Declaración de Independencia dos EE UU
Documento adoptado o 4 de xullo de 1776 en Philadelphia durante o II Congreso continental, no que os delegados das trece colonias británicas de América do N proclamaron a súa independencia e a vontade de constituírse nos Estados Unidos de América. Encargouse da súa redacción un comité formado por Thomas Jefferson, John Adams, Benjamin Franklin, Roger Sherman e Robert R. Livingston, segundo a proposta de Richard Henry Lee. Estaba formada por cinco seccións: un preámbulo; unha proclamación dos dereitos naturais inalienables e do dereito das nacións a elixir un goberno que respecte e defenda estes principios; un conxunto de acusacións contra o monarca Xurxo III de Inglaterra; unha descrición dos intentos das colonias de acadar unha compensación polos agravios sufridos; e a declaración de independencia. A declaración estaba moi influída polas teorías de John Locke, que estableceu o principio de que as persoas necesitan dun goberno para protexeren os seus dereitos inalienables, dos que se incluían neste documento o dereito á vida, á liberdade e á felicidade. O texto formulaba tamén o dereito dos homes a rebelarse contra o goberno que non garantise estes dereitos, como xustificación do seu enfrontamento contra a monarquía británica. Estableceu os cimentos para a Revolución Francesa (1789) e para as seguintes revolucións en América do S.