Club Teatral Anfistora
Club Teatral Anfistora
[ESPECT]
Asociación teatral creada en Madrid arredor de 1933 por Pura Ucelay e María Martínez Sierra, integrantes da Asociación Feminina de Cultura Cívica. O club naceu co obxectivo de promover a posta en escena de La zapatera prodigiosa de Federico García Lorca, pero ao pouco tempo o colectivo decidiu iniciar unha andaina en solitario e desenvolver un interesante programa orientado á renovación da escena madrileña, con Lorca como director de escena. Entre os espectáculos máis celebrados figura Peribáñez, a partir da obra de Lope de Vega, Peribáñez y el Comendador de Ocaña, e tamén hai que destacar os traballos preparatorios do espectáculo Así que pasen cinco años, sobre un texto do propio García Lorca, proposta que non se estreou.