científicos (psicoloxía, economía, socioloxía, medicina, etc) se abordasen temas educativos dando lugar ao nacemento de áreas de estudio, áreas que case sempre se especifican co xenitivo “da educación”. Así, despois da historia e da filosofía da educación, loxicamente vinculadas á pedagoxía, xurdiron cada vez con máis frecuencia estudios e ensaios sobre a educación desde ámbitos científicos diversos. Este fenómeno determinou que, desde a década dos anos sesenta, se propuxese a substitución do termo pedagoxía polo de ciencias da educación. En sintonía con esta tendencia, as antigas facultades da pedagoxía pasaron a denominarse facultades de Ciencias da Educación. Considerada xenericamente, a ciencia da educación pode acollerse á denominación de ciencia con pleno dereito cando se concibe como práctica social. Neste sentido, a relación teoría-práctica constitúese como elemento fundamental e decisivo no que se poñen en funcionamento as ciencias afíns, facilitando así a súa conformación como ciencia práctica. Resulta peculiar, desde todos os puntos de vista, que a ciencia da educación adoite unha dobre perspectiva, xa recollida por W. Dilthey (1888): constatar o que é e tentar atopar o que debe ser. Non obstante , habería que determinar en qué medida é posible descubrir na realidade o sentido e mesmo o obxectivo da acción pedagóxica. E isto de tal modo que non se lle outorgue a un feito concreto unha vixencia inadecuada, senón que se deben percibir nela indicios dunha realidade futura que poidan considerarse normativos para aquela acción. A moderna ciencia da educación tenta cumprir coas esixencias da súa dobre tarefa baseándose nos seus principios ideolóxicos. Se se considera a ciencia da educación como un elemento fundamental da formación profesional dos futuros mestres e educadores en xeral, ten que conformarse de tal xeito que proporcione posibilidades reais de acción pedagóxica en todos os ámbitos e campos da docencia. Polo tanto non chega con poñer ao descuberto unha norma de acción, senón que hai que incluílas no contexto dos postulados científicos e comprobar a súa validez. Desde esta óptica toma corpo e sentido a denominación ciencias da educación. Como teoría da educación, a pedagoxía ou ciencia da educación ten como fin sintetizar de xeito panorámico a totalidade do proceso educativo no que se representa cada un dos períodos constituíntes, entendidos como momentos dun contexto social global, segundo unha lóxica sucesión en relación de causalidade. A súa atención debe dirixirse, sen embargo, ao momento do proceso educativo no que se produce a transformación dos coñecementos teóricos en práctica. A educación e a formación son os temas fundamentais que a pedagoxía como tal debería tratar en relación cos condicionamentos sociais, diferenciados doutros procesos de socialización, e determinar normas e formular teorías educativas. A acción educativa ten que constituírse desde esta perspectiva como o seu primeiro obxectivo. Os profesionais, os alumnos, a docencia e a aprendizaxe deben conformarse como elementos básicos porque a ciencia da educación como tal, ou entendida como aglutinación harmoniosa de ciencias, ten que controlar, como ciencia, a súa propia realización e polo tanto debe tentar verificar os seus propios métodos. O proceso educativo no que as persoas perfilan perspectivas humanas ao rexeitalas ou ao aceptalas como normas, revélase como un proceso de integración social para o que a ciencia da educación se serve dos paradigmas teóricos da comunicación e a integración. Así, a realidade pon de manifesto que aquela está amplamente relacionada cun gran número de ciencias que, dependendo do momento, se consideraron fundamentais ou auxiliares. A influencia recíproca determina que a denominación pasase da consideración de afín a outra moito máis integradora de ciencias da educación. Resulta case imposible determinar de xeito unitario a relación que, segundo as distintas correntes existentes no ámbito das consideradas ciencias da educación, se establece entre a pedagoxía como ciencia da educación específica e as outras. Non obstante , segue a ser necesario cando menos referir aquelas coas que ten que contar necesariamente e que polo tanto se constitúen determinando o espazo teórico-práctico que como ciencias delimitan. A psicoloxía, con todas as súas disciplinas e áreas obxectivas, resulta especialmente importante para a pedagoxía. A colaboración entre elas propiciou o nacemento da psicoloxía pedagóxica ou psicopedagóxica que investiga os fenómenos pedagóxicos con métodos psicolóxicos. Esta colaboración consolidouse academicamente en forma de especialidade universitaria. A bioloxía, a través da antropoloxía biolóxica, considerouse insuficiente desde o punto de vista pedagóxico e, nos últimos anos, demostrouse, a través da investigación empírico-biolóxica, a existencia de importantes afinidades e tamén diferencias (determinantes da necesidade e capacidade cualitativa e cuantitativa de aprendizaxe e educación) entre as estruturas de conduta animal e humana. Co tempo adquiriu máis importancia a colaboración que, para a análise da conduta, prestan as teorías da transmisión e elaboración de información e sistemas de datos desenvolvidos, en primeira instancia, con fins técnicos. A medicina, pola súa parte, a través de disciplinas como a fisioloxía, xenética, hixiene, pediatría ou a psiquiatría está estreitamente relacionada coas ciencias da educación. A relación de reciprocidade pode aumentarse se a medicina se ocupa dos conflitos psicosociais e mesmo do tratamento preventivo da saúde, mentres a ciencia da educación pode ocuparse, por exemplo, da educación para a saúde (contido transversal da LOXSE) e dos problemas de orde pedagóxica dos doentes. O dereito, a socioloxía (unha das ciencias afíns máis importantes que investiga tanto no ámbito educativo como paraeducativo), a ciencia política, a informática e moitas outras demostran a necesidade de cooperación entre as ciencias para solucionar desde perspectivas máis globais tarefas teóricas e prácticas relativas ao mundo educativo. Despois dun longo e complicado proceso de separación da teoloxía e da filosofía, a ciencia da educación ten que defenderse da fragmentación e evitar caer na dependencia de calquera outra ciencia. Nunha época que se define arredor da comunicación e a interdisciplinaridade, a natureza diversa das ciencias da educación estendidas como asociación dependente e mesmo constituínte corren o risco, por non definir con claridade os seus espacios de actuación, de rematar por perder especificidade e máis cando se está a asistir ao proceso de expansión que algunhas ciencias emerxentes están a desenvolver coa intención de ocupar espacios científicos e de investigación reservados en principio a outras de natureza moi distinta. 
- 
    
