Consello da Cultura Galega
Órgano colexiado asesor e consultivo, nacido ao abeiro do artigo 32 do Estatuto de Galicia e regulado pola Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega. Ten a súa sede no pazo de Raxoi en Santiago de Compostela. A súa creación respondeu á obriga da defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego que lle corresponden como Comunidade Autónoma. Está dotado de personalidade xurídica e ten capacidade de iniciativa, investigación e organización. As súas competencias son: analizar as cuestións referidas ao patrimonio cultural galego; fomentar a lingua e a cultura galegas; investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego; organizar actuacións culturais dentro e fóra de Galicia que se adecúen aos seus fins; asesorar e consultar os poderes da Comunidade Autónoma o que sexa preciso para defender e promocionar os valores culturais do pobo galego e elevar aos poderes da Comunidade Autónoma informes e propostas a favor desta defensa e promoción. O 29 de setembro de 2000 aprobouse o seu novo regulamento. Os seus órganos de goberno son a Comisión Executiva e o pleno. Forman parte desta comisión o presidente, os vicepresidentes e o secretario, elixidos polo pleno entre os seus membros. As funcións da Comisión Executiva son orientar as actividades do Consello, coordinar o traballo das seccións e dos arquivos, preparar os asuntos que tratará o pleno e aprobar a realización de seminarios, congresos e outras actividades. O pleno está formado polos conselleiros que integran o organismo. Son membros natos o presidente da Xunta de Galicia, que é o seu presidente de honra, e o conselleiro de cultura. Os restantes integrantes son os representantes das institucións presentes no Consello e os membros elixidos polo propio pleno. No Consello teñen representación as seguintes institucións: a Real Academia Galega, a Academia de Xurisprudencia e Lexislación, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a Universidade da Coruña, o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos, o Seminario de Estudios Galegos, a Academia Galega de Ciencias, o Instituto da Lingua Galega, o Instituto de Estudios Xacobeos, os museos de Galicia, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, a Fundación Penzol e a Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario. O mandato dos seus membros é de catro anos; cada dous anos prodúcese a renovación da metade dos membros que poden ser reelixidos. O número de institucións presentes no Consello pode incrementarse se así o acorda a maioría absoluta dos membros do pleno. O pleno pode acordar a creación de seccións e arquivos de carácter permanente e comisións técnicas. As seccións están coordinadas por un membro do pleno e teñen entre 5 e 10 membros. Encárganse da elaboración de propostas e informes, da promoción de actividades e do estudo das cuestións relacionadas co seu ámbito de análise. Divídese nas seccións de Antropoloxía Cultural (Francisco Fariña Busto), Arquitectura (Iago Seara Morales), Artes Plásticas (Iago Seara Morales), Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (Carlos Casares), Comunicación (Xosé López García), Dereito (Xosé Luís Meilán Gil), Lingua (Henrique Monteagudo Romero), Patrimonio Histórico (Francisco Fariña Busto), Patrimonio Natural (Ernesto Viéitez Cortizo), Música e Artes Escénicas (Ramón Castromil Ventureira) e Cultura Galega no Exterior (Pilar Cagiao Vila). A función dos arquivos é a recollida, recuperación e organización da documentación referida ao patrimonio cultural galego así como a súa conservación, estudo e difusión. O director de cada arquivo elíxeo o pleno entre os conselleiros; ademais, existe unha comisión técnica da que forman parte entre 5 e 10 membros escollidos pola Comisión Executiva, que dependen directamente do pleno. Funcionan o Arquivo da Emigración Galega (Pilar Cagiao Vila), o Arquivo de Planificación Lingüística/ Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (Henrique Monteagudo Romero), o Arquivo Sonoro de Galicia (Paulino Novo) e o Arquivo de Medios (Xosé López). Os estudios concretos realízanse nas comisións técnicas, que poden ser permanentes ou circunstanciais. Dependen dunha sección e teñen un número de membros non superior a dez. Son comisións de carácter permanente a de Patrimonio Histórico e a de Teatro. Entre as comisións de carácter circunstancial están as de Cinematografía e Artes Visuais, Comunicación Creativa e Corporativa, Dereito Galego, Museos, Novos Medios, Tecnoloxía e Territorio e Urbanismo. Outros órganos de goberno son a comisión de Publicacións, asesor da Comisión Executiva en cuestións de edicións e encargada da coordinación das coedicións; o gabinete de asesoramento, composto por tres membros elixidos polo presidente, a quen asesora; os programas que agrupan os proxectos en fase de consolidación que aínda non teñen carácter permanente -é o caso do portal de internet culturagalega.org e do Museo Virtual Castelao, primeiro museo galego de carácter virtual-, e os comisariados de exposicións, encargados da organización de congresos, encontros e exposicións. Foron presidentes do Consello, Ramón Piñeiro López (1983-1990) e Xosé Fernando Filgueira Valverde (1990-1996); dende 1996 ocupa a presidencia Carlos Casares Mouriño.