clase
(< lat classe ‘clase, orde,categoría’)
-
s
f
Grupo de individuos ou obxectos con características afíns que resultan da división dun conxunto segundo o seu grao de importancia ou a súa natureza. Ex: Só unha determinada clase de persoas é capaz de asumir certos retos. A película está dirixida a toda clase de público. Fixemos unha minestra con varias clases de verduras.
Ex: Só unha determinada clase de persoas é capaz de asumir certos retos. A película está dirixida a toda clase de público. Fixemos unha minestra con varias clases de verduras.
-
-
s
f
Calidade dalgunha cousa segundo as súas características ou o seu valor.
Ex: O restaurante do que che falei ofrece un servizo de primeira clase. Sempre compra produtos de primeira clase. Comprou uns billetes de segunda clase.
Confrontacións: categoría, orde, categoría. -
s
f
Calidade de quen demostra polo seu comportamento e aspecto físico unha boa educación, elegancia ou bo gusto. OBS: Normalmente, emprégase cos adxectivos boa ou mala ou con outro valorativo.
Ex: Viste con moita clase.
Sinónimos: distinción.
-
s
f
-
[SOCIOL]
-
s
f
Grupo de persoas que se diferencia polo lugar que ocupa nun sistema de produción social historicamente determinado (na maioría dos casos fixado e formulado na lei) en relación cos medios de produción, polo seu papel na organización social do traballo e, en consecuencia, pola magnitude da parte de riqueza social de que dispón e do xeito en que a obtén. En calquera formación social existen outros grupos, ademais das clases, que non deben ser confundidos con estas xa que o seu plano de división se establece por causas biolóxicas (idade, sexo, etc), profesionais ou nacionais, mentres que as diferencias de clases non están ligadas a ese proceso: a división de clases existe dentro dun mesmo sexo, idade, profesión ou nación. Esta definición, proposta por Lenin no seu artigo “Unha grande iniciativa” (1919), establece unha relación de distribución entre os grupos de persoas e os medios de produción aos que se lles atribúe unha determinada relación (propiedade/non-propiedade). Sen em-bargo, o concepto de clase ou clase social foi abordado por economistas, como Smith e Ricardo, e historiadores, como Thierry, Guizot e Niebuhr, que elaboraron as definicións que logo empregou Marx nas súas análises e, con posterioridade, foi analizado por Weber, Dahrendorf e outros.
Orixe e desenvolvemento das clases
A tradición marxista, que comeza co Manifesto do Partido Comunista (1848), afirma que “a historia de toda sociedade, ata os nosos días, é a historia da loita de clases”; polo tanto, todas as sociedades históricas posteriores á descomposición do réxime da comunidade primitiva foron portadoras de clases sociais. Así, as clases xurdiron en diferentes períodos e en distintos lugares do planeta como consecuencia do desenvolvemento das forzas produtivas. Unha vez que apareceron as clases, nas sociedades posteriores establecéronse diferentes grupos sociais antagónicos: na sociedade escravista eran o amo e o escravo; na sociedade feudal, o señor e o servo; e na sociedade capitalista, o burgués e o proletario. Non obstante , a tradición burguesa sostén que as clases sociais son colectividades características do capitalismo, que acabou co sistema anterior de desigualdade, que dividía a sociedade en estamentos.
