costume
(
-
Descrición literaria ou plástica de ambientes e personaxes, dunha maneira tipificada. Na literatura, as primeiras producións costumistas coinciden co inicio da expansión industrial, fenómeno ante o que adoptan unha actitude máis ou menos satírica ou crítica. Este movemento xurdiu no s XIX a partir do romanticismo, que engloba unha ampla variedade de textos breves, escritos en prosa ou verso e definidos pola súa temática relativa á descrición de personaxes típicos, costumes, ambientes, institucións, modos de ser ou usos, que pertencen normalmente á época do autor. Responden a distintos propósitos, que poden ser de tipo didáctico, satírico, humorístico, de reforma social ou moral, de evasión ou entretemento, etc. Adoitan construírse a partir da descrición directa, na que se intercalan breves diálogos exemplificadores do costume ou do medio de vida presentado, mentres que a acción se reduce ao mínimo ou mesmo desaparece. Combina elementos do relato breve e do ensaio, e na literatura española desenvolveuse por influencia francesa entre os anos 1830 e 1870. A súa manifestación máis xenuína é o chamado artigo de costumes, que xurdiu ligado ao xornalismo, pero que pronto acadou carácter independente. Desde 1840 distínguense dúas variedades: as escenas e os tipos, que evolucionaron a partir das primeiras. As escenas consisten na descrición dun ambiente, lugar ou institución, onde se enmarcan unha serie de personaxes representativos dun determinado grupo social. Pouco a pouco estes caracteres deixaron de ser simples figuras na composición total e convertéronse no foco central, feito que deu lugar aos tipos. A publicación da obra colectiva Los españoles pintados por sí mismos (1843-1844), inspirada na francesa Les français peints par eux mêmes (Os franceses pintados por si mesmos, 1840-1842), supuxo un momento clave na historia do movemento. Pretendía ofrecer unha imaxe auténtica do español, por medio da plasmación obxectiva dos tipos e costumes máis característicos da sociedade da época. Seguidamente, xurdiu un costumismo rexional que tentaba establecer as diferencias e as especificidades de cada rexión, máis alá do tratamento superficial da súa presentación colectiva. Deste xeito, apareceron obras como Enciclopedia de tipos vulgares y costumbres de Barcelona (1844), Los valencianos pintados por sí mismos (1859) ou Álbum de Galicia (1897), que deixan constancia da toma de consciencia da propia identidade que comezou a producirse en diversos territorios. As figuras máis representativas do costumismo foron Ramón de Mesonero Romanos, Serafín Estebánez Calderón e Mariano José de Larra, que colaboraron na publicación máis representativa do costumismo español: Cartas españolas (1831). Existen, ademais, unha serie de novelas vinculadas a esta estética, que parten da unión de varias escenas de costumes mediante un lene fío argumental, como La Gaviota (1849), de Fernán Caballero, ou Sotileza (1885), de José María de Pereda. En Francia, esta modalidade denominouse littérature de moeurs e o seu campo de observación da realidade incluíu, non só os usos e costumes, senón que explorou os distintos niveis morais do individuo e da sociedade. O modelo máis representativo constitúeo La Comédie humaine (A comedia humana, 1842), de Honoré de Balzac. Outros escritores franceses que cultivaron o costumismo foron Victor Jouy (L’Hermite de la Chaussée d’Antins, 1812-1814), Sophie Gay ou Hippolyte Auger. En Inglaterra, a plasmación de costumes advírtese tamén na produción novelística do s XIX, por exemplo nas obras de Jane Austen, que reflicten unha sociedade pechada e codificada, de Mrs. Gaskell, que recrean os usos da era vitoriana ou de Evelyn Waugh na triloxía Sword of honour (1948-1961), sobre a época eduardina. Non obstante , a crítica inglesa asocia o termo á comedy of manners (‘comedia de costumes’) do tempo da Restauración, que denuncia un mundo sometido aos convencionalismos sociais, cultivada, entre outros, por George Etherege ou William Wycherley. En Galicia o costumismo influíu notablemente no Rexurdimento, que nacera como consecuencia en boa medida do interese do romanticismo polas identidades nacionais a partir das súas tradicións e costumes. Así, aparece a súa pegada nalgúnhas pasaxes da obra de Rosalía de Castro, por exemplo no poemario En las orillas del Sar. Na arte española, a pintura costumista acadou unha maior relevancia co romanticismo. Á visión propia dos artistas españois engadiuse a contribución dos estranxeiros que viaxaban por España. En xeral, esta visión foi moi tipificada e centrouse no andaluz por ser esta a terra que máis visitaban e que identificaban con España. O costumismo andaluz non abordou ningunha crítica social e amosou o pobo e os seus costumes dun xeito pintoresco e folclórico; pola contra, a escola costumista madrileña foi moito máis dura e mostrou todo tipo de realidades, ata as máis desagradables da sociedade. Pola súa banda, os pintores galegos tamén recrearon a visión do