Comisión dos 9

Comisión dos 9

Organismo colectivo designado o 5 de maio de 1979 pola Asemblea de parlamentarios de Galicia co mandato de elaborar un novo proxecto de Estatuto de autonomía. Estaba formada por 9 persoas, de aí o seu nome, pertencentes a Unión de Centro Democrático, Partido Socialista Obrero Español e Coalición Democrática. Os seus integrantes foron: pola UCD, José Luis Meilán Gil, Juan Quintás Seoane, José María Pardo Montero, Pío Cabanillas Gallas, Miguel Sanmartín Losada e David Pérez Puga; polo PSOE, José Vázquez Fouz e Celso Montero; e, pola Coalición Democrática (CD), Jaime Tejada Lorenzo. O texto elaborado por esta comisión, que tomaba como base o presentado pola Comisión dos 16, aínda que moi modificado, foi presentado o 25 de xuño de 1979 perante a Asemblea de parlamentarios.