    
            
                    ciencias da información                  
    
                [COMUN]
        
        
                    Disciplina científica que se encarga do estudio e tratamento da información. 
- 
    
    
            
                    ciencias da linguaxe                  
    
                [FILOL]
        
        
                    Conxunto de disciplinas que estudia os diversos aspectos da linguaxe e que, en sentido estricto, se divide en fonética, fonoloxía, ortoloxía, ortografía, morfoloxía, sintaxe, morfosintaxe, gramática, semántica, lexicoloxía, lexicografía, lingüística, semiótica e semioloxía. Nun sentido estricto, só se ocupan de feitos lingüísticos, sen embargo, xa que a linguaxe é un sistema de signos, tamén é obxecto de estudio noutras ciencias que se centran nos sistemas de signos ou dos signos en xeral. 
- 
    
    
            
                    ciencias do comportamento/ciencias da conduta                  
    
                [PSIC]
        
        
                    Conxunto das ciencias que investigan o comportamento humano e, ás veces, tamén o animal, dun modo organizado e sistemático, baseándose en esquemas lóxicos hipotético-dedutivos e indutivos. Estudian a conduta (psicoloxía, pedagoxía, antropoloxía, ecoloxía, etc) e tratan de establecer cientificamente xeneralizacións válidas en materia de comportamento humano, atendendo á xénese da conduta, finalidade e aspectos procesuais. Debido ás relacións interdisciplinares que se establecen entre estas ciencias, aparecen con frecuencia novas condutas científicas (xeobioloxía, psicosocioloxía, etc). A metodoloxía que utilizan é moi variada e mesmo recorren a outros métodos utilizados noutros ámbitos científicos. Hai investigadores que inclúen as ciencias do comportamento dentro das ciencias humanas e outros, dentro das ciencias sociais. 
- 
    
    
            
                    ciencias ocultas                  
    
                [ESOT]
        
        
                    Conxunto de coñecementos relativos á conexión entre fenómenos da natureza (obxecto, polo tanto, da ciencia natural), pero non comprobables cientificamente, como por exemplo a alquimia, a astroloxía, a cábala, a cartomancia e a maxia. 
Refráns
- A ciencia é o alimento do espirito.
- A ciencia quere prudencia e experiencia.
- Con pouca ciencia e moita conciencia terás coñecencia da túa sabencia.
- Non hai ciencia contra a experiencia.
 
                  