clasicismo

clasicismo

(

  1. s m

    Calidade de clásico. Ex: O edificio lembra o clasicismo da arquitectura grega.

    Ex: O edificio lembra o clasicismo da arquitectura grega.

  2. s m [ARTE]

    Corrente estética que identifica a beleza artística coa observación de certas leis inviolables. Fundaméntase na imitación dos modelos gregos e romanos e na regulamentación da arte mediante as leis do ideal artístico, a harmonía e a proporción. Este xeito de entender a arte existiu en todas as épocas, aínda que o termo clásico tomou o seu significado da Grecia dos ss VI e V a C. Está ligado aos conceptos moralistas da época en que se desenvolve. A doutrina oposta é o barroquismo, que fai dubidar da validez das leis estritas e busca formas novas coa xeración dunha arte dinámica e cambiante. Pola contra, o clasicismo é sempre máis repousado e harmónico, porque a súa expresión artística descansa nunhas leis e principios inamovibles. Segundo esta definición enténdense como clasicistas as escolas artísticas sumeria e exipcia, anteriores á Grecia clásica, Roma, o románico, o gótico, o renacemento, o estilo francés do s XVII, o neoclasicismo e o academicismo ecléctico do s XIX e tamén o realismo e o racionalismo dos ss XIX e XX. Son barrocas a escola helenística, os períodos tardíos da arte romana, románica e gótica, o Barroco puro do s XVII en Roma e a súa extensión por toda Europa, e moi especialmente a súa versión en Hispanoamérica, o romanticismo, o modernismo e, en certa maneira, a arte abstracta. Ambos os dous estilos sucédense de forma cíclica, pois o clasicismo chega a un punto de esmorecemento, xa que comeza a non convencer os seus adeptos coas leis establecidas e dá paso ao nacemento de certas dúbidas que, aproveitando as circunstancias de tipo social, político ou doutra orde, provoca un cambio das ideas artísticas. Dunha maneira máis específica, coñécese co nome de clasicismo a teoría estética influínte nas artes, que naceu ao redor do mundo humanista do s XV, que medrou no Renacemento, acadou a súa máxima importancia na segunda metade do s XVIII e perviviu todo o s XIX como contraposición ao romanticismo. O clasicismo é, pois, unha constante artística que aparece ao longo da historia naqueles momentos en que se está de acordo en admitir unhas regras fixas e determinadas, que son patrimonio das academias fundadas en Francia por Luís XIV e España en 1744. Moitas das regras do clasicismo proveñen das teorías platónicas e aristotélicas, revitalizadas por Marsilio Ficino no Renacemento. Artisticamente, baséanse nos tratados de Paccioli, Serlio e sobre todo na tradución de Vitrubio.

  3. s m [LIT]

    Termo que alude aos modelos, temas e convencións estéticas da tradición grecolatina e á súa influencia na literatura posterior, que defende a imitación dos moldes clásicos como base da creación literaria fronte á innovación. A norma estética clasicista, vixente dende a Idade Media, valora o equilibrio formal, a proporción e o decoro, atribuídos á literatura clásica, como ideais compositivos. A aparición de numerosos comentarios á Poética de Aristóteles e á Ars Poetica de Horacio a partir do s XVI, exerceu unha enorme influencia na concepción artística do momento. O clasicismo conviviu coas manifestacións barrocas do s XVII e rexurdiu no s XVIII, coa Ilustración e co neoclasicismo. No s XIX a denominación aplicouse, non tanto á imitación de modelos grecolatinos, como á tendencia que se opuña aos postulados do romanticismo e aos valores que comportaba (liberalismo, revolución, democracia, etc).

  4. s m [MÚS]

