Club Atlético de Madrid, SAD
Club deportivo fundado en Madrid en 1903. Entre 1939 e 1944 denominouse Atlético Aviación. O seu uniforme é unha camiseta de raias verticais brancas e vermellas e pantalón azul. O seu equipo de fútbol, que xoga os encontros como local no estadio Vicente Calderón, proclamouse Campión de Liga en 9 ocasións e de Copa en 7. En 1974 disputou a final da XIX Copa de Europa, e perdeuna logo da celebración dun segundo partido de desempate; sen embargo, a renuncia do campión, o Bayern de Múnic, permitiulle disputar a Copa Intercontinental, na que venceu ao Independiente de Avellaneda arxentino. Entre as varias seccións que mantivo, a máis sobranceira foi a de balonmán, campioa de Liga e Copa en varias ocasións e primeiro equipo español desa disciplina en disputar unha final da Copa de Europa. Coa chegada á presidencia de Jesús Gil Gil en 1986, desprendeuse das seccións deportivas e centrouse só no fútbol profesional. Ao converterse en sociedade anónima deportiva (1992), a maioría do seu capital social adquiriuno Gil. En 1999, logo de que se detectasen graves irregularidades na súa xestión, o club foi sometido a unha administración xudicial.