Curso de
Curso creado coa Lei Xeral de Educación (LXE) de 1970, que tiña como precedente o curso preuniversitario da Lei de Ordenación do Ensino Medio de 26 de febreiro de 1953, do ministerio de J. Ruiz Jiménez. O artigo 32/1 da LXE especifica que este curso debe preparar o alumno para o seu ingreso na Universidade, logo da superación dunhas probas de acceso (selectividade). Os seus obxectivos son: profundar na formación das ciencias básicas; orientar os alumnos na elección das carreiras ou profesións para as que demostran mellores aptitudes e inclinacións; e achegarse ás técnicas de estudo e traballo intelectual propias da educación universitaria. O artigo 34 da LXE indica que a dirección xeral de Ensino Medio debe programar o curso, a Universidade debe revisalo e darase nos centros de bacharelato. A orde ministerial de 13 de xullo de 1971 establece que o seu plan de estudios se basea en tres materias comúns e vinte e unha optativas en catro grupos, das que o alumno escolle tres. A orde ministerial do 22 de marzo de 1975 dispón que os estudiantes deben posuír o título de bacharel superior para acceder a este curso, e que as materias opcionais se dividen nas seccións de letras e ciencias. A orde ministerial de 11 de setembro de 1976 distribúe definitivamente as materias de COU: tres materias comúns (lingua estranxeira, filosofía e lingua castelá) e dúas opcións (opción A e opción B), integradas cada unha delas por dúas materias obrigatorias (opción A: literatura e historia do mundo contemporáneo; opción B: matemáticas e física) e catro optativas, das que teñen que escoller dúas (opción A: latín, grego, historia da arte e matemáticas; opción B: química, bioloxía, xeoloxía e debuxo técnico). Trala aprobación da Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE), Real Decreto 1/1990 de 3 de outubro, o Curso de Orientación Universitaria desaparece do sistema educativo.