    Período comprendido dende a segunda metade do s XVIII ata principios do s XIX. Historicamente o s XVIII, chamado Século das Luces, foi testemuña do nacemento das correntes liberalizantes e do progresivo protagonismo dos colectivos burgueses, afastados da vida cortesá, que implicou a aparición dunha serie de correntes humanistas, liberais e cosmopolitas. As inquietudes e preocupacións destes grupos estendéronse a toda a sociedade, que viviu cambios fundamentais debido á presión contra a nobreza; á ciencia, que experimentou un importante desenvolvemento; e ás artes, aspecto anteriormente exclusivo da alta sociedade absolutista. Paralelamente, aumentou o interese da masa social pola cultura e polas súas manifestacións, e rexistrouse o nacemento dun novo tipo de público que reclamaba a súa entrada no mundo da música que antes lle negaran. Na mesma dinámica de iniciativas progresistas, creáronse diversas sociedades musicais que promoveron celebracións e actividades. En contraposición co Barroco, caracterizado pola ornamentación, grandilocuencia, complexidade formal e pola esaxeración, nesta nova etapa musical triunfou o equilibrio, a proporción e a beleza dun sinxelo academicismo. Musicalmente non significaba a imitación dos modelos grecolatinos, xa que só hai pequenos fragmentos de difícil reconstrución, senón o clásico como culto á beleza, símbolo da harmonía e da perfección, linealidade e sinxeleza das formas que rexeitaba as complexidades contrapuntísticas e as harmonías elaboradas en exceso que o baixo continuo barroco orixinaba; a permanente busca dunha linguaxe musical baseada na orde, unidade e equilibrio que só pretendía deleitar o público. A estética musical transformouse cara á primeira metade do s XVIII co nacemento de dous xéneros: o rococó ou estilo galante e o expresivo ou estilo burgués. O primeiro desenvolveuse en medios aristocráticos e a súa música adoitaba interpretarse nos salóns da nobreza; caracterizábase por unha estrutura formal sinxela e elegante, e pola presenza de ornamentos de natureza distinta á da ornamentación barroca (o adorno rococó tiña como finalidade embelecer a peza, que non se recargaba debido á súa sinxeleza estrutural). O baixo continuo perdeu protagonismo e converteuse só nun apoio harmónico que potenciaba a importancia da melodía. En contraposición co polifonismo elaborado da composición barroca, no estilo galante a melodía vai acompañada por unha harmonía sinxela que se articula ao redor da primeira. Neste estilo destacan os compositores Johann Adolf Hasse (1699-1783), Carl Philipp Emanuel Bach (1714-1787) e Luigi Boccherini (1743-1805). O estilo expresivo desenvolveuse case simultaneamente canda o rococó e manifestouse preferentemente en ámbitos burgueses, polo que substituíu os refinados ornamentos por unha estrutura sen complexidades gratuítas. Exemplo disto son as primeiras composicións de Johann Stamitz (1717-1757). Estas tendencias estiveron vixentes durante case catro décadas ata que, coas achegas de ambas as dúas, se configurou o clasicismo. En xeral, este novo período caracterízase por producir unha música cortesá, elegante e rica, que busca a perfección formal baseada nunha estrutura clara e transparente chea de contrastes expresivos (uso do crescendo e do diminuendo). De aquí partiron a instrumentación e a orquestración modernas, caracterizadas pola sonoridade, o colorido e as combinacións instrumentais. As frases son claras e regulares con abandono das formas contrapuntísticas e do baixo continuo barrocos. Desapareceron a suite, o preludio, o concerto grosso, a cantata, a fuga e a tocata, e escasearon os oratorios. Pola contra, xurdiron novos xéneros: a antiga obertura orixinou a sinfonía moderna, o concerto grosso deu paso ao concerto dun instrumento solista acompañado da orquestra e a suite deu lugar á moderna sonata. Na música de cámara triunfou o trío, o cuarteto -o máis usual-, e o quinteto, xeralmente baixo a forma da sonata. Á parte dos cuartetos de Hadyn, Mozart e Beethoven, destacaron os de Luigi Boccherini e Manuel Canales. As formas máis usuais son: a sonata para instrumento de teclado e violín, e o cuarteto de corda; ao lado das sonatas para teclado dos fillos de Bach, destacaron as de Clementi, Moscholes, Czerny e Cramer. En España sobresaíron as sonatas para clave do Padre Soler. No que respecta á música relixiosa houbo un menor desenvolvemento; na ópera triunfou a reforma de Gluck que fixo desaparecer a sofisticada ópera barroca e adecuouna á sobria estrutura clásica ao impoñer os canons da súa estética fronte aos decadentes intentos barroquizantes de Pietro Metastasio (1698-1782) e doutros autores italianos e franceses; ademais, a ópera cómica e bufa rivalizaron coa seria. Ademais, experimentouse un gran consumo musical e de música editada, e xeneralizáronse os concertos públicos. Unha das grandes formas do clasicismo é a sonata, que constitúe a base estrutural de case toda a música instrumental deste período, estruturada sobre un novo tipo de composición dividida en tres partes, creada por Carl Philipp Emanuel