club
(< ingl club)
-
s
m
-
[INST]
Sociedade ou asociación de persoas con intereses, afeccións ou ideoloxías comúns. Xeralmente, os socios pagan unha cota para poder ser membros e, nalgúns casos, a admisión pode estar restrinxida. Os primeiros clubs apareceron en Inglaterra; o Bread Street Club de Londres naceu no s XVI e entre os seus membros estivo William Shakespeare. Non obstante , acadaron relevancia ao longo do s XVIII. Estas sociedades eran fundamentalmente masculinas e ata finais do s XIX non se permitiu o ingreso de mulleres. Destacaron os clubs literarios, como o Kit Cat Club, e os políticos, como o Brooks (whig) e o White (tory). Xa no s XIX apareceron, entre outros, os clubs deportivos, universitarios, militares e excursionistas, que aínda manteñen unha importancia relevante na vida social inglesa. No continente europeo predominaron os clubs de carácter político. Na Francia revolucionaria do s XVIII existiron clubs políticos de diferentes tendencias como os Cordeliers, os Feuillants ou os Jacobins, que desenvolveron unha importante función político-revolucionaria. No s XIX existiron clubs políticos en España, como o Club da Esperanza da Coruña, que acollía aos liberais e vinculado á masonería. No s XX os clubs sociais chamáronse círculos, mentres que a denominación de club referiuse aos deportivos.
-
Lugar onde se reunen as persoas que forman parte dunha asociación para falar, xogar ou realizar calquera actividade.
-
[INST]
-
s
m
Local público de diversión, normalmente nocturna, onde se celebran festas e espectáculos de variedades.
-
club de espectadores
[ESPECT]
Asociación de espectadores de teatro que unhas veces obedece á iniciativa dos propios interesados, que promoven dese xeito espacios de debate sobre o feito teatral, marcos desde os que incidir nunha mellora da programación ou iniciativas para potenciar experiencias e proxectos, e que noutras ocasións constitúe unha interesante estratexia de atracción dos públicos teatrais a través de diversas medidas como a emisión de abonos de tempada ou o envío periódico de información teatral. En Galicia foron varias as tentativas de potenciar este tipo de plataformas, destacando entre elas a posta en marcha pola Compañía Luís Seoane, nos anos oitenta, e máis recentemente a que aínda mantén a Sala Nasa de Santiago de Compostela.