consellería

consellería

(

  1. s f [DER]

    Cada un dos departamentos dun goberno autonómico baixo a dirección dun conselleiro. Na administración da Xunta de Galicia, para o mellor cumprimento dos seus obxectivos e fins, estrutúranse en órganos internos xerarquizados, dos que se consideran altos cargos os secretarios xerais e os directores xerais. Así mesmo, xunto coas secretarías e direccións xerais, os servicios administrativos e os órganos colexiados, integran a súa estrutura os entes públicos e os organismos autónomos que teñan adscritos. Teñen a súa sede central en Santiago de Compostela e delegacións provinciais nas que se integran os órganos e servicios existentes en cada provincia, agás nas consellerías de Economía e Facenda, e Pesca, Marisqueo e Acuicultura que teñen delegacións territoriais. As necesidades da Xunta de Galicia fan que o número e denominación das consellerías varíe ao longo dos anos. En 1982, trala constitución do primeiro goberno galego, creáronse nove consellerías: Presidencia; Ordenación Territorial e Obras Públicas; Educación; Traballo, Seguridade Social e Emigración; Sanidade; Agricultura, Gandería e Montes; Turismo e Deportes; Xustiza e Interior; e unha consellería adxunta ao presidente dedicada a Cultura. En 1983, o segundo goberno galego, mantivo as nove consellerías pero modificou o seu nome e estrutura: Presidencia; Economía, Facenda e Comercio; Educación e Cultura; Sanidade e Consumo; Traballo, Seguridade Social e Emigración; Turismo, Xuventude e Deportes; Industria e Enerxía; Agricultura, Pesca e Alimentación; e Ordenación Territorial e Obras Públicas. En 1986 mantívose o número pero modificouse a súa estrutura e nome: Presidencia; Economía e Facenda; Ordenación do Territorio; Educación; Traballo, Industria e Turismo; Sanidade e Seguridade Social; Agricultura; Cultura; e Pesca. Como resultado dunha crise interna, tamén en 1986 se formou un novo goberno, que mantiña as nove consellerías pero variaba a súa estrutura: Presidencia; Economía e Facenda; Ordenación do Territorio; Educación; Sanidade e Seguridade Social; Traballo, Industria e Turismo; Agricultura; Cultura e Benestar Social; e Pesca, Marisqueo e Cultivos Mariños. En 1987, o goberno tripartito creou dez consellerías: Presidencia e Administración Pública; Economía e Facenda; Ordenación Territorial e Obras Públicas; Educación e Ordenación Universitaria; Industria, Comercio e Turismo; Traballo e Seguridade Social; Sanidade; Agricultura; Cultura e Deporte; e Pesca. En 1990, o primeiro goberno de Fraga creou once consellerías: Presidencia e Administración Pública; Economía e Facenda; Ordenación Territorial e Obras Públicas; Educación e Ordenación Universitaria; Industria e Comercio; Traballo e Servicios Sociais; Agricultura, Gandería e Montes; Cultura e Xuventude; Sanidade; Pesca, Marisqueo e Acuicultura; e Relacións Institucionais e Portavoz do Goberno. En 1993, o novo goberno mantivo o número de once consellerías: Presidencia e Administración Pública; Economía e Facenda; Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; Educación e Ordenación Universitaria; Industria e Comercio; Agricultura, Gandería e Montes; Cultura; Sanidade e Servicios Sociais; Pesca, Marisqueo e Acuicultura; Xustiza, Interior e Relacións Laborais; e Familia, Muller e Xuventude. Dende 1997 a Xunta de Galicia está integrada polas seguintes consellerías: Presidencia e Administración Pública, que ten adscrita a Escola Galega de Administración Pública (EGAP); Economía e Facenda, que ten adscritos o Instituto Galego de Estatística (IGE), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), o Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) e o Consello Económico Social (CES); Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que ten adscritos o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Portos de Galicia e Augas de Galicia; Educación e Ordenación Universitaria, da que son órganos colexiados o Consello Escolar de Galicia, o Consello Universitario de Galicia e o Consello de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, e ten adscrito o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; ademais, integra no seu organigrama a Dirección Xeral de Política Lingüística; Industria e Comercio, que ten adscritos o Instituto Galego de Consumo (IGC) e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA); Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, que ten adscrito o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGGA); Cultura, Comunicación Social e Turismo, que ten adscritos o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, a Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais e a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (TURGALICIA); Sanidade e Servicios Sociais, que ten adscritos o Servicio Galego de Saúde (SERGAS), o Plan Autonómico sobre Drogodependencias e o Centro de Transfusión de Galicia; Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que ten adscritos o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, Centro de Investigacións Mariñas, Centro de Cultivos Mariños, Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro, Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, Centro de Experimentación en Acuicultura e Aula de Seguridade e Salvamento de Ferrol; Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que ten adscritos a Academia Galega de Seguridade e o Consello Galego de Relacións Laborais, ademais da Policía Autonómica; Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que ten adscritos o Servicio Galego de Colocación e o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (SGI); e Medio Ambiente, que ten adscrito o Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental.

    Confrontacións: ministerio.
  2. s f

    Edificio no que están as dependencias dunha consellería.

    Ex: Teño que ir pola consellería de Facenda antes de que remate o mes.

  3. s f

    Cargo que corresponde ao conselleiro.

    Ex: Deixou o seu labor docente para ocupar a consellería.