Bach. Nos concertos barrocos, os movementos constaban dun só tema desenvolto mediante variacións. De gran sinxeleza, malia a ornamentación, a forma sonata é o paradigma da estética clásica e introduciu un novo tema que se combinaba co xa existente en tres partes ben definidas: a primeira expoñía ambos os dous temas, diferenciados polo seu carácter, máis enérxico o primeiro, máis lírico e cantable o segundo; a segunda, presentaba o desenvolvemento dos dous temas, que deixaba paso á creatividade do compositor; e na terceira parte volvían expoñerse os dous temas, amodo de conclusión. O cambio da estrutura musical durante o clasicismo provocou que certos instrumentos modificasen o seu papel; é o caso do clavicémbalo que, se ata o momento fora acompañante na execución do baixo continuo, se converteu en protagonista de moitas obras, como aconteceu con numerosas pezas de Carl Philipp Emanuel Bach. A familia Stamitz, que residía en Mannheim, adoptou tamén a sonata e integrouna na nova estrutura da orquestra moderna. A composición da orquestra ata 1750 era dun grupo de corda (violíns, violas, violoncellos e contrabaixos), clavecíns, óboes, fagots e, en certos casos frautas timbais e trompetas; a partir desta data, a orquestra adquiriu a estrutura moderna, aínda que algo máis reducida: engadíronse os clarinetes, son comúns as dúas trompas e frecuentes as trompetas e os timbais. Os compoñentes pasaron de trinta a cincuenta ou sesenta, colocados en dúas zonas opostas; o director era normalmente o executante de clave ou órgano e daba instrucións dende o instrumento e, posteriormente, tamén dirixirá a orquestra o primeiro violín. Á parte da creación da citada orquestra formáronse os primeiros cuartetos de corda (dous violíns, viola e violoncello), agrupación musical de grande éxito a partir deste período e durante todo o s XIX. Outra forma orquestral, debedora dos concertos instrumentais barrocos, é a sinfonía. A súa orixe está estreitamente unida á da sonata; en definitiva, a sinfonía é como unha gran sonata para a orquestra e nace da obertura a mediados do s XVIII. Entre os seus primeiros cultivadores destacaron Sammartini, os compositores da Escola de Mannheim e os fillos de Johann Sebastian Bach. Na súa forma clásica estruturouse en catro movementos básicos, é dicir, nun máis que nos concertos da época anterior, e que, agás algunha mínima variación, adoitan ser: allegro, movemento alegre pero non trivial na forma sonata; un andante, máis expresivo e de tempo máis lento; un minueto, que foi o movemento engadido, procedente de ritmos de danzas; e un presto, que remataba a obra e que era rápido e brillante. A mediados do s XVIII o concerto clásico para solista e orquestra substituíu o concerto grosso. Os instrumentos solistas máis frecuentes foron o violín e o piano, aínda que podían selo todos, especialmente os de vento. Consta de tres movementos en lugar de catro e caracterízase pola cadencia ao final do primeiro movemento, na que o solista engloba con gran virtuosismo o anterior. A cidade de Mannheim tivo un papel fundamental na educación e formación de compositores e instrumentistas que, posteriormente, ocuparon postos nas orquestras de Viena, cidade que a substituíu como centro de produción musical. Na segunda metade do s XVIII coincidiron en Viena tres grandes creadores: Haydn, Mozart e Beethoven. Franz Joseph Haydn (1732-1809) instruíuse musicalmente como neno de coro na catedral de Viena e como acompañante e axudante do cantante Nicola Antonio Porpora (1686-1768). En 1761 estivo ao servizo musical do príncipe Esterhazy en Eisenstadt e residiu en Londres dende 1790 ata 1795. Consagrou a sinfonía, fixou definitivamente o cuarteto de corda e reflectiu a serenidade e proporcións clásicas en numerosas sinfonías como The Surprise (A sorpresa, 1791), The Clock (O reloxo, 1793-1794) e Oxford (1789) ou en oratorios como A Creación (1798) e As estacións (1801). Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791), uniu a graza melódica italiana e a claridade e elegancia francesas co rigor sinfónico xermano baixo a influencia de Haydn, os fillos de Bach, Sammartini e a Escola de Mannheim. Escribiu un amplo número de sinfonías de gran transparencia e ampla sonoridade (Jupiter, 1788; Praga, 1786) e un extenso repertorio de música relixiosa no que sobresae o seu inacabado Réquiem (1791). Considerado como o plasmador definitivo da ópera nacional alemana, na que empregou motivos populares e elementos cómicos, incorporou as achegas de Gluck coa graza italiana e a esencia popular xermánica en óperas como Idomeneo (1781), ou Le nozze di Figaro (As vodas de Fígaro, 1786), Don Giovanni (1787) ou La clemenza di Tito (A clemencia de Tito, 1791). Dunha grande imaxinación e creatividade, abrangueu todos os xéneros e estilos, dende a ópera ata a música de cámara e a sinfonía, pasando polos concertos para solista e oratorios. Ludwig van Beethoven (1770-1827) considérase pola crítica como o xenio da transición, xa que adquiriu características do romanticismo cara á metade da súa obra, e constituíuse así no último clásico e no primeiro romántico. Non obstante , as súas primeiras sonatas para piano, primeiros cuartetos de corda e primeiras sinfonías son obras fundamentalmente clásicas, integradas na tradición dos seus antecesores Haydn e Mozart. A súa obra anunciou a chegada dun movemento renovador que se denominou romanticismo. En España o clasicismo caracterízase polo predominio da música relixiosa sobre a profana e pola influencia da música italiana. Non se pode negar a súa función social e a multiplicidade de estilos distintos, como consecuencia do variado gusto dos mecenas que apoiaban a creación musical. Entre os compositores da época destacan, entre outros, Antonio Rodríguez de Hita (1724?