cursus honorum*

cursus honorum*
[DER]

Expresión latina, equivalente a ‘sucesión’ ou ‘carreira dos honores’, que se empregaba para designar a orde na que debía efectuarse, forzosamente, a carreira política en Roma, as condicións para ocupar as maxistraturas e os cargos públicos aos que podía acceder un patricio. A organización do sistema comezou a partir da Lei Villia (180 a C) que ditou as normas para acceder á carreira de honores: situou a idade mínima nos vinte e sete anos; estableceu o paso pola sucesión das maxistraturas curuis (cuestura, edil curul, que non era obrigatorio, pretura e consulado); e fixou o intervalo legal de dous anos entre as maxistraturas sucesivas. O Senado era o encargado do control estreito das carreiras, pero os diferentes comicios podían producir derrogacións nos cargos. Na época de Mario, a finais do s II, comezáronse a producir sistematicamente transgresións nas súas regras. Tralo período das guerras civís, Augusto reorganizou o sistema: o primeiro cargo era o virginviratus civil, ao que se accedía aos dezasete anos, ou o tribunado militar, aos dezaoito anos, cargos que se entendían como preparatorios para o resto da carreira; o segundo era a cuestura (quaestor) á que se accedía aos vinte e cinco anos; o terceiro, a edilidade (aedilis) ou o tribunado (tribunus plebis), aos vinte e sete anos; o cuarto era o de pretor (praetor), aos trinta anos; e, finalmente, podíase acceder ao consulado, aos trinta e tres anos. Durante o Baixo Imperio deixaron de respectarse as súas regras e as maxistraturas convertéronse en honores repartidos polo emperador. Deste xeito, o sistema diminuíu a súa importancia, aínda que se mantivo ata finais do Imperio Romano de Occidente.

Palabras veciñas

curso | Curso de | cursor | cursus honorum* | cursus* | Curt Martínez, José | curtación