comisario -ria

comisario -ria

(< lat tardío commissarĭu < latcommissu, p p de comittĕre ‘cometer’)

  1. s

    Persoa que recibe a autorización para exercer funcións de mando ou negociación por delegación dunha autoridade superior.

  2. s

    Funcionario de policía que exerce como xefe dunha comisaría, encargado de manter a lei e a orde nunha zona determinada.

  3. s

    Membro da Comisión Europea encargado dunha determinada parcela da política comunitaria e designado polo goberno de cada país membro da UE, nun número proporcional ao conxunto dos seus habitantes. Nomeado por cinco anos, pode ser renovado no seu cargo.

  4. s [DEP]
    1. Auxiliar do árbitro que en certas competicións deportivas se encarga de vixiar a aplicación do regulamento.

    2. Persoa con amplos poderes de decisión que se encarga de aplicar o regulamento en certos deportes, como o automobilismo, o atletismo ou a hípica.

  5. alto comisario [POLÍT]
    1. Delegado xeral do goberno durante o protectorado español en Marrocos.

    2. Representante diplomático dun Estado membro da Commonwealth noutro, co rango de embaixador.

  6. comisario da creba [DER]

    Persoa designada por un xuíz, nun procedemento de execución colectiva de creba, para vixiar e inspeccionar as operacións dos síndicos sobre a masa da creba, examinar as contas, presidir as xuntas de acredores e asesorar o xuíz sobre o desenvolvemento do procedemento.

  7. comisario de guerra [BÉL]

    Xefe do corpo de intervención militar encargado de diversas funcións de intendencia. A súa categoría equivale á de tenente coronel, cando é de primeira clase, e á de comandante, cando é de segunda.

  8. comisario do pobo [POLÍT]

    Membro do goberno da Rusia revolucionaria con poder executivo, que tiña ao seu cargo unha comisaría ou departamento, á maneira dun ministro. O goberno resultante da Revolución Rusa substituíu o título de ministro polo de comisario, pero posteriormente volveuse á antiga denominación.

  9. comisario político [POLÍT]

    Figura que representa os intereses dun partido político e que ten como función principal a educación política dos membros dunha determinada organización militar nas tarefas sociais e políticas da guerra revolucionaria. Ten a súa orixe na Revolución Rusa de 1917 e o concepto adoptárono tanto os partidos esquerdistas occidentais como os movementos insurreccionais latinoamericanos ou orientais. Durante a Guerra Civil española xurdiron de maneira espontánea nas columnas de milicianos da zona republicana e adquiriron carácter oficial co Decreto do goberno de Largo Caballero, do 16 de outubro de 1936.

  10. comisario testamentario [DER]

    Persoa en quen o testador delegaba a facultade de facer testamento no seu nome ou de distribuír ao seu arbitrio o caudal hereditario. O Código Civil español de 1995 prohibe o testamento por comisario.

  11. comisario xeral da Cruzada [HIST]

    Cargo eclesiástico creado pola monarquía hispánica en 1509 (de maneira definitiva en 1534). Encargábase da publicación da bula da Cruzada, presidía o Consello da Cruzada e administraba as esmolas recadadas. Desde o Concordato de 1851, as súas funcións exerceunas o arcebispo de Toledo.

Palabras veciñas

comisar | comisaría | comisariado | comisario -ria | comiscar | comisión | Comisión do Océano Índico