-1787) e o Padre Soler (1729-1783). No que respecta a Galicia o clasicismo é sen dúbida unha etapa de esplendor. O gran mecenas foi a Igrexa, xa que non existía unha nobreza con inquietudes musicais. A produción musical destinouse, en gran parte, ao culto litúrxico e a música profana medra e diversifícase, de feito aparece a ópera e as formas de música popular urbana: bandas de música, orfeóns, músicos de cafés, etc. As catedrais e igrexas foron puntos fundamentais de creación e apoio musical e destino de músicos estranxeiros que desenvolveron en Galicia a súa arte. De grande importancia foron as capelas de música de Mondoñedo, Tui, Ourense, Lugo e Santiago de Compostela, onde se asentaron mestres de capela e músicos de gran relevancia. O reinado de Carlos III correspondeuse co apoxeo musical das catedrais galegas; na catedral compostelá, a capela de música tiña ao redor de 1780 trinta músicos, dos que a terceira parte eran portugueses, italianos ou franceses, e contaba cun nivel interpretativo e creativo moi elevado. A partir de 1808 esta situación empeorou e produciuse un declive musical, debido a problemas internos nas catedrais, ás guerras e, posteriormente, coa chegada do Trienio Liberal á redución de capital das catedrais, aínda que durante a I Restauración se pode falar dunha certa recuperación, froito da estabilidade orzamentaria. Unha figura esencial foi o mestre de capela que, tras pasar por unha dura selección, dirixía os músicos, instruía os nenos de coro e a outros músicos e desenvolvía o labor de composición. Entre eles destacaron Buoni Chiodi (1728-1783) e Melchor López (1759-1822), na catedral de Santiago de Compostela; Gaspar Smith (1767-1819) e Manuel Rábago Ballesteros (1777-1829), na de Tui; Antonio Ventura Roel del Río (1730-1767), Ángel Custodio Santavaya (1745?-1804) e Joaquín Lázaro (1746-1786), na de Mondoñedo. Outros mestres de capela que cómpre salientar foron Pedro Cifuentes e Ramón Palacio, na catedral de Santiago de Compostela; Xosé Pacheco e Bernardo Sanmillán Martínez, na de Mondoñedo; Felipe Prats e Francisco Nájer, na de Ourense; e Manuel Paradís e Ambrosio Molinero, na de Tui. Paralelamente, tamén sobresaíron músicos da calidade de Ramón Cuéllar y Altarriba (1777-1833), na catedral de Santiago de Compostela; J. Pedro Almeida e Mota (1750?-1817), na de Mondoñedo; Joaquín Pedrosa (1766?-1829), na de Ourense e Pedro Furió (1728?-1780), na de Santiago de Compostela. Da segunda metade do s XVIII datan as primeiras noticias de representacións de ópera en Galicia, realizadas por compañías de artistas ambulantes que tiñan como repertorio as óperas bufas italianas. O empresario italiano Nicola Settaro tentou instaurar a súa compañía de ópera en Galicia, pero a súa iniciativa non contou co apoio institucional. Está documentada a existencia dun teatro na Coruña (edificado en 1768, derrubado en 1769 e reconstruído en 1770) e Ferrol (1769 e destruído en 1807). Debido á escaseza de teatros, os escenarios operísticos foron diversos hospitais que recibían a cambio unha contía económica. Co paso do tempo, a ópera acadou un gran nivel de popularidade e moitos dos músicos relacionados coas catedrais participaban nas súas postas en escena (por artistas italianos e con texto orixinal en italiano) malia a prohibición das autoridades eclesiásticas, que consideraban este xénero como inadecuado. A partir de 1840 comezáronse a edificar ou reedificar diferentes teatros na Coruña (1842), Pontevedra (1848) e Vigo (1855), e comezaron a representarse obras de Rossini, Bellini, Verdi e Pucini, entre outros compositores. Dentro da discografía, destaca o traballo realizado polo coro Ars Musicae e pola Orquestra de Santiago La música en la catedral de Santiago de Compostela (1666-1822) (1980) e a gravación feita polo Orfeón Terra Nosa baixo a dirección de Nemesio Carril Grandes obras musicales del siglo XIX en la catedral de Santiago (1989). A publicación das monografías Vilancicos galegos da catedral de Santiago. Melchor López (1980) e Polifonía sacra galega (1982), da autoría de Joam Trillo e Carlos Villanueva; de numerosos traballos da autoría de José López Calo, Mª Pilar Alén Garabato, Javier Garbayo Montabes e Luis Costa, entre outros; ademais de numerosos estudios sobre os comezos da ópera en Galicia e sobre os músicos da catedral de Mondoñedo, testemuñan a produción musical en Galicia deste período.