As clases sociais na sociedade contemporánea
Seguindo unha tradición máis descritiva ca analítica, asóciase a aparición das clases á Revolución Industrial e ás diferentes revolucións burguesas, que lexitimaron a nova realidade social xurdida da transformación do sistema de produción. Neste sentido, particularizando a descrición no nivel rexional e tomando o Reino Unido como exemplo paradigmático, estableceuse a existencia de tres clases: burgueses, terratenentes e obreiros. Nesa tradición, que considera que as clases identifican o conxunto de individuos que comparten un certo nivel de vida, o concepto foi desenvolvido na tradición burguesa por numerosos sociólogos, entre os que cómpre destacar a Weber, que as definiu en función da posición ocupada no mercado e dotadas dunha ampla mobilidade xeracional, polo que considera como clases o proletariado, a pequena burguesía e os expertos profesionais, os empresarios e os privilexiados pola educación. Os enfoques funcionalistas, seguindo a Weber, Spenser e Durkheim, entendían a clase social como unha liña continua na que as persoas se sitúan en diferentes estratos segundo tres criterios: a súa capacidade económica, o poder do que dispoñen para tomar decisións que poden afectar a outras persoas e o seu status profesional; ademais, prefiren o emprego dos termos estratos ou clases máis favorecidas e clases menos favorecidas. O problema das tres clases na sociedade británica foi analizado por Marx quen concluíu que en toda formación social existen só dúas clases sociais fundamentais antagónicas; sen embargo, coexisten con elas outras clases sociais non fundamentais ou transitorias. Segundo a análise marxista, foi o triunfo da Revolución Industrial e das revolucións burguesas a orixe dunha nova estrutura de clases: a que opuña burguesía e proletariado. A implantación do capitalismo en Europa supuxo a transformación da burguesía (artesáns e pequenos comerciantes convertidos en produtores capitalistas), á que se sumou a vella aristocracia que transformou os seus señoríos en propiedades individuais, en clase dominante e a aparición dunha nova clase: o proletariado, composto maioritariamente por emigrantes do campo. O desenvolvemento do modo de produción capitalista ao longo do s XX levou á aparición de diferentes grupos sociais e dunha ampla clase media que, dende unha perspectiva marxista, actúa como un amortecedor contra as formas máis agudas do conflito de clases. A nova fase do capitalismo, na que existe unha ampla clase media xunto con amplas capas da poboación marxinadas ou excluídas da sociedade, parecía obrigar a unha reformulación da teoría marxista tradicional; sen embargo, os modelos de clases antagónicas continúan a ser empregados na práctica política polos sociólogos opostos á nova globalización capitalista de xeito bastante satisfactorio. -
clase alta
Estrato formado polos sectores que ocupan as posicións superiores na pirámide social debido ao seu maior poder económico, político ou social.
-
clase baixa
Grupo social que ocupa o lugar inferior da pirámide social, constituído polo sector máis desfavorecido e máis humilde da sociedade.
-
clase de servicio
Conxunto de empregados cun grao superior ou medio que traballan na administración, nos servicios públicos ou noutras empresas, e que nas sociedades industriais desempeñan por delegación as funcións propias das clases dirixentes. O concepto empregouno por vez primeira Karl Renner.
-
clase media
Conxunto formado polos sectores situados na posición intermedia da pirámide de estratificación social, en base a unha serie de factores diferenciadores, como a posesión de pequenas propiedades, a condición de profesional asalariado, o nivel de estudios ou a conciencia de pertenza a un status social diferenciado. A súa aparición e desenvolvemento produciuse a partir do s XX, por mor das melloras laborais e salariais e pola emerxencia de novos e puxantes sectores de empregados non manuais, nun contexto de paulatina diminución dos lazos de identidade social e de conciencia de clase.
-
clase obreira/traballadora
Clase formada por todas aquelas persoas que realizan traballos manuais como asalariados na industria ou nos servicios. A súa orixe sitúase historicamente na Revolución Industrial e define un sector social cada vez máis numeroso que viviu baixo as mesmas condicións sociais, económicas e laborais, e que tendeu a desenvolver unha identidade ideolóxica e política común, para o que se organizou en partidos políticos e sindicatos.
-
clase ociosa
Segundo a terminoloxía de Veblen, conxunto de individuos economicamente poderosos que consideran indigno o traballo, que non precisan realizar, xa que as súas rendas lles permiten dedicarse ao ocio e ao consumo ostentoso.