pobo galego. A escola andaluza desenvolveuse principalmente en Sevilla, cidade que recibía a visita de moitos artistas e viaxeiros estranxeiros que solicitaban os pequenos cadros costumistas. Entre os pintores costumistas andaluces destacan José Domínguez Bécquer (1805-1841), José Roldán (1808-1871), Joaquín Domínguez Bécquer (1817-1879) e Manuel Rodríguez de Guzmán (1818-1867). A introdución do costumismo en Madrid debeuse á obra de Valeriano Domínguez Bécquer (1834-1870) e de Dionisio Fierros (1827-1894). As pinturas deste último amosan un carácter documentalista e investigador que o relacionan co rexionalismo, e concorreu ás Exposiciones Nacionales con obras de temática galega. Posteriormente, o andaluz José Elbo (1804-1844) cultivou un costumismo populista na capital, mentres que o de Eugenio Lucas Velázquez (1817-1870) relacionouse coa obra de Goya ao representar escenas de bruxería ou de clases sociais máis baixas. En Galicia o costumismo relacionouse co Rexurdimento e coa aparición do galeguismo, que levou a estudar a historia, o folclore e as raíces do pobo galego na busca da identidade nacional. En xeral, os pintores galegos do s XIX cultivaron en maior ou menor medida este xénero; entre eles cómpre destacar a Serafín Avendaño (1838-1916), que introduciu nas súas paisaxes a tipoloxía galega, como en Paisaxe con galega (1891); Román Navarro (1854-1928); Xosé María Fenollera (1851-1918) e Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960), o pintor rexionalista por excelencia. No eido da escultura, o iniciador do costumismo foi Isidoro Brocos (1814-1914) con obras, como O vello da zanfona. Durante o s XX, a pintura galega continuou a representar costumes e tipoloxías galegas, pero, co paso do tempo, foise abandonando a visión romántica do s XIX para plasmar visións máis acordes coa realidade.
-
s
m
-
Práctica dalgunha cousa repetida regularmente, que realiza unha persoa ou un colectivo.
Ex: Teño o costume de ir ás dez para a cama. Cearmos xuntos na Noiteboa é un costume de toda a miña familia.
Sinónimos: hábito. Confrontacións: usanza. -
Práctica repetida e tradicional dunha colectividade humana.
Ex: O horario das comidas é un costume que pode variar en cada pobo.
-
-
s
m
[DER]
-
Norma xurídica orixinada polo uso reiterado dun acto, durante un prolongado período de tempo. Trátase dunha fonte do dereito de carácter directo, pero subsidiario en case todas as ordes xurídicas. Ten dous elementos: o material, a repetición constante de actos ou uso social, e o espiritual, a convicción xurídica da súa necesidade e o seu carácter obrigatorio (opinio iuris). En España, o costume soamente rexe en defecto de lei aplicable, sempre que non sexa contrario á moral ou á orde pública e resulte probado. O costume pode ser secundum legem, cando lle serve de norma de aplicación e interpretación; extra legem, cando substitúe as deficiencias da lei; e contra legem, cando cae a lei en desuso ou establece unha normativa e unha maneira de proceder contraria á lei. O Código Civil español unicamente admite o costume supletorio da lei.
-
Recompilación escrita de costumes xurídicos.
-
-
s
m
[FILOS/SOCIOL]
Fundamento, definido por Hume, de todas as inferencias derivadas da experiencia, que non poden ter un carácter racional debido á falta da conexión necesaria que caracteriza todos os razonamentos de feito. Dende o punto de vista antropolóxico e sociolóxico, afírmase a existencia de tantas éticas coma costumes ou comunidades humanas.
Frases feitas
-
De costume 1 loc adv De xeito habitual. Ex: Xa están rifando por unha miudeza como de costume.
-
2 loc adx Que se ten por costume. Ex: Foi cos amigos a xogar o partido de costume.
-
Por costume loc adv Por estar afeito ou por hábito. Ex: Érguese cedo as fins de semana por costume, aínda que se deite tarde.
Refráns
- A cada tempo, o seu tento.
- A mal costume crebarlle a pema ou romperlle a testa.
- A novo rei, nova lei.
- A novos tempos, novos consellos.
- Acá e alá malas fadas hai.
- Alá coma alá, acá coma acá.
- Cada casa ten os seus usos.
- Cada país ten o seu uso e cada roca seu fuso.
- Cada tempo ten os seus costumes.
- Como verás, así farás.
- Como vires, así fai.
- Costume "boa" ou costume "mala", o vilán quere que valla.
- Costume malo tarde ou nunca é deixado.
- Costumes e diñeiro fan os fillos cabaleiros.
- Deixémo-Ios avós e sexamos nós bos.
- En cada tempo seu tento.
- En cada terra seu uso e en cada roca o seu fuso.
- Mudado o tempo, mudado o pensamento.
- Na terra onde vivires, fai o que vires.
- No país a onde fores fai o que vires.
- O costume de xogar e xurar é malo de deixar.
- O costume fai lei e mata a lei.
- O costume largo as dores amaina.
- O costume ten forza de lei.
- Ó mal uso créballe a pema.
- O que adoita bailar, nunca quedo pode estar.
- Ó que non está afeito ás bragas, as costuras fanlle chagas.
- O uso novo enterra o vello.
- Os usos non viñeron todos xuntos.
- Ser coma o ferreiro de moito estronicio, que de tal machacar esqueceulle o oficio.