configuración

configuración

(< lat configuratiōne)

  1. s f

    Acción ou efecto de configurar ou configurarse.

  2. s f

    Forma que presenta algo, determinada pola disposición que adoptan as súas partes constituíntes.

    Ex: A configuración do litoral era rochosa.

    Sinónimos: conformación. Confrontacións: aspecto, forma, forma.
  3. s f [ASTRON]
    1. Posición relativa dos astros.

    2. Aspecto dun planeta respecto á Terra ou ao Sol.

  4. [FÍS]
    1. s f

      Situación dun sistema físico na que queda perfectamente especificada a posición de cada unha das súas partes compoñentes. Vén dada polas coordenadas de cada partícula ou ben, no caso de ligaduras, polas coordenadas xeneralizadas do sistema, en número igual ao de graos de liberdade deste.

    2. configuración electrónica

      Distribución dos electróns dun átomo ou dunha molécula nos diversos orbitais destes. Para deducir as configuracións electrónicas dos átomos, tómase como base o feito de que un átomo multielectrónico pode colocar os seus electróns nun conxunto de orbitais formalmente análogo ao do átomo de hidróxeno, seguindo a orde de menor a maior enerxía dos orbitais e tendo en conta o principio de exclusión. A orde en que se van enchendo de electróns os orbitais dun átomo neutro é: 1s, 2s, 2p, 3s, 3p, 4s, 3d, 4p, 5s, 4d, 5p, 6s, 4f, 5d, 6p, 7s, 6d, 5f, etc. A configuración electrónica dun átomo simbolízase a través da notación dos orbitais cun superíndice á dereita que indica o número de electróns de cada orbital. Así, por exemplo, para o átomo do sodio é 1s 2 2s 2 2p 6 3s 1 , aínda que correntemente só se se fai referencia aos electróns de valencia 3s 1 . Analogamente, faise para unha molécula baseándose na teoría do orbital molecular.

  5. s f [INFORM]

    Forma en que están dispostos os diferentes elementos dun ordenador para que tanto este como os programas e a impresora funcionen axeitadamente. Pode afectarlles ao teclado, á pantalla, ás unidades de disco, etc.

  6. s f [MAT]

    Termo moi extenso que designa todos aqueles obxectos matemáticos que consisten, basicamente, nun conxunto finito de elementos e nunha familia de partes do conxunto; os dous cumpren unha serie de regularidades alxébricas ou topolóxicas. Son configuracións algúns obxectos tan distintos como as variacións ou as combinacións dun conxunto de elementos, ou as diferentes disposicións de paquetes de medidas desiguais no interior dunha maleta.

  7. [QUÍM]
    1. s f

      Disposición xeométrica dos átomos ou grupos que envolven un determinado átomo ao que están enlazados. Deste xeito, as diferencias de configuración dun átomo de carbono dan lugar a isómeros ópticos.

    2. configuración cis-trans

      Tipo de isometría xeométrica pola que un mesmo composto presenta a forma cis-, con dous grupos da molécula do composto nun mesmo lado, ou a forma trans-, cos dous grupos en lados opostos dun determinado plano molecular. Por exemplo, o ácido butendioico presenta a forma cis- (ácido maleico) cando os dous grupos carboxílicos están ao mesmo lado do dobre enlace e a forma trans- (ácido fumárico) cando están en lados opostos. É representativa dos compostos olefínicos e dos sistemas alicíclicos e atribúeselle sempre á restrición de rotación libre ao redor do dobre enlace, nos primeiros compostos, e á rixidez dos enlaces que forman o anel, nos segundos.

  8. s f [LIT]

    isión esquemática das relacións que os personaxes dunha peza teatral manteñen na escena. Revela a importancia de cada figura con respecto ao resto. Chámase tamén constelación de personaxes.

  9. configuración dun transistor [TECNOL]

    Cada unha das diferentes maneiras nas que se poden conectar os electrodos dun transistor nun circuíto electrónico. Distínguense tres tipos de configuración: en base común, en emisor común e en colector común. En cada un destes casos, o electrodo respectivo (base, emisor ou colector) está conectado á terra e é común aos circuítos de entrada e saída.