-
clase política/dirixente/dominante
Termo que designa as elites políticas dotadas de cohesión, conciencia de clase e homoxeneidade social, que ocupan posicións de autoridade e poder en organismos públicos, empresas, partidos e sindicatos. O concepto formulouno Gaetano Mosca en 1884, cando constatou a existencia en todas as sociedades políticas dunha minoría de gobernantes -a clase política ou clase dirixente- que exerce o poder. Os marxistas, dentro dunha teoría máis ampla de cambio político, prefiren o termo clase dominante. Gramsci interpretou o termo como unha clase social que mostra unha capacidade eficaz de guía continua e autorizada con respecto ás demais clases.
-
conciencia de clase
Expresión racional e obxectiva dos intereses de clase adquirida por unha clase determinada cando chega a ser consciente dos seus verdadeiros intereses. A conciencia de clase oponse ao instinto de clase e na súa articulación xoga un papel determinante a loita ideolóxica. A partir dos textos de Marx, Lucácks distinguiu entre clase en si, na que a clase é o suxeito da historia, e clase por si, na que a clase adquire conciencia política. Trala crise do estado do benestar e a irrupción da nova economía global, a problemática da conciencia de clase complicouse para dar resposta á nova situación social, na que os excluídos e marxinados xogan un papel fundamental nas actividades económicas pero non participan na vida política.
-
estructura de clases
Articulación das diferentes clases e fraccións de clase nos diferentes niveis (económico, político, ideolóxico) dunha formación social.
-
loita de clases
Enfrontamento que se produce entre dúas clases antagónicas cando loitan, non exclusivamente polos seus intereses inmediatos, senón polos seus intereses a longo prazo, é dicir, polos seus intereses de clase. Nun sentido histórico máis amplo, refírese a todos os enfrontamentos producidos entre dúas clases antagónicas. Foi Marx o primeiro en formular dun xeito analítico este concepto, definido en forma de lei segundo a que todas as loitas históricas, tanto as desenvolvidas no eido económico, político, relixioso ou noutro calquera, son a expresión máis ou menos clara das loitas entre clases sociais. Non obstante , non todo enfrontamento entre obreiros ou patróns (amos ou escravos, señores ou servos) adquire a dimensión dunha clase contra outra. Para que a loita entre obreiros e patróns se transforme nunha verdadeira loita de clases son precisas dúas condicións: que os obreiros sintan a necesidade de unirse para que a súa loita sexa máis eficaz e que esta loita supere os límites puramente económicos. Segundo a análise marxista, de acordo cos obxectivos da loita poden distinguirse tres tipos de loita de clase: a loita sindical, entendida como o enfrontamento que se produce entre as clases opostas por obxectivos económicos; a loita ideolóxica, definida polo seu campo de acción, o terreo das ideas, xa que as ideas burguesas contribúen a manter a dominación da clase explotadora sobre os explotados; e a loita política, que é a loita revolucionaria para cambiar radicalmente a sociedade. En sentido estricto, só Marx e Engels falan de loita de clases cando a loita acada o nivel político. Sobre esta análise aséntase a teoría marxista da historia, que entende o acontecer histórico como un proceso permanente e inalterable de conflitos entre as clases que posúen os medios de produción e as que soamente posúen a súa forza de traballo. Na sociedade feudal, o conflito desatábase entre os señores feudais, donos da terra, e os campesiños que a traballaban coa obriga de aboar rendas polo seu uso. Na sociedade industrial, o conflito presentábase entre a clase capitalista, propietaria das fábricas e dos medios de produción, e o proletariado, que cambiaba a súa forza de traballo polo xornal. Tal contradición finalizaría coa chegada da sociedade comunista, na que existía unha integración entre capital e traballo.
