Consello Consultivo de Galicia

Consello Consultivo de Galicia

Órgano superior de consulta do goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, constituído en xullo de 1996 en aplicación da Lei 9/1995, do 11 de novembro, e do Decreto 287/1996, do 12 de xullo, que a desenvolve. Con sede en Santiago de Compostela, o seu obxectivo é mellorar a actuación administrativa do goberno autonómico co aumento da garantía de legalidade das súas decisións. Intégrano cinco membros, designados directamente polo presidente da Xunta para un mandato de seis anos (só poderán ser reelixidos unha vez), que deben ser, en calquera caso, licenciados en Dereito; ademais, deben contar cunha experiencia profesional mínima de dez anos como xuristas ou como altos cargos ou funcionarios da Administración, ou ben ter sido membros da mesa do Parlamento. A condición de membro é incompatible coa parlamentaria (indistintamente das Cortes Españolas ou do Parlamento de Galicia), coa de maxistrado do Tribunal Constitucional, Defensor del Pueblo, Valedor do Pobo ou vicevaledor, como membro do Consello de Contas, calquera cargo político ou administrativo, función directiva en partidos, sindicatos ou asociacións empresariais, actividade profesional ou mercantil; só é compatible coa docencia ou coa investigación científica. Os seus informes son preceptivos nos proxectos de reforma do Estatuto de Autonomía, proxectos de lei, convenios e acordos de cooperación con outras comunidades autónomas, regulamentos de leis, conflitos entre consellerías, alteración de límites municipais, creación e supresión de concellos e, en xeral, naqueles casos que estableza a lexislación específica. O seu primeiro presidente foi José Antonio García Caridad.

Palabras veciñas

conselleiro -ra | consellería | consello | Consello Consultivo de Galicia | Consello da Cultura Galega | Consello da Entente | Consello da Mocedade