Corea, Guerra de
Enfrontamento bélico entre as dúas Coreas entre xuño de 1950 e xullo de 1953. Corea do Norte contou co apoio da URSS e China, mentres que Corea do Sur se apoiou nos EE UU e na ONU, no marco da Guerra Fría. O 25 de xuño de 1950 as tropas norcoreanas penetraron en Corea do Sur, chegaron a ocupar a capital, Seúl, e controlaron case toda a península, axudados por unha gran parte da poboación civil e polas accións de grupos políticos de Corea do Sur. A ONU enviou unha forza internacional dirixida polo xeneral estadounidense Douglas McArthur. O 30 de setembro chegaron ao paralelo 38° e o 29 de outubro alcanzaron a fronteira de China. A finais de novembro, o exército chinés interveu abertamente no conflito. A situación militar (o 4 de febreiro as tropas de Corea do Norte e as chinesas ocupaban Seúl) e política (os occidentais negábanse a continuar coa ofensiva bélica) obrigou os EE UU a adoptar unha actitude máis flexible. Así, despois de recuperar Seúl e situarse arredor do paralelo 38°, os contendentes iniciaron conversas. Finalmente, o 27 de xullo de 1953 asinouse un armisticio en P’anmunjŏm, que mantivo o statu quo anterior á guerra e, polo tanto, a fronteira entre as dúas Coreas quedou establecida arredor do paralelo 38°.