-
interese de clase
Nunha estrutura social clasista historicamente determinada, as dúas clases antagónicas fundamentais teñen uns obxectivos contrapostos. Así, as aspiracións do proletariado a un mellor salario ou á redución da xornada laboral, expresan un conxunto de manifestacións espontáneas que corresponden a un tipo de interese: os intereses espontáneos inmediatos. Non obstante , en tanto que o obxecto da loita de clases é a perpetuación da dominación (na clase dominante) ou a revolución social (na clase dominada), en sentido rigoroso, só os intereses estratéxicos a longo prazo deben ser considerados os intereses de clase. Lenin foi quen mellor demarcou a diferencia entre estes dous tipos de intereses, ás veces contraditorios, cando rexeitou que as aspiracións espontáneas dunha clase fosen intereses de clase e cando afirmou que é preciso partir dos intereses inmediatos dunha clase para conducila a comprender os seus verdadeiros intereses. Neste sentido, Lenin asociou interese de clase a conciencia de clase.
-
s
f
-
s
f
[BIOL]
Taxon comprendido entre a orde e a división (nas plantas) ou entre a orde e o filo (nos animais). En zooloxía, os nomes das clases non seguen ningunha regra de formación fixa; e botánica, é aconsellable que os nomes das clases fagan as terminacións -fíceas (-phyceae) nas algas, -micetos (-mycetes) nos fungos e -atas (-atae) nos cormófitos.
-
s
f
[BOT/XEOG]
Unidade da sistemática fitosociolóxica, superior á orde e inferior á división. As clases toman o nome dun ou duns cantos xéneros ou especies característicos seguidos da desinencia -etea, por exemplo: Cisto-La-vanduletea, Querceto-Fagetea.
-
s
f
[EDUC]
-
Conxunto de alumnos ou estudiantes dun centro escolar que seguen un mesmo grao ou curso de estudo ou unha mesma materia e asisten ás leccións e actividades correspondentes. Desde este punto de vista estase a falar dun subsistema que forma parte da organización formal da escola e, polo tanto, ten uns obxectivos que non poden funcionalizarse completamente. Isto produce case sempre inseguridades estruturais que rematan por afectar á interacción profesor-alumno. Faise referencia pois á comunidade de profesores e alumnos que perseguen un fío formativo común, aínda que xeralmente os alumnos non o perciben como propio. Cando o agrupamento do alumnado é heteroxéneo e corresponde unicamente a un mestre, o termo clase equivale a escola unitaria (termo en retroceso pero que durante moito tempo foi o referente formal de escola). Se pola contra a heteroxeneidade se reduce e o grupo traballa cun ou moi poucos profesores estase a falar de grao escolar. Se hai unha selección de alumnos dirixidos por varios profesores que actúan sucesivamente en todas e cada unha das materias que comprenden o currículo estamos diante dun curso. Agora ben, estes matices diferenciais non sempre son discernibles na práctica, de maneira que o habitual é que baixo a forma dun se agochen os outros en maior ou menor medida. Se se considera a clase desde a óptica da organización escolar, pódese definir, en principio, polo lugar que ocupa en relación con outras, dependendo en cada caso do tipo de graduación establecida (lineal, paralela, diferenciada), e mesmo pola distribución interna de alumnos e profesores. Neste sentido a aprendizaxe, sobre todo social, necesita apoiarse na constitución de grupos estables que presenten características semellantes. Aínda que este tipo de agrupamento remite á idea de clase tradicional, segue a ser un referente no sistema educativo, de maneira que resulta moi difícil subtraerse á tendencia de constituír grupos segundo estes criterios. Xunto coas interaccións determinadas en base ao cumprimento dos obxectivos establecidos, a clase é fonte, en paralelo, de actividades e modelos de interacción e normas que, ás veces, non teñen referente no contorno social e, se cadra, opóñense a el aínda que só sexa parcialmente. Así diante da clase considerada de xeito formal xorden grupos informais que permiten desenvolver unha identidade persoal e social discrepante cos modelos de interacción clásicos, como a familia e a clase escolar tradicional. A tendencia social dos alumnos cos seus compañeiros tradúcese na formación espontánea de grupos coa conseguinte aparición de líderes, pero tamén permite o establecemento de relacións