crema

crema

(< fr crème)

  1. s f

    Compoñente graxo do leite.

    Confrontacións: nata, tona, nata.
  2. s f [ALIM]

    Preparación culinaria usada fundamentalmente en repostería, aínda que tamén nalgúns tipos de alimentos de sobremesa. En repostería emprégase a crema inglesa, especialidade de consistencia lixeira feita con leite, xemas, azucre e aromatizada con vainilla, que se utiliza para facer xeados e como salsa para acompañar tartas. Dela derívanse, entre outras, a crema pasteleira, máis espesa, con fariña e, polo xeral, perfumada con canela e limón, que constitúe o recheo propio das canas ou dos brazos de xitano; a crema muselina, máis doce e con adición de manteiga, que serve de recheo en pasteis e tartas; as distintas cremas de manteiga, emulsións de manteiga con xema ou merengue e a chantilly, nata montada azucrada. As cremas das sobremesas adoitan ser espesas e poden estar aromatizadas con café, chocolate ou outro ingrediente. Unha das máis representativas é a crema catalana, que se recobre con azucre e se queima superficialmente nunha prancha.

  3. s f [ALIM]

    Licor espeso que ten unha cantidade de azucre superior ao 30%. Algunhas cremas de licor como a de café, cacao ou whisky levan, ademais, crema de leite. É unha bebida, en xeral, alcohólica. A máis popular é a crema irlandesa, un licor pastoso de 20 graos de contido alcohólico, con sabor a crema de leite e chocolate, que a casa Bailey’s popularizou con grande éxito na década de 1980, aínda que tamén existen outras marcas representativas que elaboran o mesmo tipo de licor.

  4. s f [QUÍM]

    Emulsión semisólida de aplicación farmacéutica e cosmética. Está constituída por unha fase lipoide, que pode conter triglicéridos, ceras, alcohois e ácidos graxos, e unha fase acuosa. Os principios activos poden estar contidos en calquera das dúas fases, segundo a solubilidade e a acción que se queira obter.

    Confrontacións: pomada, ungüento, untura.
  5. s f

    Pasta composta de ceras naturais ou sintéticas, parafinas e ceras microcristalinas plásticas, con disoventes orgánicos e colorantes que se emprega para distintos fins, como lustrar os zapatos.

    Sinónimos: betume.
  6. s f [ALIM]

    Preparación culinaria de textura fina e continua coa que se preparan as sopas e purés e que se obtén machucando os alimentos que a elaboran.

    Ex: Xantamos crema de verduras.

  7. s f

    Conxunto do mellor e máis selecto dalgunha cousa.

    Ex: Asistiu ó congreso a crema da intelectualidade galega.

  8. adx e s f

    Cor branca amarelada.

    Ex: Comprou un vestido de cor crema. Pintou a habitación dun crema claro.

Formas incorrectas

natilla