Declaración de Barcelona

Declaración de Barcelona

Documento redactado e asinado en Barcelona o 16 de xuño de 1998 polos líderes dos partidos nacionalistas maioritarios das nacionalidades históricas, polo que se establecía unha fronte común cara á reorganización do modelo da estrutura do Estado. Na sinatura desta declaración participaron Xabier Arzallus, como representante do Partido Nacionalista Vasco (PNV), Jordi Pujol, presidente da Generalitat de Catalunya, en representación de Convergencia i Unió (CiU), e Xosé M. Beiras, líder do Bloque Nacionalista Galego (BNG). Segundo os asinantes, despois de vinte anos de desenvolvemento no marco da Constitución de 1978 e logo do proceso de descentralización administrativa, precisábase unha nova etapa de ordenación política, dirixida á implantación en España dun modelo de estado confederal definido como un pacto entre países que conservan a súa soberanía e o recoñecemento internacional individualizado.