de amizade ou rivalidade, e mesmo certo tipo de conduta social. Desde un punto de vista dinámico, a clase marca directamente a unidade didáctica, tradicional e coloquialmente coñecida como lección. Fálase de dar clases ou recibir clases para facer referencia á actividade ou actividades que se realizan baixo a dirección ou supervisión dun profesor para acadar o dominio dun saber ou conxunto de saberes determinados. A clase así pode orientarse de diversos modos. Se se fala do modelo de ensino tradicional e polo tanto colectivo, o mestre, profesor ou catedrático adoita o papel de transmisor de coñecementos. Desde esta óptica enténdese a clase como xustificación do principio de que o mestre sabe e os alumnos non saben, logo hai que proporcionarlles coñecementos. Pola contra, o modelo de ensino individualizado tenta que o alumno acade os coñecementos, mentres o profesor ou mestre desenvolve un papel de guía ou orientador. En calquera caso, o ensino individualizado e mesmo o colectivo, con todas as variantes posibles que se poden diferenciar segundo as distintas correntes pedagóxicas, poden caer en erros que xustifiquen un cambio, ás veces, non só estrutural, senón tamén ideolóxico, que defina de xeito expreso cál é o papel da escola e mesmo o lugar que ocupa a educación como valor de futuro na sociedade. En xeral, as interaccións que se producen nunha clase e que teñen un carácter instrumental definido, por exemplo, como obxectivos formais, aluden de forma explícita á competitividade, mentres que as de carácter socioemocional tentan harmonizar posicionamentos e opinións e adecualas ás expresións e formas de conduta do profesor. Esta cuestión hai que relacionala cunha das características máis específicas da clase que entende que os seus obxectivos formais veñen determinados por instancias afastadas da súa realidade. E, aínda que legal e formalmente se fale de autonomía dos centros, esta resulta moi difícil de formalizar na práctica. A isto hai que lle engadir ademais que os elementos persoais que compoñen a clase non se escollen libremente, polo menos no que respecta ao ámbito do ensino público, xa que a situación legal que ampara o sistema educativo así o impide. Ademais, a clase concíbese como un subsistema que forma parte da organización formal do centro escolar; abandónase así o modelo de escola tradicional a prol dun modelo máis burocrático, que debería superarse para chegar a ser máis participativo e democrático.
-
Lección que actúa como referente da comunicación docente dun grupo, nivel ou curso concreto. A concepción de clase foi evolucionando paralelamente ás etapas históricas da pedagoxía. Así, existen dúas concepcións moi diferenciadas: unha clásica, correspondente a uns métodos educativos e a unha práctica escolar ditada pola tradición (presencia de cátedra, regulamentos, uniformes, inmobilismo e manuais escolares escolásticos), e outra máis moderna, que tivo como precursor a Friedrich Fröbel. Este influíu nun cambio radical da concepción de clase: traballo activo -con obradoiros, material e mobiliario escolar movible-, contidos e prácticas axeitadas á realidade, etc.
-
Espacio onde habitualmente se produce un diálogo educativo, estruturado ou non, entre o profesor e os alumnos.
Sinónimos: aula.
-
-
s
f
[FILOS]
Conxunto de entidades, denominadas membros, que posúen como mínimo unha característica común. É un concepto fundamental na lóxica moderna. Dise que dúas clases son idénticas cando teñen os mesmos membros. Denomínase clase universal a que comprende todos os membros do universo do discurso e clase baleira a que non ten ningún membro. O conxunto de todos os elementos do universo do discurso que non son membros dunha clase forma o complemento desta clase.
-
s
f
[MAT]
-
Nunha estatística, conxunto de observacións que presentan os valores dos seus elementos comprendidos entre dúas cantidades dadas.
-
Calquera subconxunto dun conxunto dado, formado polos elementos que son equivalentes entre si para unha determinada relación de equivalencia.
-
-
s
f
[FÍS]
Réxime de funcionamento dunha etapa amplificadora, fixado polo valor da polarización do tubo ou transistor. Hai diversas clases utilizadas correntemente; as básicas son as A, B, C e AB, que se definen de acordo co tempo no que circula a corrente dentro de cada ciclo.
