conformidade

conformidade

(

  1. s f

    Calidade das cousas que se asemellan ou teñen outra como referente.

    Ex: Non hai conformidade entre as pretensións do club e as do xogador.

    Confrontacións: acordo, concordancia, consonancia.
  2. s f

    Feito de estar conforme coa opinión doutra persoa e expresión desa aprobación.

    Ex: Para continuar co proceso cómpre ter a conformidade dos implicados. Asistir á presentación do acto reafirmou a súa conformidade co proxecto.

    Sinónimos: consentimento. Antónimos: desaprobación, desconformidade.
  3. s f

    Feito de conformarse unha persoa coas circunstancias, xeralmente desfavorables, que a rodean.

  4. s f [ESTRATIG]

    Relación entre dous estratos, dous pisos ou dúas series, que se dispoñen paralelamente un detrás do outro, sen que haxa ningún tipo de interrupción na sedimentación.

  5. s f [SOCIOL]

    Aceptación, por parte dos membros dunha comunidade, das normas que prevalecen nesta nun momento dado, impostas ou mantidas polo grupo social dominante. Esta actitude pode ser resultado simplemente da socialización, efecto da coerción, ou froito dunha vontade consciente de integración no grupo e de ser aceptado por el.

Refráns

  • A cada paxariño chégalle o seu niño.
  • A faldriqueira do pobre, con pouco diñeiro se enche.
  • A falta da vaca, bos son polos con touciño.
  • A falta de pan, bo é pantrigo / bo é o pantrigo.
  • A falta de pan, boas son bicas.
  • A que non ten doncela, sérvese ela.
  • Agárrome a este sacho porque outro mellor non acho.
  • Algo é algo pero menos é nada.
  • Algo non é moito, pero nada inda é menos.
  • Cada paxariño atópase ben no seu niño.
  • Cando fores bigomia, aguanta; cando fores martelo, malla.
  • Colle o tempo a conforme vén, se outra cousa non podes facer.
  • En tempo e lugar hai que saber perder e gañar.,
  • Na noite da voda cal a topes, tal a toma.
  • No palleiro ben dorme o que anda ao ventimperio.
  • O lobo non come da carne que quer senón da que houber.
  • Pan da miña falchoca, como el non me falte, todo me sobra.
  • Pucheiriño pequeno logo está cheo.
  • Se non vexo polos ollos, vexo polos anteollos.
  • Tan contenta vai unha galiña cun polo coma outra con oito.
  • Tanto o pan coma o queixo e tanto o queixo coma o pan, cómoo se mo dan.
  • Teño o que teño e, co que teño, ben ou mal me manteño.
  • Todo o que vén, convén.
  • Toma o que che dan e non chores polo que queda.
  • Vale máis algo que nada.
  • Xa que non hai fogazas ¡veñan as pandeiradas!
  • ¡Nunca a feira vaia que máis mal me saia!
  • ¡Nunca vaia a feira que máis perda!

Palabras veciñas

conformador -ra | conformar | conforme | conformidade | conformismo | conformista | confort