Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán
Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán
Texto votado pola Asemblea Constituínte francesa do 17 ao 26 de agosto de 1789, que se compoñía de 17 artigos e un preámbulo. A súa redacción recollía a influencia da Declaración de Independencia dos EE UU (1776) e do pensamento dos enciclopedistas do s XVIII. Proclamaba a igualdade de todos os homes e os seus dereitos naturais e inalienables: a liberdade individual, de pensamento, de prensa e de credo, limitada no seu exercicio pola liberdade do resto da sociedade; recoñecíase a propiedade privada como dereito inviolable, o dereito á resistencia, a igualdade ante a lei, ante a xustiza e a facenda. Instaurou a liberdade de opinión e estableceu a transferencia da soberanía do rei á nación e a separación de poderes.