-
[LING]
-
s
m
En Coseriu, conxunto de lexemas que, independentemente da estrutura do campo léxico, se relacionan por medio dun trazo diferenciador do contido común e aparecen nunha combinación análoga gramatical ou lexicalmente (por exemplo, ser animado e ser inanimado). A clase e o campo léxico forman a estrutura paradigmática do vocabulario.
-
clase de palabras
En Coseriu, clase de lexema determinado por un trazo diferenciador que funciona en toda unha categoría de palabras. A unha mesma clase de palabras pertencen aqueles lexemas nos que simultaneamente son posibles as mesmas combinacións léxicas e gramaticais. Nos substantivos poden distinguirse clase de palabras, como ser vivo ou ser humano.
-
s
m
-
s
f
[LING]
Categoría que unha palabra toma segundo a natureza dos seres ou dos obxectos que representa. É un fenómeno propio dalgunhas linguas africanas, sobre todo do bantú, no que as clases se asocian, aínda que non sempre, por parellas en oposición (mu-ntu ‘home’/ba-ntu ‘homes’). A partícula definidora -sufixo, infixo ou prefixo- recibe o nome de clasificador ou índex de clase.
-
s
f
[INFORM]
Nun contorno de programación orientada a obxectos, designa unha entidade que pode empregarse individualmente na construción dun programa. Trátase dun termo moi espallado na Internet a raíz da programación en Java.
-
s
f
[BÉL]
Nome xenérico co que se designan as escalas máis baixas (soldados, cabos e cabos primeiros) dos exércitos de Terra, Mar e os do corpo de infantería de Mariña.
-
clase cristalina
[QUÍM]
Conxunto de diversos elementos de simetría cristalográfica puntual, combinados entre eles mesmos, de maneira que sexan compatibles e que non produzan elementos de simetría diferentes dos cristalográficos. Ten que cumprir tamén todas e cada unha das condicións para ter a estrutura matemática do grupo. Hai un total de 32 clases cristalinas de simetría posibles.
-
clase de localización
[LING]
Na terminoloxía de Trubeckoj, as variables articulatorias ou acústicas dependentes da localización, a cor, o timbre ou a calidade acústica. Estas serven para definir, xunto con outras variables, os sistemas fonemáticos de cada lingua ao ordenar convenientemente as variables que están presentes con valor pertinente. As clases de localización dependen basicamente da posición anteroposterior da lingua e da prominencia relevante dos labios. Combinando os diversos valores diferenciais destas dúas escalas, saen oito clases de localización polo que respecta ás vocais, aínda que a lingua non emprega, en xeral, máis de catro: anterior (aguda), posterior (grave), labializada (bemol), deslabializada (sostida), anterior deslabializada (aguda pura), posterior labializada (grave pura), anterior labializada (aguda bemol) e posterior deslabializada (grave sostida). Así, os sistemas vocálicos de cada lingua, que se establecen pola integración doutros factores (abertura e nasalidade), amais da localización, dan lugar a disposicións lineais (típica dalgunhas linguas circasianas), triangulares (o galego, o romanés) ou cuadrangulares (moitas variantes dialectais do turco), poden definirse en función destas variables, independentemente do número de fonemas que interveñen. En canto ás consoantes, tamén cada lingua está constituída, dunha maneira análoga ao que se establece para as vocais, polo que Trubeckoj denomina series particulares de localización ou conxuntos.
-
clase espectral
[ASTRON/XEOG]
Cada un dos conxuntos de pixels con resposta espectral semellante que se orixinan no proceso de análise dunha imaxe dixital.
-
clase pasiva
[DER]
Conxunto de persoas que perciben prestacións económicas en forma de pensións do Estado, do municipio ou doutro organismo, por razón dos servicios prestados anteriormente por eles mesmos ou por algún familiar e en proporción ás cotizacións satisfeitas e os anos de permanencia.