  5. s m clasicismo francés [ARTE/LIT]

    Corrente estética que predominou en Francia durante o reinado de Luís XIV e que afectou á arte e á literatura. Converteuse na arte oficial da corte francesa. A importancia crecente de París favoreceu esta idea. Ademais das razóns de orde estética e artística, contribuíron a convertela na arte oficial a existencia dunha sociedade cortesá que absorbía os artistas e a creación dun mercado da arte xa durante a primeira metade do s XVII. As artes apoiáronse nas regras da Academia propostas por Charles Le Brun, que integraba a alegoría na representación da Historia, coa procura du-nhas normas estéticas e dun didactismo político paralelo ao didactismo relixioso da Contrarreforma. A pintura gravitou sobre a base dos Le Nain, Simon Vouet, Philippe de Champaigne e Claude Lorrain. Non obstante , foi Nicolas Poussin quen acadou a forma e o espírito clásico, coa personalización das regras académicas e cu-nhas constantes clásicas que se desenvolveron plenamente no neoclasicismo. Na escultura, o clasicismo seguiu o exemplo renacentista, adaptáronse as súas regras estilísticas nas representacións do rei, da corte e nos temas mitolóxicos. Cultivaron este estilo François Girardon, Antoine Coysevox e Pierre Legros, entre outros. A arquitectura, sobre as bases de Vitrubio e o gusto polo refinamento, afirmou o carácter clásico dos artistas. Unha obra representativa deste período é a columnata do palacio do Louvre, obra de Perrault. O urbanismo, ligado á arquitectura e aos proxectos racionalistas dos arquitectos estiveron ao servizo do estado centralista e burocrático. A construción do palacio de Versailles reuniu os tres artistas máis representativos: o pintor Charles Le Brun, o arquitecto Jules Hardouin-Mansart e nas obras de xardinería a André Le Nôtre. O clasicismo francés persistiu no s XVIII e estendeuse xeograficamente por Europa.

Palabras veciñas

claroscuro -ra | clase | clasema | clasicismo | clasicista | clásico -ca | clasificable